OS CONTRABANDISTAS

20/02/13

Obradoiro de comunicación "Modelo Burela"

A convidada da presente edición é a sociolingüista irlandesa Bernadette O’Rourke

Bernadette O’Rourke, profesora do Departamento de Linguas e Estudos Interculturais da Heriot-Watt University de Edimburgo, estará entre os días 20 (mércores) e 22 (venres) do presente mes de febreiro en Burela para coñecer de xeito directo o Modelo de Planificación Lingüística aplicado na localidade. Aproveitando a súa visita, o Instituto Perdouro convidouna a participar nunha nova edición dos Obradoiros de Comunicación “Modelo Burela”, actividade que botou a andar en marzo de 2010 coa colaboración do profesor hindú Anik Nandi. 

Desenvolvemento da actividade

Esta actividade de comunicación ten como obxectivo o fomento da fluidez comunicativa nos idiomas inglés e galego. Bernie O’ Rourke (con aprendizaxe inicial de inglés e neofalante en galego) e Héctor Canto (galegofalante inicial e neofalante de inglés) aproximarán aínda máis as culturas galega e irlandesa, xa relacionadas entre si desde tempo inmemorial.
As primeiras actividades destas xornadas celebraranse na tarde do mércores. Ás 5 da tarde, a profesora O’ Rourke participará en directo no programa radiofónico escolar Proxecto Neo, emitido por Radio Burela todos os mércores entre as 5 e as 6 da tarde. Seguidamente, comezará a realizar un traballo de campo consistente en diversas entrevistas coas que pretende obter un diagnóstico do panorama cultural de Burela. 
Tanto nas xornadas do xoves como do venres, a profesora convidada participará en actividades didácticas con alumnado de ESO e Bacharelato (en horarios aínda en elaboración) e continuará cos traballos da súa investigación. 

A profesora convidada

Pouco despois do cambio entre séculos chegou á Coruña para traballar na Universidade como lectora de Lingua Inglesa. Do seu contacto coa realidade cultural galega, surxiu o tema da súa tese de doutoramento: a comparación da situación sociolingüística de galego e gaélico. Posteriormente iniciou outras investigacións en colaboración coa Universidade de Vigo e realizou o curso de Lingua e Cultura Galegas celebrado no CUVI en 2011. 

Outras referencias:

http://hw.academia.edu/BernadetteORourke
Artigo de opinión de Bernie O’Rourke
Chámome Bernie O'Rourke. Son irlandesa, mais levo varios anos vivindo en Edimburgo (Escocia), onde traballo na universidade de Heriot-Watt. Desde o ano 1998, cando fixen un lectorado na universidade da Coruña, levo moitos anos visitando Galicia.
Durante esa estancia comecei a interesarme pola realidade sociolingüística de Galicia e, sobre todo, polo uso do galego. En Irlanda tamén, como sabedes, temos outra lingua que é o gaélico irlandés da que hai cada vez menos falantes tradicionais, aínda que si vemos un aumento no número de neofalantes, isto é, a xente que non ten a lingua como lingua materna ou familiar senón que a aprendeu na escola.
O tema dos neofalantes é algo que me interesa moito. Levo varios anos taballando sobre o mesmo, sobre todo con colegas na universidade de Vigo. Actualmente estamos recollendo datos sobre persoas con estas características e o ano pasado pasei varios meses en Vigo entrevistando a neofalantes de diferentes idades que viven nesa cidade. As súas historias son moi diversas pero moi interesantes.
Durante o meu traballo de campo coñecín un rapaz de Burela, Héctor Canto, un enxeñeiro de telecomunicacións que me falou do Modelo Burela e das medidas inovadoras do proxecto para promover o uso da lingua entre toda a cidadanía, especialmente entre a xente chegada de fóra. Tamén coñecín outro investigador da India, Anik Nandi, que agora está facendo o seu doutoramento comigo en Edimburgo. Anik é un exemplo dun neofalante;  aprendeu o galego en Santiago e dende entón fálao con case todo o mundo.
O Modelo Burela demostra que a lingua galega é un ben común para todos e que hai xente de fóra que a ve como unha parte importante da súa identidade. Durante a miña visita á localidade, na próxima semana espero coñecer un pouco mellor a realidade sociolingüística deste lugar de referencia.

Sem comentários:

Enviar um comentário