OS CONTRABANDISTAS

27/05/10

Premio da Fundación Lois Peña Novo para o "Modelo Burela"

A Fundación Lois Peña Novo ven de premiar ao Concello pola súa divulgación do galego a través do denominado Modelo Burela. O galardón será entregado nun acto previsto para o vindeiro 30 de xuño no Castelo de Soutomaior.

O alcalde, Alfredo Llano, sinala que “recibimos con grande ledicia a comunicación da secretaria da Fundación Lois Peña Novo para outorgarlle ao Concello un premio á política de interculturización de numerosas comunidades internacionais asentadas en Burela. Din que é unha experiencia pioneira e modélica para o restos dos concellos galegos inmigrantes de distintas procedencias e culturas”.

O rexedor engade que “a política lingüística do Concello de Burela, que se desenvolve sen conflictos a partir dunha pedagoxía nas escolas municipais, fixo posible que o 81% da poboación fale galego en Burela. Na Fundación louban que os grupos políticos do Concello respaldemos por unanimidade esta política de integración. O que se fixo aquí foi dar este premio polo denominado Modelo Burela que nace no IES Perdouro, no que están representadas todas as comunidades asentadas aquí”.

Llano asegura que o premio foi “unha sorpresa moi grata. Recollerémolo no Castelo de Soutomaior o 30 de xuño, representantes do Modelo Burela, do IES Perdouro, do Concello e algunha persoa máis que nos queira acompañar. Noraboa a todos os que participan nesta iniciativa”.