OS CONTRABANDISTAS

13/03/09

Harmonía Terrenal

Un centenar de músicos, integrados en diversas formacións, participaron na misa multicultural que tivo lugar na igrexa parroquial de Burela o día 19 de marzo. A celebración, enmarcada no programa de divulgación do Modelo Burela de Planificación Lingüística -aplicado por unanimidade das forzas políticas do Concello de Burela-, foi oficiada polo párroco da localidade Ramón Marful Rodríguez, quen posteriormente dedicou a homilía ao Modelo Burela cualificándoo como exemplo de “harmonía entre culturas”.

Ás 11:45 da mañá, os veciños e veciñas da vila víronse sorprendidos pola “recepción” coa que eran agasallados. No propio adro parroquial, saudaba a súa chegada a Banda de Gaiteiros da Asociación Cultural Ledicia, que interpretou media ducia de pezas. Seguidamente o Grupo de Cámara dirixido polo profesor Bruno Pedre tomou a alternativa, xa no interior do templo, interpretando pezas clásicas instrumentais, mentres os fieis ocupaban os seus respectivos asentos. Tras as palabras de ben-vida, pronunciadas polo sacerdote, tocoulle o turno á Coral Polifónica de Burela, que foi alternando o canto da misa xunto co coro parroquial, dirixido polo profesor Jesús Arranz. González.
Durante a consagración, a Banda de Percusión Dambara (dirixida polo profesor Albano González Cancio) fixo resoar o templo coas notas da Marcha do Antigo Reino de Galiza. Máis tarde, o músico local Antón Crego (un dos clásicos da Quenlla, xunto con Mini e Mero) cantou o Noso Pai, acompañando a voz coas notas da guitarra. Antes da despedida (tamén no adro) protagonizada por Dambara, chegou un momento agardado con especial agarimo: as doce mulleres afro-galegas de Batuko Tabanka interpretaron ao estilo coral (sen o seu tradicional batuko) unha peza dedicada a Xesús, cuxa letra é a seguinte:

Ó Jesus, que estás sempre ao meu lado
no meu peito acendei a Vossa luz,
livrai-nos de todos os pecados
ajudai-me a levar a minha cruz.

Vamos todos com santa alegria
receber a Jesus com amor;
quanto mais adoremos a Jesus,
mais é digno do nosso amor.

No acto litúrxico participaron tamén con diversas lecturas nenas e nenos representantes da multiculturalidade de Burela.

Sem comentários:

Enviar um comentário