OS CONTRABANDISTAS

22/07/16

NOVAS VOCES EN ASTURIANO





Por un feliz acaso, chega ás nosas mans o 14º exemplar dunha revista literaria asturiana, feita co esforzo persoal e económico dun numeroso grupo de persoas que cren no futuro da súa terra e da súa cultura. A publicación periódica ten nome ben bonito, moi ilusionante: é Formientu (Revista de lliteratura mui moza).
Editada por Xareos! Xestión Cultural, a publicación está dirixida polo xornalista Inaciu Galán y González, quen toma a palabra no inicio para celebrar os dez anos nas rúas e para reiterar o compromiso coas letras escritas no idioma asturiano. Con grande satisfacción, anuncia que: ·"por vez primeira contamos cun autor dos territorios portugueses da Terra de Miranda, cos que compartimos lingua, completando deste xeito o compromiso integrador da revista desde o primeiro número, do que fomos dando mostra ao londos desde dez anos, con autores do Cabo Peñas até Estremadura, incluíndo tamén autores en galego-asturiano -a outra lingua das Asturias-  e de terras cántabras".
Reconforta ler a prosa de Inaciu Galán cando nos explica que a literatura asturiana está nun momento emerxente, que cada ano aparecen novas voces, que publican e que aproximan as creacións ao público a través de recitais e outros eventos, entre os que destaca as "Timbes Poétikes". Mais aínda reconforta moito máis dar a volta á páxina e percibir en primeiro plano que esas palabras son moi acertadas, o que comprobamos a través das creacións dunha vintena de autores e autoras de entre vinte e trinta anos.
No mesmo momento en que nos aproximamos a esta literatura nova, presentada en positivo, tamén nos chega a noticia de que a Delegación do Goberno de España perpetra unha nova agresión contra a pluralidade lingüística enviando un escrito amezante ao Concello de Noreña ao que dá un prazo dun mes para anular a ordenanza municipal de recoñecemento do asturiano como lingua oficial. Nada novo. Son os mesmos de sempre, co seu talante de sempre, mais afortunadamente non poden impedir que aflore a forza da cultura:
"Pero yo llévote conmigo au quieras
llévote a ver el mundu,
que te sientan falar con arguyu
que pa  mi tas más viva que nunca."

A poeta Claudia Elena Menéndez (Güeria Carrocera, 1994) falou tamén por nós. As súas palabras son formento. E o formento fai levedar o pan. E o pan é fartura.

Sem comentários:

Enviar um comentário