OS CONTRABANDISTAS

26/10/10

Fomento da lectura ao estilo “Modelo Burela”

A biblioteca do Instituto Perdouro foi o escenario dunha actividade moi especial de fomento da lectura. Nela realizouse a primeira presentación de Soños chuchados en apreixos furtados, á súa vez a primeira publicación do profesor Luís Ramilo, docente da área de Imaxe Persoal neste centro educativo de Burela.

No acto, o autor estivo acompañado na mesa pola vicedirectora, Karina Parga, e polo profesor de Lingua e Literatura Bernardo Penabade. A presentadora do acto indicou que tiñan escollido esta data para commemorar o Día das Bibliotecas Escolares e a seguir aproveitou a ocasión para presentar o programa de actividades a realizar nesta primeira parte do curso así como tamén as melloras infraestruturais realizadas no propio Salón de Lectura onde se celebrou esta presentación literaria.

Pola súa parte, Bernardo Penabade indicou que a obra é unha síntese de artes plásticas e literarias, moi ao estilo das publicacións vangardistas que veñen aparecendo desde hai agora un século por todo o continente europeo: “os collages, as pinturas así como as fotografías de pequenas esculturas están acompañadas de relatos ou poemas que contan coa particularidade de estaren escritos con entre 10 e 100 palabras, sempre en números redondos (10, 25, 50, 100). En todas as composicións están presentes unhas mensaxes moi nobres: a defensa da paz, o rexeitamento da violencia, o estímulo da forza vital, o fomento do equilibrio entre os xéneros e, incluso, a rebeldía contra os  anti-valores”.

O autor, Luís Ramilo, comentou que a xénese da obra procede dunha súa experiencia docente nun centro de integración de menores da cidade de Vigo. Á vista das especiais circunstancias en que debería desenvolver o seu traballo, resolveu realizar unha práctica docente moi vinculada coas manualidades e as artes plásticas, que máis tarde completou con pequeniñas “cousas” literarias. A seguir, explicou os motivos que o animaron a decantarse pola autoedición apoiándose nunha empresa de comunicación dixital.

Quen tamén fixo uso da palabra a coordinadora do Proxecto de Innovación Educativa do Instituto Perdouro, a profesora María José Andión, quen tivo palabras de eloxio para Ramilo Machado polo seu apoio para a implantación do Modelo Burela de convivencia lingüística. De todos os xeitos, as intervencións máis aplaudidas de toda a velada literaria foron as das alumnas do ciclo de Imaxe Persoal Tamara Cuba e Silvia Cotarelo que, en clave de humor, deron a súa visión da obra, felicitaron o autor e simultaneamente aproveitaron o acto para reivindicar a implantación na Mariña do ciclo de estética.

Juan Sama cerrou este acto literario con parabéns para o autor e agradecemento para a participación do público, onde destacaba unha nutrida representación do profesorado e de alumnado dos ciclos formativos. O director do Instituto Perdouro mostrou o desexo do centro de que a biblioteca acolla no futuro actividades con características semellantes.

25/10/10

"Soños chuchados en apreixos furtados" - Luís Ramilo Machado

 
Presentación do libro Soños chuchados en apreixos furtados, do profesor Luís Ramilo (docente da área de Imaxe Persoal).
 
O acto celebrarase ás 18:15 horas do Luns, 25 de outubro, na Biblioteca.
 

10/10/10

Casamento "Modelo Burela"

Vaise celebrar a un casamento ao estilo Modelo Burela

Referencia

Ao estilo do que en Asturias se coñece como “Bodas Vaqueiras”, en Burela vaise celebrar  un casamento ao estilo Modelo Burela.

A cerimonia comezará ás doce e media do mediodia na igrexa parroquial de Burela. Será oficiada por Ramón Marful, quen xa visualizou o programa e o “aprobou” no referente á parte litúrxica.
A liturxia durará aproximadamente entre 3/4 de hora e 1 hora. Nela actuará a Banda Dambara (á que pertence a noiva) e recitarase a adaptación dun poema de Manuel María.
Á saída da cerimonia, no adro da igrexa, escenificarase unha regueifa e interpretaranse dúas danzas: a muiñeira vella e a muiñeira de Ponte-Ledesma.

A comida está prevista para as 15.30 hrs no Restaurante Louzao, onde elaborarán un menú cos máis tradicionais produtos gastronómicos galegos (entre eles o caldo). Ao remate do xantar, bailarase o vals interpratado en directo pola banda Dambara (vals irlandés con acordeón e gaita) e na hora meiga farase unha queimada.
Tanto o guión da cerimonia como as tarxetas de convite -e de recordo- son antolóxicas. Realmente están moi coidados os detalles.

Na cerimonia eclesiástica interpretaranse:

Marcha de Breixo
Marcha Nupcial Galega
Marcha de San Bieito
Hino do Antigo Reino de Galiza
Hoy he vuelto Madre a recordar
O meu toxiño
Unha canción sorpresa
Hino de Galiza “Os Pinos”

Nome das mesas no restaurante Louzao:

Alborada galega
Muiñeira de Chantada
Aires de Pontevedra
Chouteira do Lérez
A Carolina
Foliada de Tenorio
Buxos Verdes
Danza de Patelas
Pasodoble de Pastoriza
Pasodoble de San Roque
Muiñeira da Camposa
A Baitucada
Muiñeira de Lugo
Muiñeira do Piornedo
O Molete
O Verdegaio
Pasodoble corrido
Rumba de Vergara
Rumba dos cinco mariñeiros
La Sansonette
Muiñeira de Freixido
Pasdodoble de Berbés

02/10/10

O "Modelo Burela" nos encontros pedagóxicos da CIG

REMATARON OS ENCONTROS PEDAGÓXICOS DA CIG ENSINO

Máis de 40 profesores e profesoras asistiron ao curso de formación

Ribadeo, 1 de outubro de 2010.- Hoxe venres remataron os XVIII Encontros Pedagóxicos da Mariña celebrados no IES Monte Castelo de Burela e organizados pola CIG-Ensino. Durante toda a semana leváronse a cabo distintos obradoiros e actividades para os máis de 40 profesores e profesoras anotadas, tanto de primaria como de secundaria.

Os obradoiros que se impartiron foron os de creatividade artística, educando á sexualidade e webquest. Dentro das actividades tiveron a presentación do Modelo Burela, a actuación da Burela Blues Band e na tarde de onte un percorrido polo porto de Burela con visitas guiadas ao barco museo, á confraría e á nave das redeiras.

Desde a CIG Ensino mostráronse moi contentos coa aceptación que tiveron estas xornadas formativas e agracederon tanto ao instituto Monte Castelo como ao Concello de Burela a colaboración prestada.