OS CONTRABANDISTAS

11/10/16

APARICIÓN ANXELICAL EN RECARÉ DO VALADOURO

Bernardo Penabade

Nota necrolóxica de Evaristo Lorenzo editada polo Tanatorio  Prieto e García do Valadouro


Faleceu na cidade de Ferrol o sacerdote Evaristo Lorenzo Orol, de quen tíñamos noticia a través do maxisterio oral e escrito do profesor Vitorino Pérez Prieto. Certo é que non o situábamos correctamente, porque -como resultado do seu traballo en Narón e Ferrol- xa o considerábamos como nacido nalgún lugar da Terra de Trasancos. Moitos anos despois, tivemos a fortuna de saudalo persoalmente e de coñecer o alcance da súa obra social. Foi grazas á súa familia e á investigadora Alva Garcia Pico, durante o traballo de campo dunha intervención de pedagoxía social "Modelo Burela" aplicada nas parroquias do concello de Ferreira do Valadouro.
A común amiga Alva, boa coñecedora do que Evaristo significaba tanto desde a perspectiva do social como do nacional, deunos a coñecer a triste noticia tan pronto ela mesma o soubo e mesmo nos enviou copia do "In Memoriam" que preparou ás presas para que puidese aparecer nos xornais galegos no mesmo día do sepelio.
Aínda que coñecíamos sobradamente o que a figura de Evaristo representaba, non fomos realmente ben conscientes de como iso estaba encardinado na comunidade até que chegamos ao tanatorio de Ferreira e comezamos a escoitar os comentarios de persoas que chegaban das parroquias do Valadouro; da Mariña; e de Ferrol e a súa comarca. Alí ficounos ben claro: o cura obreiro era moi coñecido e moi querido.
O oficio litúrxico realizouse no templo de Recaré, o mesmo lugar onde nacera había 76 anos (en 1940), e tivo que ser seguido desde fóra por numerosas persoas, porque dentro non había sitio para máis.
Coñecendo o perfil cívico de Evaristo e coñecendo tamén a típica actitude de distanciamento do clero coa nosa cultura, tíñamos certa preocupación pola orientación do acto litúrxico. Xa antes de este comezar, era notorio que a comunidade eclesíastica comparecía en pleno e co equipo titular., mais, á vista do cántico inicial e das primeiras palabras do oficio, intuíase que o equipo non ía ter unha das tardes de gloria: o corsé do Estado impúñase á naturalidade da Nación e esta só aparecía en brevísimas pinceladas, como excepción (non como norma). Ninguén se movía do centro do obxectivo da cámara e ninguén abandonaba a expresión ritual...
Mais era o funeral por Evaristo e tería que producirse algunha intervención divina. E produciuse. Xa cara ao final, un anxiño ou anxiña invisíbel trouxo a Recaré un homiño de corpo miúdo, púxoo nunha esquina do templo e deixouno aproximarse do altar. Xustamente cando colleu o micrófono entre as mans, aquel home que estaba case sen voz puido falar e a través das palabras a súa figura fíxose grande -do tamaño da de D. Ramón Otero Pedraio falando en Oseira; ou de D. Miguel Anxo Araúxo Iglesias falando en Mondoñedo, en Ferrol ou nas Grañas do Sor- e mostrounos en dous minutos a grandeza de Evaristo. Entón a Nación que estaba sentada nos bancos rompeu espontaneamente a aplaudir e ofreceu unha ovación prolongada, sincera e profunda. "É Xosé Manuel Carballo", dicían pola esquerda. "É Xosé Manuel Carballo", dicían pola dereita. "É Xosé Manuel Carballo", dicían a maioría, que estaban polo centro. 
E Xosé Manuel Carballo, case sen voz -fisica-, axudado por unha cánula, dirixiuse ao Bispo, agradeceu que lle deixase intervir, e pediu a Ramón Otero Couso que dese lectura a un texto escrito en memoria do falecido. E o párroco de S. Xulián de Ferrol, natural de Adelán de Alfoz, tomou a palabra para ler e chegou a un fragmento que dicía "Evaristo nunca renegou das orixes e así, a humildade -como proximidade; sentirse á altura dos de máis abaixo- foi a súa bandeira.
Proceder de familia numerosa ensinoulle a amar de xeito moi aberto, sen poñer cancelas, nin constrinxir o seu amor a estreiteces pesadas e medidas, ou con lindes moi ben definidas. Ser berrón, sen chegar a perder o control de si mesmo, permitiulle facerse oír. Denunciar a multinacionais que cambiaban excesivo flúor para todos por traballo para uns poucos; e tamén lle permitiu ser denunciado por desacato, enténdase; falta de submisión, á autoridade incompetente, pero obediente. Sobráballe voz e grazas a iso puido prestárllela a moitos expropiados dela".
Mentres o ecónomo da diocese lía estas palabras, coa voz entrecortada -e non por enfermidade como a de Xosé Manuel Carballo- a Nación das bancadas era consciente de que tiña corazón e de que tiña sangue e o sangue fluía e o corazón batía. Entón chegou o segundo aplauso (igual de prolongado, sincero e profundo).
Entre lágrimas de emoción xeneralizada, Ramón continuou lendo durante uns minutos os poucos parágrafos que lle faltaban e así chegou a terceira salva de aplausos. E aqueles aplausos eran para o labor pastoral coprometido de Evaristo e eran unha aclamación popular para Xosé Manuel Carballo como bispo (cando menos, dunha diocese emocional e racional).

A cerimonia continuou e outras palabras diferentes trouxéronnos á realidade. Xosé Manuel Carballo xa non estaba ao lado do altar. Tal vez o anxiño ou anxiña o fora levar á Terra Chá e retornara rapidamente para recoller o corpo de Evaristo e para depositalo nunha campa situada xusto frente ao nicho dos seus parentes, alí en Recaré, en plena terra.

Sem comentários:

Enviar um comentário