OS CONTRABANDISTAS

20/05/12

Empresas e comercios locais que asumen como propios os criterios de atención e comunicación Modelo Burela
A Casa Miranda acolleu a presentación dos convenios con diferentes casas comerciais.

Ás 12: 00 horas do día 17 de maio, Día das Letras Galegas, na Casa Miranda do porto de Burela procedeuse ao acto de sinatura de convenios con empresas e comercios locais que asumen como propios os criterios de atención e comunicación Modelo Burela. En representación da área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro tomou a palabra a profesora María Xosé Andión Fontela, que explicou o contido dos convenios a asinar entre o centro educativo e os representantes de varias casas comerciais da localidade.
Por parte dos comerciantes compareceron Estéfano Gudín, ceramista orixinario de Arancedo (El Franco) con obradoiro aberto no centro de Cervo; Xabier Sánchez Lorenzo, de Imaxedixital3000, un dos impulsores da iniciativa e responsable da imaxe corporativa das actividades comerciais “Modelo Burela”; José Miranda, recoñecido deseñador que combina esta súa actividade profesional coa dedicación ao sector da restauración gastronómica; e Pablo Fernández, con comercio do sector téxtil -Xemelgos Skate Schop- no centro Porto Praza.
Pola súa parte, a vice-directora do Instituto Perdouro manifestou a satifación da comunidade educativa pola acollida que o Modelo Burela está tendo entre as casas comerciais. Karina Parga mostroulle aos presentes a disposición do centro de ensino para colaborar no reforzo do comercio e a empresa da localidade. Ao mesmo tempo, suxeriulles unha actualización da súa comunicación dixital seguindo o exemplo do grupo musical Alma Latina, entidade pioneira na difusión do novo modelo de comunicación.

15/05/12

Actividades “Modelo Burela” para conmemorar o día das Letras Galegas

A área de Innovación Educativa do Instituto Perdouro organiza dúas actividades especiais para conmemorar o Día das Letras Galegas ao estilo Modelo Burela.
Por unha parte, o propio día 17 de maio sae para Londres unha expedición de alumnos e alumnas de 4º de ESO, acompañados polo profesor Antonio Galdo e pola profesora Charo Fernández, co obxectivo de fomentar a fluidez comunicativa en inglés. Esta é unha actividade complementaria das sesións de teatro e dos obradoiros de lingua inglesa coordinados polo lingüista Anik Nandi e que se celebran no Instituto Perdouro desde hai varios anos académicos.
Por outra parte, ás 12: 00 horas na Casa Miranda do porto de Burela procederase ao acto de sinatura de convenios con empresas e comercios locais que asumen como propios os criterios de atención e comunicación Modelo Burela. Seguidamente entregaranse os primeiros distintivos ás empresas que teñen subscrito este tipo de convenios.

O Instituto Perdouro organiza actividades especiais para conmemorar o Día das Letras Galegas ao estilo Modelo Burela.

10/05/12

OS NEOFALANTES PROTAGONIZAN O PROGRAMA LUAR DA TVG PRESENTADO POR XOSÉ RAMÓN GAIOSO

Unha delegación da Mariña participará mañá nun programa dedicado á celebración do Día das Letras Galega

Un conxunto de 15 persoas da Mariña viaxarán na tarde de mañá venres a Santiago de Compostela para participaren na emisión do Luar da TVG, un programa que estará dedicado á conmemoración do Día das Letras Galegas. A delegación que sairá da estación de autobuses de Burela ás 4 da tarde, está encabezada pola Vicedirectora do IES Perdouro, Karina Parga Chao, e nela figuran diversas persoas da Mariña, todas elas cun vínculo especial: a súa procedencia de máis alá das nosas fronteiras e a máis que aceptable integración na nosa cultura.
Xunto a diversos protagonistas do documental “Modelo Burela”, de Matías Nicieza (que tamén estará na expedición), serán entrevistadas en Luar algunhas das persoas que participaron durante este curso académico nas emisións radiofónicas tituladas “Proxecto Neo” impulsadas polo Instituto Perdouro. Residente en Ferreira do Valadouro, Ayoud Sabry é un mozo marroquino que estuda mecánica do automóbel en Ribadeo; o pakistaní Umer Mohammed, residente en Burela, combina o traballo nun negocio familiar do sector hostaleiro cos estudos de 2º de Bacharelato; a focense Sol Pedreira chegou á nosa terra procedente do Perú e manifesta unha magnífica integración entre nós, sen renunciar aos vínculos cos familiares da China e o Xapón; o futbolista Miguel Gomes, xuvenil habitual nas listas do primeiro equipo da S. D. Burela de fútbol será o representante da comunidade caboverdiana.
A presenza deste conxunto de persoas representativas da implantación do “Modelo Burela” de Planificación Lingüística no Luar da TVG, é o resultado da colaboración do IES Perdouro co equipo de produción do programa televisivo durante estas últimas semanas.
Este recoñecemento ao labor da área de Innovación Educativa do instituto de Burela, programa que conta coa coordinación da profesora María José Andión Fontela, chega poucos días despois de que o propio Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitase o centro de ensino para participar nunha xornada de dinamización lingüística.
Ademais de continuar con proxectos como o da integración de neofalantes, a área de Innovación Educativa do IES Perdouro centra este ano o seu labor didáctico no apoio ao desenvolvemento do comercio local, unha iniciativa que xa conta co apoio de diversas empresas.