OS CONTRABANDISTAS

16/11/10

Nas Xornadas sobre a Normalización da UDC falarán do Modelo Burela e do proxecto de Innovación do Perdouro

O Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña acolle durante esta semana as III Xornadas sobre a Normalización da Lingua e a Cultura no Ámbito da Educación, nas que terán destacada presenza o PRoxecto de Innovación Educativa do IES Perdouro e o Modelo de Planificación Lingüística do Concello de Burela.

Na presente edición, a  Facultade de Ciencias da Educación contará coa participación de representación de Nova Escola Galega, da Universidade de Santiago, da REal Academia Galega e de diferentes medios de comunicación. Entre as 4 e as 6 da tarde do día 18 de novembro, realizarase un debate sobre o Modelo Burela, para o que se contará coa participación de representantes docentes e de ex-alumnos do IES Perdouro que agora están continuando a formación na Universidade da Coruña.

A colaboración entre o IES Perdouro e a Universidade da Coruña continuará durante os meses de novembro e decembro en dous eventos máis. O sábado 27 de novembro, o profesor Bernardo Penabade intervirá nas xornadas “Ricardo Carvalho Calero: ciencia, literatura e nación” coa exposición sobre o labor do catedrático ferrolano como planificador lingüístico. Nas mesmas xornadas, o día 25 ás 8 da tarde será proxectado un audiovisual con unha entrevista inédita a Carvalho Calero realizada polo profesor Ramón Reimunde Noreña.

Finalmente, no día 2 de decembro, a coordinadora de Innovación Educativa do IES Perdouro, María José Andión Fontela, participará nas VII Xornadas de Lingua e Usos, que nesta edición están dedicadas á relación entre a lingua e a sanidade. Aproveitando a súa presenza neste evento académico, a representante do IEs PErdouro aproveitará a ocasión para entregar unha memoria de actuacións pedagóxicas a Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da RAG) así como aos representantes das forzas políticas con representación parlamentar. En reunión con Goretti Sanmartín, responsábel da área de Dinamización da Universidade da Coruña, avaliará a posibilidade de colaboración para outras actividades académicas a realizar durante o ano 2011.

01/11/10

O Concello de Burela subscribe a declaración sobre memoria colectiva impulsada diversas entidades locais galegas

Burela, 1 de novembro de 2010. Con motivo da conmemoración do Día de Defuntos, o Concello de Burela realizará mañá martes, día 2 de novembro, unha serie de actividades destinadas a lembrar a aqueles que xa non están con nós. Ditas actividades servirán tamén para dar a coñecer publicamente que o Concello subscribe a Declaración sobre Memoria Colectiva impulsada por diversas entidades locais galegas e que coincide substancialmente coa liña de traballo e os obxectivos do Modelo Burela de Planificación Lingüística. Polo momento fixérono: Santiago de Compostela, A Estrada, Vilagarcía de Arousa, Mondariz Balneario, Maceda, Calvos de Randín, Baltar, Castro Caldelas, Moaña, Poio, Outes, Boiro e A Fonsagrada.

Ás 6 da tarde, unha comitiva formada por representantes municipais e do grupo de Innovación Educativa do IES Perdouro visitará o cemiterio parroquial, onde será recibida por Néstor Valle Gómez (coidador dos cemiterios parroquial e municipal de Burela), quen realizará o labor de guía para explicar o patrimonio recollido en determinadas lápidas. Fillo do modesto contratista de obras –e enterrador no cemiterio parroquial- Nestor Valle Casas, Valle Gómez (Burela, 1959) leva xa desde os 13 anos atendendo os cemiterios da localidade, actividade da que se ocupa en exclusiva desde 1994 (a data na que se xubilou o pai).

Posteriormente, ás 7 da tarde, no Salón de Conferencias, será proxectado o audiovisual Palabra e Memoria, unha composición de Matías Nicieza centrada nunha exposición de fotografías de inscricións funerarias realizadas pola fotoxornalista Pepa Losada.

Durante a clausura da actividade, os representantes municipais entregaranlle a Néstor Valle Gómez un pequeno obsequio, en recoñecemento á súa constancia no labor de preservar a memoria colectiva.

Máis premios

Por outra banda, o Concello de Burela recibirá nos próximos días ao equipo de normalización do IES Perdouro para agradecerlles o traballo realizado no centro educativo ao acadar o Premio á innovación en normalización lingüística nos centros escolares.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, enviou unha carta aos equipos de normalización lingüística, á dirección e ao claustro de profesores/as, na que lles traslada “en nome propio e no da Corporación Municipal os parabéns polo voso magnífico traballo en prol da normalización do noso idioma que vén de ser recoñecido co Premio á innovación en normalización lingüística nos centros escolares. Somos conscientes de que o noso idioma avanzará grazas á vosa contribución, por iso, saudámosvos afectuosamente e agradecémosvos o traballo que vides realizando”.