OS CONTRABANDISTAS

07/02/19

PROPICIAMOS ENCONTRO LITERARIO-MUSICAL NO PORRIÑO

O Modelo Burela propiciou un encontro literario-musical no Porriño entre a cantora Xoana Veiga e o profesor e escritor Luís Manuel Ramilo Machado. Aínda que ambos son orixinarios de vivendas situadas a poucos centenares de metros, non se coñecían. A edición da primeira gravación musical de Xoana motivou o interese de Luís Ramilo que quixo coñecer a autora e conseguir a dedicatoria do disco.
Dado que o encontro se produciu como consecuencia das entrevistas que Xoana Veiga concedeu aos programas radiofónicos do Modelo Burela (Proxecto Neo e Grandes Vozes do Nosso Mundo), o escritor porriñés que deixou excelentes recordos na comunidade educativa do IES Perdouro tivo a xentileza de enviarnos as fotografías do encontro.

Xoana Veiga e Luís Manuel Ramilo Machado diante do Concello do Porriño, un dos edificios emblemáticos do arquitecto Antonio Ramilo. Nas mans teñen as súas respectivas obras de creación artística: Soños chuchados en apreixos furtados e Dardos



Nesta imaxe vemos a dedicatoria de Dardos que  Xoana redactou para Luís Ramilo

Máis información

Xoana
Dardos reivindicativos
Entrevista con Xoana
Soños chuchados en apreixos furtados
Fomento da lectura ao estilo Modelo Burela
Biografía de Luís Ramilo
Entrevista con Luís Ramilo

05/02/19

O MODELO BURELA NA REVISTA IRIMIA

O número 1001 da Revista Irima, editada pola Asociación de Crentes Galegos, publicou unha ampla información sobre o Modelo Burela. A capa da publicación recolle unha fotografía da equipa de realización do programa radiofónico Grandes Vozes do Nosso Mundo, na altura en que Marco Pereira estaba sendo axudado por Silvera Vicente de Oliveira e Edilson Sanches Tavares. Os titulares anuncian o contido central da publicación: Apostar pola inclusión e a igualdade. Agora máis ca nunca.

Seguidamente, a información interior ocupa cinco páxinas, a máis destacada a recollida no Editorial, un texto verdadeiramente antolóxico que focaliza a situación da atención á diversidade nos centros educativos.


03/02/19

ANA KIRO: PALABRA E MEMORIA

Oficialmente era María Dolores Casanova González (1942-2010), mais o artístico Ana Kiro eclipsouno totalmente. Comezou na música a través da comunidade galega emigrada en Barcelona. Despois coñeceu os compositores Manuel Muñiz e Xosé Luís Blanco Campaña,  interpretou "Galicia, terra meiga", vendeu millares de copias dos seus discos e -sobre todo- entrou e asentouse no corazón de galegas e galegos concentrados na terra de orixe ou repartidos por todo o mundo.
Na parte final da súa carreira artística presentou os  programas Toda unha vida e Tardes con Ana na TVG e mesmo tivo unha breve experiencia como actriz.

Na música, na televisión e no cinema, Ana Kiro tivo sempre unha ferramenta fundamental coa que se defendeu na vida: o idioma galego, a quen canta así.



En contraste con este perfil biográfico, segundo recollemos dunha páxina de internet, a súa ferramenta básica de traballo non tivo a forza suficiente para poñer de manifesto as palabras de lembranza no cemiterio de Mera, onde descansa.

Fonte: Benito Soto Troleada Galega

Ana Kiro, a xente galega que cantou, bailou, namorou e mesmo chorou de emoción coa túa música NON TE ESQUECE