OS CONTRABANDISTAS

06/09/16

DONOS DO NOSO DESTINO

Bernardo Penabade

Nunha ocasión, mentres retornábamos de Santiago en dirección á Mariña, na Radio Galega Música puxeron unha canción moi moi linda. Tanto nos interesaron a letra e a música que memorizamos un par de versos e, no primeiro lugar en que puidemos estacionar o coche, anotámolos nun papel para despois localizar canción e información sobre os seus intérpretes. 
A pesquisa feita naquela mesma noite -por volta de agosto ou setembro de 2014- deu como resultado que a peza era de Roi Casal e que estaba incluída nun disco intitulado Donos do noso destino. Aquela foi información suficiente para que nos puxésemos a "bucear"  con intención de escoitar todo o que estivese ao noso alcance e así o fixemos. Desas escoitas saíu a constatación de que a voz feminina correspondía a unha artista neofalante e ese particular tamén nos resultou moi atractivo, entón puxémonos de novo en pesquisa e procuramos solución para o enigma:  "Quen será a neofalante que ten esta voz?".
Silvia Ferre. Cando localizamos o seu nome, pensamos na posibilidade de que ela e Roi nos concedesen unha entrevista para o programa especial do número 100 de Proxecto Neo. E tivemos sorte. Moita sorte. Silvia e Roi colaboraron, dándonos todas as facilidades para o noso modesto programa de radio escolar.
Esa sorte repetiuse dous anos máis tarde, neste 2016, cando tivemos o privilexio de poder gozar do seu directo en dous lugares da Mariña: primeiro en San Cibrao (na altura do Día das Letras) e despois en Ribadeo (con motivo das festas patronais).
En San Cibrao o concerto foi nun interior, no auditorio da Casa da Cultura. Había moito público, na maior parte familias con xente miúda. Mais non se trataba dunha "parroquia" entregada, nin moito menos. De feito, Roi afanábase en presentar a súa música e aludía a Rosalía e a Neira Vilas e a Manuel María e o auditorio non se entusiasmaba. Mais, pouco a pouco, o concerto ía derivando de "maxicamente adolescente" a "maxicamente adulto" e o peito da parroquia ía tamén entrando en calor. O caso foi que, no último cuarto, os nenos e as nenas perderon o medo e deixaron a compaña das mamás e dos papás e pasaron para a primeira fila e batían palmas e cantaban os retrousos... e non dicimos máis, porque non fai falta.
Roi Casal e a súa banda en Ribadeo (Fotografía de Alba Ferro)

En Ribadeo pasou algo parecido. Igual de bonito. O concerto foi o primeiro sábado de setembro ás dez da noite, no parque de San Francisco, e un cuarto de hora antes non chegaba a haber medio cento de persoas. Coa comunidade festeira aínda de viños ou en plena cea, comezou a soar a música. Mentres Roi cantaba as primeiras estrofas da "Ninfa das frescas augas", Silvia notábase un pouco tensa. Tal vez temía que non houbese bon ambiente, precisamente alí, na vila da ponte que une as súas terras galega e asturiana. Temores infundados.
Coa segunda das cancións a soar, parte do público que estaba comodamente sentado nun muro abandonan a comodidade e vanse situando xusto diante do palco ao mesmo tempo que Silvia se pon aos mandos e nos canta aquilo de "Nacín cando as plantas nacen,/ no mes das flores nacín,/ nunha alborada mainiña,/ nunha alborada de abril". Nese mesmo momento, moita xente da parte de diante comeza a botar man dos teléfonos e póñense a gravar a historia de Mauro e Rosa. Todo ten a súa parte positiva: polo menos levan unha das máis fermosas mensaxes de amor que teñan escoitado nunca ("O meu corazón che mando/ cunha chave para o abrir/ Nin eu teño máis que darche/ nin ti máis que me pedir"). Ao acabar a segunda canción, xa somos conscientes de que entre o público aínda hai turistas, que  non coñecían a banda e que fican coa boca aberta ("¡Que sorpresa! ¡Vaya grupo! ¡Me encanta!).
Mentres soan máis cancións e Roi Casal dá unha cumprida información para comprender o seu universo musical, o público aínda continúa escoitando, gravando e aplaudindo "con moderación". Mais nisto chega a sétima canción e a sétima canción titúlase "Din Dan" e Roi dirixe a banda e o espírito de Manuel María sobrevoa e a condenada da Silvia primeiro pide que o público bata as palmas e despois dálle por pedir que a acompañe a cantar... e, como non temos catro mans, os pobres teléfonos desaparecen nos bolsos. E os aplausos crecen. E non marcha ninguén. Moito ao contrario. O concerto faise grande. E aparece Nando Casal, que toca e que fala cordialmente, e o concerto faise máis grande aínda. Entón vibramos con "Por ti" e viaxamos á Habana e coñecemos "Son galego, son cubano" antes de marcharmos para México con La Vieja, a base orixinal sobre a que se fixo a magnífica banda sonora da serie Caseiros.
Como nese momento tamén a nós nos ferve o sangue, botámoslle cara e abordamos unha fotógrafa que non parara de recoller o mellor do concerto en imaxes. "Se nos mandas unha foto, nós poñémoslle o texto e tentamos reproducir o que estamos vivindo aquí", dixémoslle. E ela respondeu : "adiante, Alba Ferro colabora". Co mesmo espírito abordamos outras persoas da parte de diante e preguntámoslles de onde eran: "de Oviedo", "de León", "de Barreiros"... "¿Y a mi no me preguntas? Yo soy de Albacete... y esto me gusta!".
Na parte final aínda máis delicias. A primeira é o "Tecín soia a miña tea" con Silvia acompañada de Roi e de Nando. Enorme Silvia na versión que o poema merecía. Só despois chega o "Vai alborexar", de Donos do noso destino. Daquela o público está entregado. Ribadeo na primeira división. A lástima é que o pobre Marqués de Sargadelos -que seguiu atentamente o concerto desde a escalinata do concello- non pode manifestar a súa alegría, porque ten os pés solidamente atados ao chan. Se non estivese así, faría o mesmo que facíamos todas e todos: cantar e bailar e bailar e cantar. Ao son de Silvia Ferre e Roi Casal.

Sem comentários:

Enviar um comentário