OS CONTRABANDISTAS

06/09/16

DONOS DO NOSO DESTINO

Bernardo Penabade

Nunha ocasión, mentres retornábamos de Santiago en dirección á Mariña, na Radio Galega Música puxeron unha canción moi moi linda. Tanto nos interesaron a letra e a música que memorizamos un par de versos e, no primeiro lugar en que puidemos estacionar o coche, anotámolos nun papel para despois localizar canción e información sobre os seus intérpretes. 
A pesquisa feita naquela mesma noite -por volta de agosto ou setembro de 2014- deu como resultado que a peza era de Roi Casal e que estaba incluída nun disco intitulado Donos do noso destino. Aquela foi información suficiente para que nos puxésemos a "bucear"  con intención de escoitar todo o que estivese ao noso alcance e así o fixemos. Desas escoitas saíu a constatación de que a voz feminina correspondía a unha artista neofalante e ese particular tamén nos resultou moi atractivo, entón puxémonos de novo en pesquisa e procuramos solución para o enigma:  "Quen será a neofalante que ten esta voz?".
Silvia Ferre. Cando localizamos o seu nome, pensamos na posibilidade de que ela e Roi nos concedesen unha entrevista para o programa especial do número 100 de Proxecto Neo. E tivemos sorte. Moita sorte. Silvia e Roi colaboraron, dándonos todas as facilidades para o noso modesto programa de radio escolar.
Esa sorte repetiuse dous anos máis tarde, neste 2016, cando tivemos o privilexio de poder gozar do seu directo en dous lugares da Mariña: primeiro en San Cibrao (na altura do Día das Letras) e despois en Ribadeo (con motivo das festas patronais).
En San Cibrao o concerto foi nun interior, no auditorio da Casa da Cultura. Había moito público, na maior parte familias con xente miúda. Mais non se trataba dunha "parroquia" entregada, nin moito menos. De feito, Roi afanábase en presentar a súa música e aludía a Rosalía e a Neira Vilas e a Manuel María e o auditorio non se entusiasmaba. Mais, pouco a pouco, o concerto ía derivando de "maxicamente adolescente" a "maxicamente adulto" e o peito da parroquia ía tamén entrando en calor. O caso foi que, no último cuarto, os nenos e as nenas perderon o medo e deixaron a compaña das mamás e dos papás e pasaron para a primeira fila e batían palmas e cantaban os retrousos... e non dicimos máis, porque non fai falta.
Roi Casal e a súa banda en Ribadeo (Fotografía de Alba Ferro)

En Ribadeo pasou algo parecido. Igual de bonito. O concerto foi o primeiro sábado de setembro ás dez da noite, no parque de San Francisco, e un cuarto de hora antes non chegaba a haber medio cento de persoas. Coa comunidade festeira aínda de viños ou en plena cea, comezou a soar a música. Mentres Roi cantaba as primeiras estrofas da "Ninfa das frescas augas", Silvia notábase un pouco tensa. Tal vez temía que non houbese bon ambiente, precisamente alí, na vila da ponte que une as súas terras galega e asturiana. Temores infundados.
Coa segunda das cancións a soar, parte do público que estaba comodamente sentado nun muro abandonan a comodidade e vanse situando xusto diante do palco ao mesmo tempo que Silvia se pon aos mandos e nos canta aquilo de "Nacín cando as plantas nacen,/ no mes das flores nacín,/ nunha alborada mainiña,/ nunha alborada de abril". Nese mesmo momento, moita xente da parte de diante comeza a botar man dos teléfonos e póñense a gravar a historia de Mauro e Rosa. Todo ten a súa parte positiva: polo menos levan unha das máis fermosas mensaxes de amor que teñan escoitado nunca ("O meu corazón che mando/ cunha chave para o abrir/ Nin eu teño máis que darche/ nin ti máis que me pedir"). Ao acabar a segunda canción, xa somos conscientes de que entre o público aínda hai turistas, que  non coñecían a banda e que fican coa boca aberta ("¡Que sorpresa! ¡Vaya grupo! ¡Me encanta!).
Mentres soan máis cancións e Roi Casal dá unha cumprida información para comprender o seu universo musical, o público aínda continúa escoitando, gravando e aplaudindo "con moderación". Mais nisto chega a sétima canción e a sétima canción titúlase "Din Dan" e Roi dirixe a banda e o espírito de Manuel María sobrevoa e a condenada da Silvia primeiro pide que o público bata as palmas e despois dálle por pedir que a acompañe a cantar... e, como non temos catro mans, os pobres teléfonos desaparecen nos bolsos. E os aplausos crecen. E non marcha ninguén. Moito ao contrario. O concerto faise grande. E aparece Nando Casal, que toca e que fala cordialmente, e o concerto faise máis grande aínda. Entón vibramos con "Por ti" e viaxamos á Habana e coñecemos "Son galego, son cubano" antes de marcharmos para México con La Vieja, a base orixinal sobre a que se fixo a magnífica banda sonora da serie Caseiros.
Como nese momento tamén a nós nos ferve o sangue, botámoslle cara e abordamos unha fotógrafa que non parara de recoller o mellor do concerto en imaxes. "Se nos mandas unha foto, nós poñémoslle o texto e tentamos reproducir o que estamos vivindo aquí", dixémoslle. E ela respondeu : "adiante, Alba Ferro colabora". Co mesmo espírito abordamos outras persoas da parte de diante e preguntámoslles de onde eran: "de Oviedo", "de León", "de Barreiros"... "¿Y a mi no me preguntas? Yo soy de Albacete... y esto me gusta!".
Na parte final aínda máis delicias. A primeira é o "Tecín soia a miña tea" con Silvia acompañada de Roi e de Nando. Enorme Silvia na versión que o poema merecía. Só despois chega o "Vai alborexar", de Donos do noso destino. Daquela o público está entregado. Ribadeo na primeira división. A lástima é que o pobre Marqués de Sargadelos -que seguiu atentamente o concerto desde a escalinata do concello- non pode manifestar a súa alegría, porque ten os pés solidamente atados ao chan. Se non estivese así, faría o mesmo que facíamos todas e todos: cantar e bailar e bailar e cantar. Ao son de Silvia Ferre e Roi Casal.

04/09/16

ASTURIANO ESCRITO EN MÁRMORE (para que non se borre)

Localizar información sobre Xulio Vixil (Bimenes, 1964) é moi fácil. Unicamente temos que poñer o seu nome nun pesquisador e teremos á vista moitas fontes documentais (páxinas académicas, de empresas editoras de libros, hemerotecas dixitais, etc.). Como primeira aproximación, porque non tíñamos referencia do seu nome nin da súa obra -e iso que estamos ben próximos-, botamos man da Wikipedia. Así soubemos o fundamental: que é filólogo e que combina o exercicio da docencia coa investigación e a comunicación a través da literatura e do xornalismo, mais sempre con explícito compromiso co desenvolvemento da cultura asturiana.
Unha vez que o situamos no tempo e no espazo -e unha vez que visualizamos as imaxes e as sinopses das súas obras-, propuxémonos entrar en contacto directo con el. Tampouco isto foi difícil, aínda que non localizásemos vínculos ao seu correo electrónico particular. Un SOS enviado para Aitor García Corte, Inaciu Galán e Pelayu Valduviecu tivo triple resposta rápida.
Falando dous minutos por teléfono con Xulio Vixil somos perfectamente conscientes de que se trata dunha persoa grande. Moito máis alá da súa faceta de profesor ou de escritor. O caso que nos ocupa é bastante máis profundo que unha carreira intelectual, por fonda que esta sexa.
Loxicamente, así de primeiras, a chamada deixa a Xulio desconcertado: cal é a relación de Bimenes con Burela?, a santo de que unhas persoas de Burela viaxan a Bimenes e vanse fixar xustamente na lápida de Dora?, que é o que lles interesa?
Non foi nada complexo explicarllo. Aínda máis: se nos facilitaba un correo electrónico, nós mandábamoslle a ligazón ao Palabra e Memoria e xa o entendería todo. Sen esforzo. Despois tería tempo de ler algún breve traballo xa redactado (sobre Rinlo, ou sobre Barreiros ou sobre Burela ou Cervo...) e podería responder con pormenor ao cuestionario que lle íamos facer chegar.

O cuestionario chegou e Xulio respondeu, unha vez máis. Con lágrimas, si; con brillantez tamén. Con paixón, mais con obxectividade. Foi así como soubemos que Dora Vixil Castañón naceu en Bimenes en 1969, que era licenciada en Xeografía e Historia e que exerceu a docencia no Instituto de Ibias, antes de conseguir destino definitivo en Avilés. Soubemos tamén que estaba casada e que tiña unha nena pequena. Incluso soubemos máis.
En calquera caso, non é coas nosas palabras coas que deben coñecer o perfil biográfico. Mellor as orixinais, que non necesitan tradución:

La mio hermana Dora, nacida en Bimenes (primer conceyu en declarar la oficialidá del idioma), yera madre d'una neña, cola que tuvo de colar pa Zarréu, nel conceyu d'Ibias, bien lloñe de casa, cuando Nora tenía un añín, pa desendolcar el so llabor profesional (yera profesora d'Hestoria n'Educación Secundaria). Taba percontenta porque consiguiera la plaza definitiva n'Avilés (vivía n'Uviéu), cerquina casa, nun IES onde trabayábemos xuntos. Nun pudo acabar el cursu por cuenta d'esa terrible traxedia que ye'l cáncer.

 No cuestionario preguntábamos tamén pola información necrolóxica, tanto pola que se pon no fogar fúnebre como pola que se distribúe pola parroquia ou que se publica nos medios de comunicación. O noso informante respondeunos que as fixeron, en asturiano, como ela querería, e tamén nos explica o contexto, como se nós non fósemos catedráticos nesa materia de precariedade. Sentimos en primeira persoa os esforzos por concentrarse para redactar ou corrixir un texto nun local de servizos fúnebres, un texto destinado para unha persoa querida que acaba de morrer. Sentimos en primeira persoa os esforzos por dar explicacións e xustificar:


Fiximos esqueles n'asturianu, como a ella-y prestare. Mándote copia axunta. Equí sí que tuvi de tar mui atentu, porque yera la primer vez que facíen una n'asturianu y, anque la revisé, salió con un fallu ("mayo" en llugar de "mayu"). Vese que nun taba yo pa fixame muncho, avezáu como toi a la revisión de testos (tamién me muevo daqué nel terrén editorial). Dixéronme los de los servicios fúnebres que diben garrala como modelu pa futures ocasiones.

Aínda ben que na funeraria foron atentidos con sensibilidade -non sempre temos esa sorte-. En relación con este servizo, formulámoslle outra pregunta a Xulio: como foi o funeral, civil ou relixioso?, puido oficiarse en asturiano (o idioma de comunicación oral da familia e o idioma que explicitamente figuraba nas notas necrolóxicas)?
O irmán da falecida respondeunos que o funeral relixioso non se oficiou en asturiano porque "Nun hebo tiempu nin posibilidaes de consiguir un cura que lo fixera"Unha vez máis, sentímonos plenamente identificados. Resulta que o sentido común necesita tempo e posibilidades! Ou estamos atentos en todo momento e pedimos... ou somos totalmente ignorados. En fin...

Chegados aquí, xa tíñamos claro quen se encargara da composición da lápida. Aínda así, necesitábamos confirmalo. 
Efectivamente, o texto foi escrito polo irmán, en homenaxe a Dora e tamén en homenaxe ao cura sandinista Gaspar García Laviana, parente do que se senten orgullosos:

El testu redactélu yo mesmo. Les pallabres qu'apaecen ellí tán garraes d'una espresión mui utilizada polos sandinistes na revolución que fixeron en Nicaragua, cuando falaben de los sos muertos, esos que nunca muerren. Un destacáu revolucionariu sandinista, el cura guerrilleru Gaspar García Laviana, yera familia de nós y ella tenía-y munchu ciñu, por eso sé qu'a Dora diba presta-y enforma esi epitafiu.

O gravado fixérono nun obradoiro de mármore, onde tamén foron moi receptivos, aínda tendo en conta a falta de costume:  "Nun punxeron torga dala pa facelo n'asturianu, tolo contrario, pero sí que tuvi de tar mui enriba pa que nun saliere con fallos, pola falta de vezu de facelo na nuesa llingua".

A colocación produciuse "entre o 10 e 15 de xuño" de 2009 e desde ese momento a xente que por alí pasa e ve o epitafio sente unha enorme emoción. Non só a familia, a xente veciña, os homes e mulleres que traballaron con ela e os mozos e mozas de quen fora profesora. Non só.
Tamén todas as outras persoas que levamos en nós o espírito da interculturalidade.
Todo o que rodea a figura de Dora Vigil Castañón é auténtico Modelo Burela.

03/09/16

DORA VIGIL CASTAÑÓN


Antes de saír de Bimenes, xa temos moi claro que o nome de Dora Vixil será unha porta aberta ao encontro da cultura xenuinamente asturiana. No tardamos en confirmar que é así. Instalados comodamente na casa, facemos as primeiras pesquisas e nun instante conseguimos dous resultados moi importantes: un blogue de didáctica do asturiano e unha carta publicada nun dos xornais de máxima difusión na comunidade.
Entramos no blogue e vemos que o título da entrada é inequívoco: "Na alcordanza: Dora Vigil Castañón". A publicación recolle dúas fotografías, un vídeo e un poema que leva por título "Candela" e que está dedicado a Dora, de quen se di: "Fuiste, yes y serás cabezalera". Nós lemos o poema e despois recreámonos escoitando o recitado no vídeo e acompañando o ritmo da voz coa lectura dos versos. Baixamos un pouco a vista e temos diante unha fotografía comentada. Parece que foi feita para nós, porque o conxunto resulta autenticamente Modelo Burela. A imaxe é da autoría da fotógrafa camerunesa Angele Etoundi, quen nos aclara que o seu traballo está focalizado na representación da muller negra como símbolo para transgredir os estereótipos. Aínda insiste en que pretendeu capturar a vitalidade, a forza interior e o orgullo que emana desas mulleres. Mentres lemos iso, obviamente pensamos en Antonia Semedo e nas súas compañeiras de Batuko Tabanka e das Raventolas.
O blogue da profe de Asturiano. Informacións para entender mellor a súa cultura. Gústanos. E como nos gusta, buscamos o perfil de quen o fai, mais non atopamos maneira de entrar en contacto. Resúltanos unha publicación algo unilateral, porque si podemos deixar comentarios, mais non podemos pedir información confidencial, como era este caso. Ben é certo, que esa falta de información no perfil resultou estimulante para que estudásemos o blogue con moito pormenor e mereceunos moito a pena (porque ten un moi bon informe sobre a situación actual do asturiano, unha preciosa banda deseñada moi pedagóxica e unha entrada ao dicionario da Academia). Unha boa fonte de recursos feita por unha profesora, Paz, cun currículo impresionante.
Saímos do blogue e procuramos a entrada á carta publicada no xornal. O primeiro que chama a nosa atención é a autoría do texto: Xulio Vigil Castañón. O primeiro que pensamos, loxicamente: un irmán de Dora. Con esa evidencia, comezamos a ler:

Silicosis, planta 7.ª, cuartu 728 A. Éstes fueron les últimes señes que tuvo la mio hermana Dora, la so última direición, la so postrer morada. Figúraseme que la meyor manera de despidise desti mundu ye arrodiáu de los tuyos, na to cama y selemente. Paeciera que la mio hermana nun tuvo esa suerte en dos de les tres coses, porque los suyos tuviemos con ella naquella especie de ritual onde toos morríemos un poco. Fueron y siguen siendo los díes más escuros que tuviemos na vida. Son díes nos quuna llábana grande y pesada va tapándolo too y nun dexa salir el sol. Son los momentos de la impotencia, de la desesperación y dun dolor desos quesgarrapa per dientro con mancaúres que nun sanen. Y que duelen tanto que lleguen a ser insoportables. Paezte quun dolor asina nun lu pudo sentir nenguna otra persona, cuando tanta xente hai víctima de la desgracia.
Sin embargu, estes lletres nun son pa recordar que nos dexó hai más dun mes la mio hermana Dora, ún de los cuatro pegollos de mio casa, del mio mundu, que queda irremediablemente coxu. Estes pallabres quieren ser dagradecimientu sinceru, fondu y emocionáu de tola familia, empezando per so madre Marta, so padre Mino, el so home Xurde, la so neña Nora (el meyor regalu que nos pudo dexar), Lelol so hermanu, so padrín, tolos tíos, tolos primos y yo mesmu (olvidábame de la so casi güela Gloria). Estes pallabres son dinfinita gratitú y almiración pa toles persones que tánto la ayudaron nos momentos más difíciles, igual na planta de quimioterapia, como nesa 7.ª, onde nun atopó más que sofitu, profesionalidá y consuelu. Había momentos quen vez de trabayadores del hospital de Silicosis, a ella paecíen-y ánxeles que veníen a traye-y laire que tanto necesitaba. La mio hermana descansó colos suyos abrazándola y esos trabayadores de Silicosis fixeron tolo posible pa que paeciera so casa. Agora nosotros dicímos-yos que la nuestra casa ye la suya. Y el nuestru corazón. Un abrazu.
As palabras de Xulio transmítennos moita dor, claro que si, mais tamén nos transmiten moitísima ternura, moitísimo amor á súa xente e á súa terra. Son un pranto, certo, mais son un canto á profesionalidade, ao humanismo que desprenden moitas das persoas que traballan nos servizos sanitarios. Saúde e Sensibilidade, pensamos.
Unha vez e outra lemos o texto de cabo a rabo e sentímolo noso e así o reproducimos, sen tradución, que non fai ningunha falta. Porque, como di, Anik Nandi: é a lingua do corazón.
A través de Dora, chegamos a Paz e a Xulio; e a través de Paz e Xulio chegamos a Asturias.
Iso si: desde ese momento, Xulio deixou de ser só irmán de Dora e pasou a ser simplemente Irmán.

02/09/16

Amor a Asturias



No consistorio de Bimenes, o alcalde -Aitor García Corte- esfórzase por dar resposta a todas as preguntas que lle formulamos sobre a convivencia lingüística naquel concello do centro de Asturias. Mentres nos explica, sempre pendente de se entendemos correctamente, busca na mesa, no ordenador e mesmo nos arquivadores a documentación que corrobore as súas palabras. Nós insistímoslle en que non queremos abusar do seu tempo e que nos sentimos agradecidos pola acollida que nos dispensou e por todas as orientacións que nos deu tanto para facer visitas como para procurar informantes, mais el non perde un minuto na procura de documentación para ofrecernos. Impresionante.
Cando xa nos estamos despedindo, dicímoslle:

-Alcalde, queremos levar algunha imaxe inequívoca de que ese sentimento se traduce en feitos... Queremos fotos ou vídeos que demostren como é a realidade.

O alcalde dinos que podemos tirar fotografías da rotulación interior do concello, que podemos saír e ir ver o taboleiro de anuncios e que mesmo podemos levar algúns cartaces que anuncian espectáculos teatrais. Parécenos ben -e tomámoslle a palabra-, mais aínda insistemos en que queremos algo que teña saído da sociedade civil:

-Non entendo.
-Entendes. Claro que entendes. Por exemplo: queremos comer nun sitio que, para elexir, tamén haxa comida asturiana, feita con produtos asturianos... e que nos atendan en asturiano, porque estamos aquí para aprender.

Xa no corredor da casa do concello, o alcalde de Bimenes ponnos a man no ombro, ri e tranquilízanos. Dinos que non teremos o menor problema para gozar da boa cociña tradicional e cítanos media ducia de lugares, todos descoñecidos para nós. Repentinamente, cala, pensa e adiántanos que en todos eles haberá un ambiente de fala asturiana, mais que descoñece se hai algún en que o menú apareza escrito tamén en asturiano. "Non hai problema por iso, xa o comprobaremos nós": foi o que pensamos.

-E no cemiterio?
-No cemiterio?
-Si... Haberá algunha familia que puxese epitafio en asturiano...

Aitor García Corte fica sorprendido. Pensa. E, nuns segundos, dinos que non o sabe con certeza, que nunca tiña reparado no uso do asturiano nun contexto así e que é case seguro que non haxa ningunha. Ainda así, nós sabemos que non debemos marchar de Bimenes sen facer a comprobación. Vinte anos depois da iniciativa de oficialización promovida pola corporación presidida por Joaquín Garcia Gutiérrez, sería un pouco triste que a semente non prendese.

Non nos deu tempo a desanimarnos, porque decidimos tomar un aperitivo e, simultaneamente, botar un ollo ao menú nunha das casas de comida de Bimenes. O ambiente era magnífico. Na barra había varios traballadores -camioneiros, viaxantes, traballadores da construción...- que chegaban con sede e querían tomar algo antes de sentar a comer. Non había que afinar moito o oído para comprobar que case todos falaban en asturiano. Con absoluta fluidez. Totalmente vivencial.
Aínda que era cedo, xa non saímos buscar outro lugar. Para que? Tempo habería de tomar despois un café nalgún dos outros establecementos para facer a observación lingüística. Esta xa estaba feita e ben feita: en Bimenes era perfectamente posíbel degustar a gastronomía asturiana en ambiente asturiano. Encantounos.

Pola tarde, chegou o momento para o cemiterio de Bimenes. Preguntamos polo emprazamento e conseguimos localizalo rapidamente. Nada máis entrar, alegrounos ver un recinto moi ben coidado e con esa enerxía positiva comezamos o visionado. Avanzamos en horizontal cara a dereita -un, dous, tres... vinte nichos- e nada de nada: todo igual que nas nosas parroquias (identidade non visíbel). Xusto despois, chegamos ao ángulo recto e encaramos  o muro vertical. E, con tres ou catro metros andados, ali diante dos nosos ollos apareceron aquelas palabras: "N'Alcordanza"
Primeiro vímolas. E despois pronunciámolas case en silencio: "N'Alcordanza". Uns segundos máis tarde, baixamos un pouco a vista e continuamos lendo: "Tu yes de los...". E chegamos á marca identitaria final: "La to familia".

Nese momento, volvemos a ler e fixámonos no nome (Dora Vigil Castañón), na data do falecemento (o 27 de maio de dous mil... e algo) e naquelas palabras de significado intenso "Tu yes de los muertos que  nunca muerren". Daquela sentímonos da súa familia. Por que? Pola forza da palabra auténtica.

Poderíamos saír do recinto e preguntar nas casas veciñas. Temos a certeza de que conseguiríamos información. Moita. Mais non o fixemos. 
Dedicimos tirar unha fotografía e regresar.
Tempo habería de saber quen foi Dora e quen foron as persoas que se encargaron de gravar o seu nome para a eternidade ao tempo que lle daban vida a súa cultura.
Tempo habería...
... e hóuboo.
Asturianos con amor a Asturias. Eses son os nosos irmáns. Modelo Burela.
Delas e deles falaremos na próxima entrega. 

01/09/16

AS FESTAS DE RÚA

Actuación da Banda da Balbina nunha festa popular

Bernardo Penabade

De novo unha historia de A e B. Non se molesten en buscarlle referentes únicos, que non compensa. Chamámoslles así xustamente para mostrar dúas actitudes, que se poden concretizar en moitos lugares do mundo. Non importa se A e B son homes ou se son mulleres; se militan neste ou naquel partido; ou mesmo se non militan en nada. Son A e B: persoas que poden vivir en Viveiro, en Triacastela, en Ferrol ou en Vigo; e que poderían perfectamente vivir en Avilés, en Baracaldo, Tarragona ou na famosa Lorient, punto de encontro.
Neste caso, A e B viven na mesma localidade galega e manteñen unha relación institucional do tipo administración (B)-administrado/a (A), porque ambas son persoas moi dinámicas e porque ambas acudiron á chamada da participación cidadá.
A persoa A ten un perfil moi semellante ao do escritor Xavier Alcalá. Con orixes nas terras da Mancha, por razóns laborais, a súa familia veu  para a nosa terra e na nosa terra os seus integrantes desenvolveron unha segunda identidade: con espírito aglutinante, sen perderen a cultura da raíz, abríronlle as portas á do lugar de acollida, como é moi lóxico. De todo iso esta persoa A sabe moito, primeiro porque o viviu desde dentro, segundo porque o estudou tanto no Grao de Educación Social na USC como nos cursos complementares de animación sociocultural; e, terceiro, porque leva anos practicándoo no asociacionismo de base.
No inicio deste 2016, a persoa A entusiasmouse porque a persoa B púxose en contacto con ela e convidouna a integrarse na comisión das festas patronais:
 "Que alegría teño! Sabes que? Falou comigo B e convidoume a entrar na comisión das festas. Díxome que quería unhas festas participativas e que xa falara con todas as asociacións e que a idea fora moi ben acollida...
Ai, por fin chegou o cambio. Menos mal.
Xa verás, este vai haber unhas festas auténticas"
No mes de maio, o gozo de A xa estaba no pozo. Que tería pasado en tan pouco tempo? Cal sería o motivo de tan magna desilusión? 
A actitude de B.
A oferta participativa de B marcaba unha clara división do traballo: B pensaba, o resto executaba e todos xuntos reuníanse nunha foto para mandar á prensa. Perseverante, a persoa A nas primeiras reunións procurou o seu mellor discurso pedagóxico para tentar mudar o sistema, mais os esforzos foron infructuosos. Porque ab-so-lu-ta-men-te to-do estaba xa precociñado.
Todiño.
Cando recoñeceu a evidencia, o activista aínda tivo folgos para tentar facer algunhas modificacións e propuxo grupos e orquestras para actos puntuais.

-Eu as festas manchegas xa as vivo na Mancha, -e o ton co que o di enfatiza a evidencia. 

O tempo pasou e a evidencia naufragou. Primeiro por pasiva e despois por activa, as persoas do tipo A foron convidadas a saír exactamente por onde entraran. Actitude B.

-Como vamos a traer a la Banda de la Balbina?!!!! Eso para las fiestas de Rúa... Pero no para Mis-Fiestas.
Actitude B.

Aínda que resulte traballoso -e por veces pouco agradábel-, se esta actitude tipo B provoca unha alteración das normas de convivencia, hai que facer discurso pedagóxico preventivo. Tanto se esa actitude aniña nun partido como se pretende aniñar noutro; o mesmiño se está nunha persoa de aquí como se está nunha persoa de acolá.
Hai que facer prevención a tempo.