OS CONTRABANDISTAS

29/05/16

Adelina en Morás

A de Morás é unha das catro parroquias costeiras do municipio de Xove. Está habitada desde tan antigo que documentos do século XIV lévannos á noite dos tempos de hai 1.500 anos cos pobos de orixe xermánica a entraren polo seu porto.
No século XX, Morás foi un lugar moi relevante -primeiro pola súa factoría baleeira; despois pola instalación do complexo industrial de Alúmina-Aluminio en parte do seu territorio-  e nos nosos días está poboada por dous centenares de habitantes.
Desde a mañá do día 28 de maio de 2016, no cemiterio dese lugar está colocada en lembranza de Adelina Fernández García (1958-2016) unha plaquiña que di así:
Do mar pola orela
mireina pasar
na frente unha estrela
 no bico un cantar
Os versos que compuxo Curros Henríquez para tributar homenaxe Rosalía de Castro foron tomados pola familia de Adelina para  o mesmo: recoller manifestación de cariño. Con eses versos, o día 28 de maio de 2016 entrou o noso idioma naquel recinto en que a súa presenza estaba vetada. O idioma que naquel recinto soaba oralmente nas palabras "Pai", "Mai", "Fillo", "Filla", "Neta", "Neto", "Parentes", "Xenro", "Nora", "Sobriña", "Sobriño", "Afillada" a "Afillado" carecía de representación escrita . Mais a escrita chegou e fíxoo en memoria dunha persoa que deixou fortalecer en si os restos daquela identidade oral que recollía de toda a súa estirpe anterior. Dunha persoa que se preocupou por dignificar o herdo e por entregalo ás xeracións seguintes. Para iso traballou intensamente na AMPA do Colexio dos Castros, mentres estudaban alí os seus fillos. Para iso puxo o empeño en que nos corredores do Hospital da Costa lucise unha sinalética en consonancia coa cultura nacional da terra en que está e da xente a que dá servizo. 


No momento de ser colocada a placa, varias persoas amigas e familiares recitaron poemas de recordo a Adelina. Primeiro foi o de Rosalía e despois chegaron os de Marica Campo, para acabar cuns versos de Manuel María.
Poema de Pedinche luz prestada, poemario de Marica Campo

Sem comentários:

Enviar um comentário