OS CONTRABANDISTAS

25/01/13

Séchu Sende, escritor "Modelo Burela" por un día

O autor de Made in Galiza participa nun encontro co alumnado do Instituto Perdouro

O mesmo que xa fixeron no seu día Xosé Neira Vilas, Mini e Mero, Ramón Blanco ou o sociolingüista bengalí Anik Nandi, o escritor Séchu Sende foi protagonista dun encontro cultural “Modelo Burela”. O evento celebrouse entre as 11:00 e as 14:00 horas deste venres, día 25 de xaneiro, na biblioteca do Instituto Perdouro e nel participou alumnado de ESO e Bacharelato.

O autor de Orixe e Made in Galiza chegou a Burela á primeira hora da mañá e foi recibido no IES Perdouro polas coordinadoras da área de Innovación Educativa, Maria José Andión Fontela, e do Equipo de Normalización, Miruca Parga. Posteriormente, reuniuse coa Vice-directora do centro, Karina Parga, e coñeceu os alumnos e alumnas participantes no programa radiofónico Proxecto Neo, dedicado á integración das persoas chegadas doutras latitudes.

Séchu Sende comezou facendo un repaso breve a súa traxectoria literaria e nada máis empezar soubo cativar o alumnado coas súas propias vivencias coa lingua galega. Contou anécdotas que lle sirviron para escribir Made en Galiza e conseguiu en máis dunha ocasión as risas do alumnado, que permaneceu fascinado ao longo da intervención do autor. Este continuou falando da súa viaxe ao Curdistán e terminou afirmando que no caso da lingua do país - sexa cal sexa este - é tan importante falala como saber escoitala. Antes de rematar o coloquio, unha lectura multilingüe feita por alumnos dos catro continentes dun fragmento de Made in Galiza converteuse na pinga intercultural do evento. O rematar o encontro o alumnado aproveitou a ocasión para pedirlle a Séchu asinar os seus exemplares.
Karina Parga sinala que esta actividade de animación á lectura dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato foi unha experiencia maravillosa, e engade que Séchu Sende enfeitizou os corazóns de todos nós.

Séchu Sende (Padrón, 1972), profesor no IES de Vila de Cruces, realizou os estudos de Bacharelato no Instituto Vilar Ponte de Viveiro, onde adquiriu o Galego como segunda lingua e recibiu a base para chegar a ser neofalante. Na cidade do Landro iniciou a súa carreira literaria ao conseguir gañar na mesma convocatoria os primeiros premios nas modalidades de poesía e narrativa do prestixioso certame literario Minerva, nun xurado presidido polo escritor Suso de Toro. Posteriormente, conseguiu alzarse co Blanco Amor de novela longa pola obra Orixe e o Ánxel Casal ao mellor libro do ano 2007 por Made in Galiza.

Apretada axenda na Mariña

Aproveitando a viaxe á Mariña, o día 26 (sábado) ás 8 da tarde o escritor presentará en Viveiro a súa última publicación: un libro de viaxe ao Curdistán. O acto celebrarase no Conservatorio de Música de Viveiro e nel o escritor contará coa presentación de Plácido Travieso e Bernardo Penabade. Os beneficios desta publicación están destinados a financiar un intercambio educativo entre unha escola infantil de Santiago de Compostela e outra do Curdistán, onde a literatura de Sende foi moi ben acollida nas traducións aos idiomas curdo e turco.

Sem comentários:

Enviar um comentário