OS CONTRABANDISTAS

30/04/12

"Modela Burela" : Visita do Secretario Xeral de Política Lingüística

O SECRETARIO XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA FAI UN "CHEQUEO" AO MODELO BURELA

Valentín García participou nunha sesión de dinamización lingüística e reuníuse cos diversos sectores sociais implicados nesta iniciativa cultural 

O Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia visitou Burela para coñecer en profundidade o desenvolvemento do programa de integración intercultural "Modelo Burela", impulsado pola área de innovación educativa do Instituto Perdouro, en colaboración con outros centros educativos da Mariña e co propio Concello de Burela, que aprobou un Proxecto de Planificación Lingüística en abril de 2008.

O pasado luns, día 30 de abril, Valentín García Gómez foi recibido ás 16:00 horas no Instituto Perdouro polo director do centro, Juan G. Sama, e pola coordinadora da área de innovación, María José Andión Fontela. Seguidamente coñeceu persoalmente o profesorado implicado no Proxecto de Innovación Educativa, que recibiu por quinta vez consecutiva un dos premios outorgados pola Consellería de Educación en colaboración con Política Lingüística e que este ano traballa no impulso do comercio e a empresa locais.

No propio IES Perdouro, o Secretario Xeral asistiu á proxección de Txalapartaris no Eido Dourado. O audiovisual, que recolle fragmentos dunha actuación de músicos que acompañan habitualmente a Kepa Junquera, foi presentado polo seu autor, o fotógrafo Javier Sánchez, quen animou o público a visitar o museo do pintor Celso Dourado en Barreiros.

Fóra do recinto escolar, Valentín García visitou diversas entidades comerciais da localidade, acompañando unha sesión de dinamización lingüística realizada por profesorado e alumnado dos institutos de Burela. A primeira parada foi nos locais do Ximnasio Breogán, onde a comitiva puido visualizar en primicia os primeiros resultados da montaxe dun videoclip de homenaxe ao célebre grupo musical "Os Resentidos", un produto musical que recolle traballos de dous grupos musicais da Mariña -Orquestra Alma Latina (Burela); e Safari Orquestra (Lourenzá)- e que proximamente se presentará ao público xeral en diversas localidades galegas.

A xornada finalizou co encontro dos participantes na sesión educativa cos responsables da ACIA local, que aproveitaron para explicarlle os seus proxectos ao Secretario Xeral de Política Lingüística ao tempo que lle fixeron entrega dun arquivo que recolle mostras das numerosas actividades realizadas por esta asociación desde que foi revitalizada.

Modelo Burela

O coñecido “Modelo Burela” de Planificación Lingüística constitúe xa todo un referente no ámbito da dinamización lingüística no ensino. O IES Perdouro botou a andar o proxecto no curso académico 2005-2006 e foi precisamente no presente curso 2011-2012 un dos cinco aos que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria –a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- lles outorgou cadanseu premio de innovación en dinamización lingüística, no marco da convocatoria anual de Cultura e Educación dirixida ao fomento do desenvolvemento de proxectos educativos innovadores que impliquen o uso da lingua galega e o coñecemento da cultura de Galicia.

O “Modelo Burela” busca dinamizar a lingua galega desde a adquisición da competencia lingüística do alumnado en tres idiomas: galego, castelán e unha terceira lingua internacional. Durante este curso académico, o proxecto chega aos seis cursos en desenvolvemento e dá novos pasos coa posta en marcha iniciativas dinamizadoras no comercio e na empresa local.

Proxecto Neo

No marco do "Modelo Burela" desenvólvese, desde o mes de xaneiro, "Proxecto Neo", a nova iniciativa radiofónica sobre a lingua galega impulsada desde o IES Perdouro, en colaboración con Radio Burela. O programa, que se centra na integración lingüística das persoas neofalantes, emítese cada mércores en horario de 17:00-18:00 horas e está dirixido e conducido por Bernardo Penabade, profesor de Lingua galega e literatura no instituto burelao e coordinador do "Modelo Burela". Tamén conta con emisión a través de Internet e con presenza nas redes sociais.

Sem comentários:

Enviar um comentário