OS CONTRABANDISTAS

06/06/12

A audiencia recoñece o labor informativo deste medio

TODA A COMARCA NUN “CLIC”. Crónica3.com: cinco anos de xornalismo de proximidade
Por iniciativa da área de innovación educativa impulsora do Modelo Burela de Planificación Lingüística, a biblioteca do Instituto Perdouro acollerá ás oito da tarde do próximo luns, día 11 de xuño, un acto público centrado no labor informativo do Cronica3.com

Baixo o lema TODA A COMARCA NUN “CLIC”. Crónica3.com: cinco anos de xornalismo de proximidade, o centro educativo elaborou un programa de actividades que inclúen un saúdo de Juan G. Sama Díez (director do IES Perdouro) e unha visita a unha exposición dos diversos números da revista O Trasno (impulsada no seu día polo Colectivo Cultural Buril e agora reeditada en facsímil pola mesma entidade co patrocinio da Deputación de Lugo). A xornada finalizará coa entrega do recoñecemento “Modelo Burela” aos impulsores deste medio de comunicación. Ademais dos representantes da área de innovación educativa, farán uso da palabra Anxo Rivas Pardeiro (de Radio Foz), Alfonso Otero Regal (colaborador de opinión) e Emilio González Legaspi (en representación dos editores do Cronica3.com).

Os organizadores indican que “tras un lustro de constante traballo informativo ao servizo da vertebración así como do desenvolvemento económico e cultural da comarca, chega o momento do recoñecemento público tanto ao Cronica3.com ás persoas que o fan posible. Con esa intención, tomamos a iniciativa de organizar un encontro entre os responsables do medio e unha representación plural da súa audiencia”.

PARTICIPACIÓN DA AUDIENCIA

A entidade convocante espera recoller en primeiro plano a valoración que fai a propia audiencia sobre este medio de comunicación. Para iso fai un chamamento á participación colectiva elaborando un texto específico para esta ocasión. O escrito pode ser feito a título individual ou en representación “das entidades cívicas que teñen neste medio do xornalismo dixital un eficaz divulgador das súas convocatorias e iniciativas”.

Todas aquelas persoas que o desexen, poden enviar as súas opinión a modeloaditivo@gmail.com antes das 14:00 horas do mesmo día en que se celebran os actos: o luns, día 11. Todas as colaboracións estarán expostas no instituto durante a xornada.

Neste momento, a organización xa conta coa participación de diversas entidades representativas do ámbito territorial da Mariña.

Sem comentários:

Enviar um comentário