OS CONTRABANDISTAS

29/08/16

O Caxoto Pillabán



O Caxoto Cativo estivo outra vez en Burela. Como había Feira do libro, pareceulle que andarían por alí nenas e nenos na compaña das súas familias e decidiu parar un momento -antes de se encamiñar á Vila de Suso- para falar con eles e contarlles un contiño divertido.
O moi pillabán xa coñecía o camiño, porque o tiña moi ben memorizado do ano pasado. Daquela deu un par de voltas pola praza, así medio de incógnito, e, cando lle pareceu ben, escondeuse un pouco, puxo outra roupa por encima, colleu unha bicicleta e apareceu alí no medio dos libros dicindo que era o carteiro.
Como xa lle coñecíamos as súas artes, este ano estivemos moi atentos a ver se o víamos chegar e así foi. O Caxoto presentouse na praza e moi caladiñamente colocou uns atrís, catro ou cinco, e en cada un deles puxo unhas fotos dunhas persoas con pinta de importantes. Inmediatamente despois, foise...
Menos mal que andaba por alí o Comandante Ardito e que o tal Comandante é boa persoa, porque -tan pronto como o Caxoto Cativo marchou para nos dar a sorpresa de vir outra vez disfrazado- apareceu o vento e tirou con todas aquelas personalidades. Deulle por soprar tanto que mesmo parecía que as ía levar. Mais non foi así. Abofé que non foi, porque o noso Ardito moveuse con axilidade, colleu as imaxes e colocounas no seu sitio (non sen antes mirar para o público que alí había, porque o bon do home non sabía se estaba facendo as cousas ben).
Xusto despois da refolada de vento, apareceu o pillabán. E que bonito viña. Desta vez nada de bicicleta. Presentouse encima dun cabalo, vestido cunha capa elegante e protexendo a cabeza cun casco nada a xogo coa capa, porque o tal casco era medio trapalleiro.
O cabalo viña brioso. Aínda ben que o xinete era grande e forzudo e deuno dominado. Unha vez que o "sooooooooooo" fixo efecto, o Caxoto viaxeiro desmontou, puxo o cabalo a beber dun caldeiro branco e daquela xa tivo tempo e tranquilidade para falar coa cativaxe e con toda a armada protectora que a acompañaba.
Tal como correspondía, o primeiro que fixo o ilustre visitante foi presentarse, como debe facer calquera persoa de boa educación. Certo é que xa foi pillabán na presentación e non se lle ocorreu outra cousa que preguntar aos infantes e infantas se o coñecían.
-Quen son eu?
- D. Quixote -dicían uns.
-Sancho Panza -dicían outros.
- Ooooooooooooooooooooo -sorprendíanse algúns
-                                             - pensaban moitos, coa mente dominada pola brancura.
-Nin son D. Quixote, nin son Sancho Panza... Eu son o Caxoto Cativo.

Caxoto... Cativo? 
No de Caxoto podía ter razón. Igual era verdade que ese fose o seu nome. Mais no do apelido si que non tiña razón ningunha. Como raios se ía presentar como Cativo aquel individuo grande, barbado... e vestido todo de negro?!!
Un pillabán.
Moi simpático, mais un pillabán.
Un pillabán Caxoto, que se facía chamar Cativo.

Despois de se presentar, e xa coa complicidade de toda a concorrencia (alevín, infantil, cadete, xuvenil, amateur, profesional, senior e moi senior), o xinete contounos quen era toda aquela xente importante, xente a quen Ardito salvara de escapar voando. Así foi como nos familiarizamos con Gutenberg e con Copérnico e con Colón e con Cervantes e con Shakespeare... O Xograr Lourenço, que estivera dous días antes, ese xa non andaba por alí. Por iso os nenos e as nenas non se familiarizaron con el.
O caso foi que o Caxoto Pillabán deuse conta de que a selección alevín e infantil non se emocionaba con aqueles señores tan aseñorados e entón comezou a contar un contiño. Daquela foi outra historia. O Caxoto contaba e a cativaxe escoitaba. O Caxoto seguía contando e a cativaxe abría a boca coa sorpresa. O Pillabán recitaba e a selección repetía o recitado. Cando quería que sentísemos medo, xogaba coas palabras e a grandes e pequenos latíanos moito o corazón; e, cando lle apetecía sorprendernos, conseguíao como quería e acabábamos todas e todos facendo a coro un "Óóóóóóóóóóóó" como se todas e todos fósemos pampos.
Ai, atraídos polas caretas que nos puña, con aqueles ollos arregalados; co xogo de voces que nos facía, fomos chegando ao final como sen sentir. E só nos demos conta de que chegara, porque escoitamos falar de perdices
E as perdices facían xogo con felices
e felices nos fomos...
... un bocadiño máis tarde
despois de escoitarmos unha música linda

Mais aquela música linda xa a escoitamos na intimidade, porque o resto do auditorio xa se fora sen pedir pan para o camiño.
O camiño da casa.

1 comentário: