O Salón de Actos da
 Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña acolle 
durante esta semana as III Xornadas sobre a Normalización da Lingua e a 
Cultura no Ámbito da Educación, nas que terán destacada presenza o 
PRoxecto de Innovación Educativa do IES Perdouro e o Modelo de 
Planificación Lingüística do Concello de Burela.
Na presente edición, a  Facultade de 
Ciencias da Educación contará coa participación de representación de 
Nova Escola Galega, da Universidade de Santiago, da REal Academia Galega
 e de diferentes medios de comunicación. Entre as 4 e as 6 da tarde do 
día 18 de novembro, realizarase un debate sobre o Modelo Burela, para o 
que se contará coa participación de representantes docentes e de 
ex-alumnos do IES Perdouro que agora están continuando a formación na 
Universidade da Coruña.
A colaboración entre o IES Perdouro e a 
Universidade da Coruña continuará durante os meses de novembro e 
decembro en dous eventos máis. O sábado 27 de novembro, o profesor 
Bernardo Penabade intervirá nas xornadas “Ricardo Carvalho Calero: 
ciencia, literatura e nación” coa exposición sobre o labor do 
catedrático ferrolano como planificador lingüístico. Nas mesmas 
xornadas, o día 25 ás 8 da tarde será proxectado un audiovisual con unha
 entrevista inédita a Carvalho Calero realizada polo profesor Ramón 
Reimunde Noreña.
Finalmente, no día 2 de decembro, a 
coordinadora de Innovación Educativa do IES Perdouro, María José Andión 
Fontela, participará nas VII Xornadas de Lingua e Usos, que nesta 
edición están dedicadas á relación entre a lingua e a sanidade. 
Aproveitando a súa presenza neste evento académico, a representante do 
IEs PErdouro aproveitará a ocasión para entregar unha memoria de 
actuacións pedagóxicas a Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da RAG) así
 como aos representantes das forzas políticas con representación 
parlamentar. En reunión con Goretti Sanmartín, responsábel da área de 
Dinamización da Universidade da Coruña, avaliará a posibilidade de 
colaboración para outras actividades académicas a realizar durante o ano
 2011.