OS CONTRABANDISTAS

17/04/23

DA CASA DA CONCHADA AO BATÁN: PASEO EDUCATIVO POLOS VILARES

Cartaz anunciador colocado na entrada da Igrexa dos Vilares


 "Eu tamén teño decidido cal vai ser o meu epitafio, que oxalá tarde moito tempo en chegar. Queredes que vos conte como di?". Nun momento de pausa da intervención de Raúl Río durante a presentación do seu estudo sobre o uso da lingua galega no cemiterio dos Vilares, un dos asistentes interviu publicamente para facer ese comentario. A resposta do resto foron uns risos tenues e despois un completo silencio. Foi entón cando o espontáneo recitou: "Teño decidido que me poñan: Aquí están os meus ósos agardando polos vosos". Exactamente o mesmo que figura na entrada do cemiterio de Trobo, en Begonte, e que aparece tamén inscrito en pedra nunha lápida do cemiterio de Sofán (Carballo) e na famosa Capela dos Ossos na cidade de Évora, onde reza: "Nós, ossos que aqui estamos, pelos vossos esperamos".




Participantes na exposición inicial. Antón de Guizán, Bernardo Penabade e
Alfonso Blanco acompañan a Raúl Río

Entre o público asistente estaban Xulio R. Leiras e Margarita Bermúdez, 
chegados desde Mondoñedo

Neste ambiente distendido discorreu o encontro convocado baixo o título "Viviron en galego. Lembrémolos en galego. Estudo de Raúl Río sobre as lápidas dos Vilares". Na Casa da Conchada, antiga escola e actualmente local de uso comunitario, déronse cita persoas de diferentes localidades. A primeira das intervencións foi a de Antón de Guizán, en representación da asociación convocante, Os Vilares. Lareira de Soños, que deu a benvida aos asistentes e fixo a presentación de Raúl Río, Alfonso Blanco, Bernardo Penabade e Alejandro Piñón, que tomaron a palabra inmediatamente despois. O escritor chairego conseguiu centrar perfectamente o sentido do acto: "Os Vilares é unha parroquia con importante historia comunal, aberta ao mundo a través dos trapeiros que saíron buscar o pano por outras terras, o que os converteu con xente con moitas vivencias e coñecimentos. Tal vez iso teña influído na maneira de ver a vida dun xeito diferente. Esa pode ser unha das razóns motivadoras da existencia de tantas lápidas en galego. Outra pode ser que un dos autores máis importantes da poesía galega sexa vilarego: Xosé María Díaz Castro".

Pola súa parte, Raúl Río fixo unha completa presentación do audivisual que preparou entre os meses de setembro e outubro de 2022. Explicou que o proceso se iniciou por iniciativa de Bernardo Penabade cunha visita ao cemiterio, que continuou coa localización das persoas redactoras dos epitafios escritos en idioma galego e que se completou coa composición dun catálogo de fotografías acompañadas dun texto explicativo. O seu repaso de 26 imaxes (que xa están superadas), con frecuente interacción cos familiares presentes na sala, estivo acompañado dunha reflexión sobre o incremento do uso da lingua galega nas inscricións funerarias.

Despois dunhas breves palabras do sacerdote e fundador da Asociación Xermolos Alfonso Blanco, moi aplaudidas polo público, o profesor Bernardo Penabade puxo en relación o encontro coas actividades impulsadas pola iniciativa educativa Modelo Burela, que combina a "intervención dentro e fóra dos recintos escolares". Comentou que en 20 anos de actuación continuada, en colaboración con axentes sociais públicos e privados,  recolleron información en Burela e nas parroquias doutros 50 concellos da xeografía galega e do occidente de Asturias. Xunto cos traballos de campo realizados en toda a Mariña, no triángulo comprendido entre Castropol, Grandas de Salime e Coaña, tamén fixeron pesquisas na comarca do Ortegal; nas Pontes e na Capela; na Fonsagrada, Ribeira de Piquín, Meira e Riotorto; en parte da Terra Chá (Abadín, Cospeito, Outeiro de Rei...); en Friol; no Páramo e Paradela; en Valdeorras, Riós e Allariz; en Vila de Cruces; en Carballo; e na Costa da Morte. Seguidamente dixo que, con toda esta información acumulada, a primeira visualización no cemiterio dos Vilares realizouse na segunda semana de xullo de 2022. Como os resultados resultaron tan sorpresivamente alentadores, Penabade entrou en contacto con Raúl Río a través das redes sociais e cinco días máis tarde ambos visitaron "con libreta, bolígrafo e cámara fotográfica" o recinto do Batán para realizar un estudo sistemático. Mentres Río buscaba a información "casa por casa", o proceso de visualización chegou ás parroquias de Buriz, Parga e Tras-Parga, San Breixo e San Xoán de Lagostelle: "Os Vilares non eran unha illa. Toda a zona mostra unha exemplar evolución ventureira. Sen ningún estímulo, planificación ou orientación, as veciñas e veciños puxeron de manifesto a forza espontánea da cultura de orixe. Fixeron como Rosalía de Castro, que escribiu a súa obra sin gramática nin regras de ningunha clase" 

Segundo a documentación exposta por Río, nos Vilares o cemiterio antigo estaba situado arredor da igrexa parroquial e o novo foi inaugurado en 1977.  Desde o momento en que foi enterrado nel o primeiro veciño, Cidro de Rosende, transcorreron entre 13 e 15 anos até que un rapaz se encargase de romper unha especie de maleficio e tomase a feliz decisión de dar representación escrita ao idioma dos defuntos e as súas familias. Catro décadas despois (1980-2023), dun total de 250 panteóns -que se corresponden con outras tantas familias-, a lingua galega é usada en 27 (algo máis do 10%) nunha evolución de 1 a 6, de 6 a 15, de 15 a 24 e de 24 a 34 lápidas. Nestes meses de 2023 xa se incrementaron noutras 5, tantas como nos trece anos comprendidos entre 1977 e 1990.

No cemiterio urbano de Guitiriz o panorama é moi parecido ao dos Vilares. Dun total de 3 lápidas escritas en galego anteriores a 1990, saltouse a 8, a 15 e a 39. No segundo decenio do século XXI, coincidindo coa motivación preparatoria e a celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Xosé María Díaz Castro, o uso da lingua galega escrita no cemiterio de Lagostelle dobrouse: de estar presente en 29 inscricións pasouse a un total de 58. Neste ano incrementouse xa con 9 máis. 


Manuel Santamariña e Xaquín de Roca durante o encontro
na Casa da Conchada


Facendo escola polo cemiterio

No cemiterio do Batán o protagonismo pasou para a representación das familias. Guiados por Raúl Río, que seguía ao pé da letra o plano elaborado uns meses antes, a comitiva percorreu o cemiterio visualizando as inscricións das que antes se tiña falado. Durante o paseo educativo, tomaron a palabra Alfonso González, representante dunha familia que consensuou que todas as placas se puxesen en idioma galego; Pastora Rosende, nai de Suso López, a quen se considera o autor do primeiro epitafio escrito en galego do cemiterio (cando era aínda un rapaz) -"foi o meu fillo quen tomou a iniciativa", dixo a súa proxenitora- "e tamén orientou a redacción doutra"; a familia Río, de Tiñaz; a filla e a viúva de Ángel Iglesias Vilar; e a familia dun veciño coñecido como Andrés da Ribeira.

Da gravación de todo o comentado ocupouse o escritor Antón de Guizán e seguiron o desenvolvemento da sesión o sacerdote Xaquín de Roca -que comentou unha anécdota da que foi protagonista no momento da construción do seu panteón-, o profesor e escritor Manuel Santamariña e  outras persoas chegadas expresamente de Oviedo,  Mondoñedo, Xove e Lugo.


Durante o paseo formativo polo cemiterio, Antón de Guizán
ocupouse de gravar un vídeo que recolle todas as explicacións


Un numeroso grupo de persoas percorreu as diferentes rúas do cemiterio.
Raúl Río ocupouse de guiar e moderar a participación das familias

OUTRAS REFERENCIAS

https://www.elprogreso.es/articulo/a-chaira/dar-conecer-ser-exemplo/202304171213491657460.html

15/04/23

OS VILARES DE GUITIRIZ ACOLLEN INICIATIVA DE EDUCACIÓN SOCIAL AO ESTILO MODELO BURELA

Como resultado da colaboración de tres entidades (Os Vilares, Lareira de Soños; Asociación Cultural Xermolos; e Modelo Burela), a Casa Habaneira da Conchada -situada na parroquia guitiricense dos Vilares- acollerá ás seis da tarde deste próximo domingo 16 de abril unha iniciativa de educación social sobre a localización, catalogación e estudo de patrimonio documental relacionado cos rituais funerarios.

Os actos comezarán coa presentación dun traballo realizado polo escritor e artista plástico Raúl Río sobre a igrexa e o cemiterio da localidade. Antes da proxección dunha serie de fotografías comentadas polo autor, intervirán Alfonso Blanco, en representación de Xermolos; Bernardo Penabade, do Modelo Burela; e o cura párroco Alejandro Piñón Espasandín.

A segunda parte da actividade consistirá nunha visita guiada ao cemiterio. Actuará como guía Raúl Río, acompañado por representantes de varias familias, que ofrecerán testemuños directos diante das lápidas obxecto de estudo.

Cartaz anunciador da xornada



Colaboración ente a escola e as entidades sociais


Para ser cualificada como Modelo Burela, unha intervención educativa necesariamente debe estar centrada nun aspecto que poña en relación a cultura e a economía do ámbito local. A sesión debe contar coa participación de diferentes axentes sociais e reunir un público variado, de diferentes xeracións. Aínda hai máis: as explicacións teóricas ofrecidas nun espazo interior teñen que completarse coa observación directa no exterior.

Un operario industrial xubilado, que desenvolveu a súa vida laboral no País Vasco; dous sacerdotes, un deles cunha prolongada traxectoria de dinamización sociocultural (1976-2023); e un pedagogo centrado no fomento do diálogo intercultural desde a escola serán nesta ocasión os encargados de poñer a andar esta singular iniciativa de educación social. Inmediatamente despois, o protagonismo será para as familias da parroquia, cuxas intervencións darán sentido ao programa de actividades.

Educación dentro e fóra dos recintos educativos

Cúmprense agora 20 anos desde que a iniciativa educativa Modelo Burela planificase unha actuación de dinamización cultural e económica no ámbito local. Despois dunha fase de diagnóstico realizada entre a poboación de Burela, o seguinte paso consistiu nun traballo de campo: a localización de dez tipos de documentos relacionados coa vida diaria (correspondencia privada; invitacións de cerimonias; contratos; comunicacións comerciais; actas de reunións ou mesmo testamentos) foi seguida dun proceso de catalogación e unha posterior exposición na Casa da Cultura. Todo co obxectivo conseguir un ensino-aprendizaxe participativo e vinculado á realidade no espazo e no tempo. A redacción e aprobación do articulado da planificación lingüística municipal, a posta en marcha dun programa de atención á diversidade do alumnado en risco de exclusión social e o aproveitamento da radio como ferramenta educativa a través do programa Proxecto Neo (2012-2023) foron importantes pasos de ampliación, que complementaron o primeiro proxecto.


Despois da adaptación a outros lugares da Mariña -entre eles, os termos municipais de Ferreira do Valadouro e O Vicedo e a localidade de Rinlo, en Ribadeo-, o Modelo Burela propúxose estudar os vínculos entre a literatura e o desenvolvemento cultural e económico do seu ámbito de influencia. Para iso realizou viaxes de estudo ás localidades natais de varios escritores, entre eles: Francisco Fernández del Riego (Lourenzá), Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo de Valdeorras); Xosé Neira Vilas (Vila de Cruces); e Xosé María Díaz Castro (Guitiriz).


Unha vez que a intervención educativa Modelo Burela se fixou nos recursos patrimoniais da parroquia dos Vilares (escultura dedicada a Díaz Castro; Igrexa parroquial; cemiterio; castro; etc), Raúl Río realizou un profundo traballo consistente na recollida de información e na preparación de fotografías, no contacto coas familias e na redacción das explicacións que acompañan as imaxes. A colaboración das asociacións Os Vilares Lareira de Soños e Xermolos supón alcanzar a transversalidade, unha das características fundamentais das actuacións Modelo Burela.

Reivindicación

Xunto co estudo sobre o uso da linguaxe literaria popular ou autorial na composición de epitafios; ou sobre a escolla entre o galego, o castelán, o latín ou as linguas dos destinos da emigración (francés, alemán, italiano...), este acto ten tamén unha vertente de estudo da Historia contemporánea e tamén de reivindicación da convivencia entre culturas.

A pesar de que existen casos contados de uso da lingua galega nas notas necrolóxicas e nas inscricións funerarias desde o inicio da transición democrática, aínda no presente existe unha inercia social a superar tanto á hora de editar en galego as esquelas (máis as do momento da morte que as de aniversario), de realizar no noso idioma os oficios litúrxicos ou de preparar as mensaxes de recordo nas lápidas. Ese divorcio entre as expresións oral e escrita é ainda maior nas identificacións de propiedade dos panteóns dos cemiterios: para alén da súa redacción patriarcal -aínda que agora nalgúns consta a identificación da familia ou do lugar (Casa do Coto; Familia do Pereiro), o habitual é que se identifiquen por nomes de varóns-, só un 1 por mil usan palabras como “propiedade”, “muller” ou “fillos”, que parecen como proscritas.

Se a media xeral do uso da lingua galega nas inscricións funerarias está no 1%, por que razón nos Vilares se multiplica por 10? Se no ámbito urbano de Guitiriz está na mesma porcentaxe, por que en Parga é algo inferior e en Tras-Parga, xusto ao lado, non chega ao 2%? Cal é o perfil das persoas que compoñen esta literatura? Como se fixo o paso do máis absoluto nada a un 10%?

Unha das metas da xornada do 16 de abril é ofrecer as respostas a todas estas e cantas outras preguntas aparezan durante o desenvolvemento da sesión.


OUTRAS INFORMACIÓNS

Reportaxe de Cristina Pérez para El Progreso (disponíbel en: https://www.elprogreso.es/articulo/a-chaira/lembranzas-galego-cemiterio-vilares/202304122136441656100.html)


Audiovisual preparado por Matías Nicieza: