OS CONTRABANDISTAS

30/06/11

Celebración de fin de curso con festa intercultural en Burela

No acto foi presentado o audiovisual “Saúde e Sensibilidade”, centrado na importancia da comunicación na atención sanitaria

A área de Innovación Educativa do IES Perdouro presentou o balance de actividades celebradas durante o curso académico 2010-11, todas elas incluídas dentro do programa premiado pola Xunta de Galicia en novembro de 2010 co obxectivo de fomentar a innovación educativa no ensino das linguas. O profesorado involucrado neste proxecto -algo máis de 40 docentes dos institutos bureleses Monte Castelo e Perdouro; do Marqués de Sargadelos, de San Cibrao; de Breamo, en Pontedeume; e Fin do Camiño, de Fisterra- reuníronse na biblioteca do IES Perdouro para avaliaren o grao de cumprimento do programa e visionaren diversas proxeccións audiovisuais de produción propia. Xa nun ton máis lúdico, entregáronse diversos obsequios a persoas destacadas pola calidade da súa expresión escrita; como punto final, docentes e galardoados disfrutaron coa música da Banda Dambara e asistiron en directo á presentación das primeiras pezas do novo disco de Batuko Tabanka.

Despois de que o director do centro, Juan Sama Díez, dese a benvida a participantes na experiencia educativa e á representación de empresas e asociacións da localidade, María José Andión -coordinadora do Proxecto de Innovación- presentou o balance das actividades realizadas durante o curso académico 2010-2011 e destacou o traballo de dinamización lingüística entre o cadro de persoal das entidades sanitarias, xunto con outras iniciativas de grande alcance como a presenza do escritor e académico Xosé Neira Vilas nos centros de ensino secundario de Burela e no colexio de Cervo; os concertos dos músicos Mini e Mero; ou os obradoiros de comunicación ministrados polo sociolingüista hindú Anik Nandi.

O programa de actividades tiña como parte central a visualización dun novo documental producido polo IES Perdouro e dirixido por Matías Nicieza. Depois da proxección de “Saúde e Sensibilidade”, coa presenza de todos os seus protagonistas -persoas que traballan na Sanidade-, procedeuse á entrega de diversos obsequios a diversas persoas da localidade que prestaron axuda desinteresada para o desenvolvemento do proxecto: do Hospital da Costa recibiron o recoñecemento Cándida Pico (Recursos Humanos), Adelina Fernández (Administración), Pedro López Beade (Xefe de cociña), María do Carme Martínez Lamas (Enfermaría) e Iago Villamil (Medicina); do Centro de Saúde, o doutor Carlos Fraga e a enfermeira Victoria García Leiras. Fóra do ámbito sanitario, as distincións recaeron en Xosé Manuel Miranda (deseñador), Albano González Cancio (músico) e a Banda Dambara (polo seu décimo aniversario), o grupo Batuko Tabanka, Matías Nicieza (director de cine), Sofía Prieto (barista), Benjamín González Quelle (cronista oficial); e Ramón Marful (párroco de Burela ) e Zahara Peinó, pola voda “Modelo Burela”.

O broche final púxoo a música da Banda Dambara, que acaba de celebrar o seu décimo aniversario, sempre baixo a dirección de Albano González Cancio, e a de Batuko Tabanka. As mulleres caboverdianas presentaron en primicia o seu novo traballo discográfico.

Sem comentários:

Enviar um comentário