OS CONTRABANDISTAS

08/10/16

FANTOCHES BAJ


Esta imaxe tirada por Mariña da Mariña é unha mostra simbólica do ambiente que se viviu no espectáculo de Fantoches Baj (Companía Galega de Comedias) que presentou Os Vellos non deben de namorarse en Foz, por xentileza da Biblioteca Pública Municipal e da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Media ducia de asistentes ao acto transmitiron os parabéns a Inacio Vilariño e ao seu elenco de artistas, entre os que figura Lucho Penabade, de Muras.
De esquerda a dereita: Lucho Penabade, Margarita Bermúdez, Xulio Leiras, Chus Álvarez, Carme Cociña, Miruca Parga, Inacio Vilariño e Bernardo Penabade.

Así como hai días en que sae todo mal, hai outros en que todo sae ben. O 7 de outubro de 2016, afortunadamente, foi un destes últimos. Un día redondo. Á primeira hora da mañá chegounos noticia bibliográfica do querido amigo José María Monterroso Devesa, que se ocupa outra vez máis dos Irmáns Vilar Ponte. Pola tarde escoitamos con emoción o programa de Marco Pereira e Karina Parga transmitido tamén para as áreas metropolitanas da Coruña (por cortesía de CUAC FM) e de Vigo (por iniciativa da Radio Piratona). Para poñerlle ramo á xornada, á noitiña fomos a Foz para asistir a un espectáculo teatral: unha versión con marionetas de Os Vellos non deben de namorarse.
Chegar á beira dunha Casa da Cultura que leva o nome de Manuel María e ver que xa andan por alí o Cronista Oficial e a súa esposa e que están  acompañados de Xulio e Margarita, da Casa da Penela de Mondoñedo, xa é de por si unha grande alegría. Mais tamén o é entrar naquel auditorio pequeno e acolledor, con moi boa sonoridade e onde non hai sensación de barreira entre o escenario e os asentos.
Con estas sensacións comezamos a vivir o espectáculo. E o espectáculo comeza e séntese presente o Castelao auténtico. O escenario é austero, mais lévanos a concentrar a atención no punto exacto a onde debemos atender. Ascende o "telón" e recíbennos Lela e Saturio na botica. A fonética é do país. O idioma flúe. Teatro profesional interpretado con cabeza, corazón... e lingua! A peza continúa e a síntese artística apodérase do público. Hai nenas e nenos, mais non se sabe que están. Teñen moito a que atender: á canción de Lela, á borracheira do fidalgo, ao Entroido, á irrupción do sapo e aos razoamentos entre Pimpinela e a súa familia. Mais aínda nos resta un epílogo e con el chegan novas sorpresas. 
Mentres discorren os cinco minutos finais -matematicamente, do 65 ao 70-, asistimos ao diálogo de ultratumba entre Saturio, Ramón e Fuco e, en simultáneo, pensamos na feitura das marionetas e na súa manipulación, nas interpretacións musicais, parateatrais e na danza. Valoramos o ritmo do espectáculo, a iluminación e os efectos sonoros. Entón dicimos: chapeau, Inacio Vilariño. Nunca che víramos un espectáculo, mais no primeiro que che vimos fixéchete con nós. Pola conta que nos ten, habemos de saber por onde andas.

Sem comentários:

Enviar um comentário