OS CONTRABANDISTAS

22/10/16

GRAZAS, MELA

O elenco escénico de Redrum Teatro cun grupo de persoas que asistiron na Casa da Cultura de Burela á representación de Noiteboa, de Álex Sampaio e Borja F. Caamaño. De esquerda a dereita: Lavilson R. Monteiro, Mela Casal, Carla da Veiga, Guillermo Carbajo, Silvera V. de Oliveira, Ernesto Chao, Xulio R. Leiras e Margarita Bermúdez.



Mela Casal, a actriz nacida no Boqueixón, entrou nos circuítos artísticos partindo desde a base. Con outras persoas que traballaban no comercio, que estudaban na Universidade de Santiago ou que exercían o funcionariado participou no Teatro de Cámara Ditea, dirixido por Agustín Magán. Naquela escola, Mela non era só actriz, evidentemente. Era unha das currantas que colaboraba na escenografía e repartía anuncios das funcións da mesma maneira que asumía outras tarefas da intendencia. Todo iso como complemento dos ensaios e das representacións. Así é o teatro popular.
Agora, con toda unha traxectoria encima, Mela Casal estivo de novo en Burela, desta vez para participar na representación de Noiteboa, un espectáculo escrito por Borja F. Caamaño e Álex Sampayo e dirixido por este último. Mais esa traxectoria de éxito en Mareas Vivas, A vida por diante, Nada es para siempre, Luar, Pradolongo, O Clube da calceta ou O lapis do carpinteiro non se lle subiu á cabeza. En Burela comprobamos como mantén moi vivo o espírito do teatro popular.
Finalizou a representación, tomou alento e achegouse ao público na compaña de Ernesto Chao e Guillermo Carbajo. Todos xuntos repartiron saúdos, responderon ás preguntas, asinaron autógrafos e tiraron fotografías coa xente. Noutras palabras: abriron as portas. Propiciaron o encontro co sector. Así se fai.
Moitas grazas.

Sem comentários:

Enviar um comentário