OS CONTRABANDISTAS

28/08/17

BELÉM TAJES

Eliane Tavares apoiada en Belém  Tajes e Bernardo Penabade. O Modelo Burela de Atención á Diversidade
fai intervención educatica dentro e fóra do recinto escolar.

A educación integral non entende de calendarios nin de espazos territoriais. A educación integral faise na casa e na escola, no comercio, no transporte público ou na festa. E faise en horario de mañá, de tarde ou de noite; durante os meses de setembro e xuño e tamén en xullo e agosto. Así é a escola da vida para a vida.
Na nosa intervención educativa sempre tivemos moita sorte coas colaboracións. Grazas a elas, moitas e variadas, levamos case quince anos propiciando unha aprendizaxe significativa que nos dá resultados alentadores.
Desde hai meses, unha desas colaboracións magníficas foi a de Belém Tajes. Puxémonos en contacto con ela e ela respondeu positivamente, coa maior das humildades. Pedímoslle colaboración para o noso programa de radio e ofrecéunola. Pedímoslle orientación e tamén a tivemos, non só nun momento puntual.
Por todo isto, a chegada a Burela de Belém Tajes con Luar na Lubre era un momento esperado. Tíñamos ilusión por recibila e facerlle chegar o cariño compartido. Felizmente, conseguímolo e incluso podemos asegurar que o paso da artista por Burela propiciou unha nova sesión da educación integral que vimos poñendo en práctica.
"Chamácheme Moreniña// no medio de tanta xente// Agora vaime quedar// Moreniña para sempre" cantaban a dúas voces Eliane e Belém mentres tomábamos o refresco á espera do concerto. Era un fermoso prólogo para o que viría despois. Sementeira de futuro.

18/08/17

NON HAI BARREIRAS QUE NON SE PODAN SUPERAR

Sara Gil en Compostela en plena sesión de traballo de produción para o Grandes Voces. Neste caso, con Carlos Blanco, Uxía Senlle, Socorro Lira e Sérgio Tannus



Ilusión. É a primeira palabra que se me vén á cabeza cando penso nos proxectos que se están a desenvolver nesta grande aventura. Tamén é o primeiro sentimento que me invadiu cando se me propuxo colaborar, aportando o máis pequechiño dos grans de area, neste universo do Grandes Voces.

Universo, si. Queda curto o nomear países, persoas ou territorios. O Grandes Voces medra peseniño, mais abordando non só música, senón emocións; non só artistas, senón vidas; non chegando só aos ouvidos do público, senón aos seus corazóns.

Grazas a todos e todas os que fixéstedes posible que saísen de min palabras para relatar esta sorte. Risos coas historias dos músicos e cantantes; bágoas con cancións profundas; bailes cos ritmos máis movidos e, sobre todo, dozura cando se me fala de vós, da radio, e de todo o traballo que hai detrás.

A miña forma de expresar estas liñas é dende o máis fondo de min, dende o puro sentimento, dende a esencia máis miña... Pero non vexo outra forma de facelo. Dende que estiven en contacto con esta iniciativa educativa, non fixen máis que aprender. Sempre me abriu as portas de todas as iniciativas que podían axudarme a medrar, profesionalmente e como persoa, que é o máis importante... E así foi, como tamén da súa man, puiden chegar ás ondas que guía Marco Pereira. Para el, tamén teño palabras de agradecemento. Por demostrar que non hai barreiras cando se desexa facer algo, por poñer os puntos nos íes cando se trata de facer ver que, se está onde está, é porque pode, porque se implica con todo o traballo que conleva. Non quedan atrás as palabras para Silvera, Edilson, Karina, Gabriel, Lucía, Matías e a moitos outros e outras, sen os que este barco non tería rumbo.

A todos os que se deixaron ser entrevistados, a todas as músicas que soaron nestes moitos programas: agradecemento, tamén. A produtores, cantantes, músicos, colaboradores, profesores, alumnos, e demais corazóns que se abriron para este equipo. Que me permitiron soñar e seguir crendo na bondade e no bo facer.

Grazas por deixarme colaborar, vivir, aprender e demostrar. Con traballo sempre se chega ao éxito, e se algo demostra este equipo é que o esforzo é recompensado.

15/08/17

Cando unha persoa chega a un país que non é o seu, necesita atención

Miruca Parga e Santiago Pérez na sede de El Progreso durante o acto de entrega dos premios Escola de Prensa, unha iniciativa do grupo de comunicación lugués e da empresa Leyma. O equipo formado por Zaira, Laura, Yaiza, Andrea e Damaris foi o gañador na categoría de Ensino Secundario coa redacción, o deseño e a maquetación da revista Maruxía.





Miruca Parga*

Cando unha é docente, non só ensina senón que aprende, porque para ensinar, antes hai que aprender, e na vida dun mestre é necesario estar aprendendo sempre.

O recoñecemento dos Premios á Acción Maxistral supón un valioso apoio ao labor que se vén desenvolvendo no IES Perdouro desde o proxecto Modelo Burela de atención á diversidade. Esta iniciativa é un xeito de recoñecer a propia realidade social do concello de Burela, no que conviven 42 nacionalidades. Pois diso, os docentes aprendemos.

Aprendemos que cando un chega a un país que non é o seu necesita atención, como tamén a necesita o alumnado autóctono, mais non do mesmo tipo. Cando os alumnos inmigrantes chegan a un centro a calquera altura do curso cómpre incluílos no sistema educativo, mais se se integran nunha clase de máis de 20 alumnos e sen profesores que lles poidan dedicar tempo dentro do seu horario de traballo, as posibilidades de éxito son remotas. Veñen con moitas ganas de traballar. Esfórzanse, prestan atención, fan as tarefas dentro das súas posibilidades, mais, tristemente, soen fracasar...

A raíz disto, os docentes aprendemos curso tras curso que esta non é a maneira adecuada de integrar nin o xeito correcto de ensinar. Nos últimos anos, o cadro de profesorado deste instituto e o seu equipo directivo co consentimento da inspección educativa fixo un meritorio esforzo por reunir horas suficientes dalgúns docentes para que puidesen atender a este tipo de alumnado na maior parte do seu horario de clase. Deste xeito, pódese partir do que realmente saben e pódese dedicar tempo ao primordial: a adquisición da lingua e de conceptos básicos que lles faciliten a integración na sociedade da que agora forman parte.

Para conseguir isto, é precisa a colaboración e o compromiso do equipo docente e moitos proxectos que resulten motivadores e ilusionantes para o alumnado. E con isto, o profesorado aprende que se propós un traballo motivador, os rapaces son aínda máis entusiastas ca ti á hora de levalo a cabo.

Un exemplo disto é o programa de radio Proxecto Neo, con xa máis de 200 programas semanais nas ondas emitindo desde Radio Burela. Eles mesmos son os locutores, entrevistadoras, presentadoras, divulgadores musicais, etc. Van encantados cada mércores á radio para realizar o seu programa. Sénteno tan seu como o pode sentir calquera dos docentes que participa con eles na emisión. Esa é aprendizaxe significativa, iso é traballar por proxectos, iso é ensinar para enfrontarse coa realidade porque o que fan é realidade mesma.

Coma o exemplo de Proxecto Neo podería poñer outros que se viñeron desenvolvendo no IES Perdouro, en Radio Burela e na asociación Dambara durante estes anos, porque comparto labor con compañeiras e compañeiros sumamente traballadores e animosos dos que aprendo día a día.

En resumo, esta é a miña aprendizaxe desde que comecei a impartir docencia: traballar en colaboración co alumnado para construír realidade, que a escola forme realmente parte da realidade social e que as aprendizaxes sexan valiosas para a súa integración en calquera ámbito.
Moitas grazas aos Premios á Acción Maxistral polo recoñecemento á nosa aprendizaxe durante estes anos; unha aprendizaxe que ten como fin a atención á diversidade, a inclusión integral e a consecución dunha convivencia intercultural pacífica e fecunda.


*Miruca Parga é profesora de Lingua e Literatura no IES Perduro. Coordina o funcionamento do Equipo de Normalización Lingüística e dirixe a revista Maruxía. Co seu apoio, diversos grupos de alumnado en risco de exclusión conseguiron superar situacións de fracaso escolar e mesmo alcanzaron diversos premios destinados a promover a innovación educativa.

12/08/17

O "MODELO BURELA" NO FESTIVAL DAS ARTES ESCÉNICAS DE RIÓS



O "Modelo Burela" está presente no Xº Festival das Artes Escénicas a celebrar en Riós nos días 13 e 14 de agosto. Flávio Almeida e Eliane Tavares participan na Gala Ruralizarte 2017 interpretando músicas de composición propia e adaptacións de grandes éxitos. Pola súa parte, a fotógrafa Lucía Rivas vai realizar unha completa reportaxe gráfica do amplo programa de eventos.
Flávio Almeida e Eliane Tavares, estudantes de orixe caboverdiana chegados á nosa terra neste mesmo ano, participaron no proceso de selección do programa Ruralizarte e gañaron a participación nas actividades formativas en materia artística celebradas nos mes de xullo no albergue de Furelos (Melide) e no mes de agosto na Casa da Castaña en Riós.
Producidas por Claqueta Coqueta, a partir dunha idea orixinal de Rubén Riós, as xornadas formativas Ruralizarte contan co patrocinio da Xunta de Galicia, a través das Consellerías de Política Social, Medio Rural a través das Direccións Xerais de Xuventude, Participación e Voluntariado (da Consellaría de Política Social)  e de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias (da Consellaría de Medio Rural) respectivamente, en colaboración cos concellos de Melide, Palas de Rei e Riós.
Segundo a organización "Ruralizarte non son unhas simples xornadas creativas, senón unha plataforma para dar a coñecer o talento dos rapaces, dunha maneira natural e entretida", obxectivos e metodoloxía totalmente coincidentes cos da intervención educativa Modelo Burela.

UN PROGRAMA MOI COMPLETO


 O programa de eventos da primeira das xornadas -a do día 13, domingo- comeza ás 10:30 da mañá con xogos infantís. Para as 12:15 está prevista unha "Rota do Talento", con cerimonia de bautismo dos castiñeiros, baixo a coordinación de Andrea Pousa e o Bruxo Queiman. Da animación ocuparase a Banda de Gaitas e Pandereteiras de Riós. Inmediatamente despois será o momento do GASTROÑÁM (IIIº XANTAR ENTRE CASTIÑEIROS) durante o cal se contará coas actuacións de ANEU e, de novo, Andrea Pousa e o Bruxo Queiman. A entrega do Premio Castaña de Cristal abrirá paso á GALA RURALIZARTE-2017, que contará coa participación de Eliane Tavares e Flávio Almeida.
Ás 10 da noite na Praza do Concello de Riós comezará a Grande Gala Musical con Emilio Rúa, Aneu, Aida Blanco e DJFonsi.


 A segunda das xornadas, a do luns 14, terá os seus momentos fortes a partir das sete da tarde no Centro Sociocultural con dúas presentacións: primeiro a do audiovisual Castelao: do chumbo á verba (de Miguel López) á que seguirá a do proxecto A memoria da Raia. Para o final de todo, resérvase a festa rachada con Fer de Fumaces, Rubén Riós, Sés e o Sonoro Maxín.

08/08/17

MODELO BURELA DE ATENCIÓN Á DIVERSIDADE


IES PERDOURO resulta finalista do Premio "Acción Magistral 2017"

O proxecto de Educación en Valores "Modelo Burela de Atención á Diversidade" seleccionado como un dos finalistas galegos do Premio á Acción Maxistral 2017



O Premio á Acción Maxistral, convocado pola Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO e BBVA, conta en Galiza coa colaboración da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. Durante a primeira fase de avaliación do Premio que selecciona os finalistas, contouse coa participación de representantes da Xunta de Galicia, de docentes da comunidade virtual Acción Maxistral con experiencia en Educación en Valores e de representantes das institucións convocantes.
O proxecto seleccionado como finalista do Premio á Acción Maxistral 2017 pertenece á categoría B (Educación Secundaria) e foi presentado polo IES Perdouro co título "Modelo Burela de Atención á Diversidade". Esta iniciativa en funcionamento desde setembro de 2014 busca a participación de todos os axentes da comunidade educativa para conseguir unha escola inclusiva e participativa, base da convivencia normal e do desenvolvemento integral das persoas. 
No Premio á Acción Maxistral 2017 -que celebra este ano a súa XIIIª edición- participaron docentes que realizan proxectos educativos no ámbito da promoción de valores sociais en centros de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Educación Especial. En total, presentáronse 389 proxectos educativos -48 deles correspondentes a centros educativos galegos- que se implementaron durante o curso 2016-2017.
O premio conta con dúas categorías: Categoría A, de alumnos e alumnas de Ensino Infantil e Primario; e Categoría B, de alumnos e alumnas de Ensino Secundario. Os premiados de ambas as categorías recibirán 8.000 euros.

OUTROS FINALISTAS DE CENTROS EDUCATIVOS GALEGOS

Categoría A:
CEIP de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa): O mar de Sabela.
CEIP Pena de Francia (Mos): Na busca das cores perdidas.
CEIP de Laredo (Redondela): Esencia Laredo.
CEIP Plurilingüe de Frións (Ribeira): Conectando valores con corazón.
CPI de Atios (Valdoviño): Eu vou ser... educando en igualdade.

Categoría B:
IES de Cacheiras (Teo): Imaxinando músicas.
IES Nº 1 (Ribeira): Proxecto Libertas.
IES Luís Seoane (Pontevedra): Tecidos de Paz.
IES As Barxas (Moaña - Pontevedra): Transformando realidades.

IMPLICACIÓN DUNHA COMUNIDADE AMPLA E ACTIVA


Esta intervención educativa realizada cos criterios do "Modelo Burela de Atención á Diversidade" é o resultado dunha colaboración entre tres entidades: IES Perdouro, Radio Burela e Asociación Cultural e Musical Dambara.
Álex Landim e Oscar Villarquide, integrantes da Banda Dambara.
A imaxe recolle en esencia o espírito do Modelo Burela.

A función principal do equipo docente é a de servir de soporte a un proxecto protagonizado polo alumnado. Para conseguir ese obxectivo, da inxente tarefa da dispoñibilidade e organización dos recursos humanos ocupouse nos cursos 2015-2016 e 2016-2017 a Xefa de Estudos (María José Andión). En tarefas de coordinación estivo axudada por unha profesora especialista en Integración (Fe Danoz, substituída durante unha parte do curso por Virginia Lama), pola docente de Pedagoxía Terapéutica especializada na atención a un alumno cego (Cristina Ramudo) a profesora responsabilizada do Equipo de Dinamización Lingüística (Miruca Parga) e a Vicedirectora (Karina Parga). Do plano de atención específica a alumnado con necesidades educativas básicas ocupouse a xefa do gabinete de Orientación (María Dolores R. Chas), do reforzo para a inclusión a través do xogo do Xadrez un profesor da área Matemática (Manuel Vilariño), da supervisión do funcionamiento das emisións radiofónicas un profesor de Lingua e Literatura (Bernardo Penabade) e a profesora de Música (María Dolores Otero). Ademais das colaboracións puntuais do profesorado (moi especialmente do da áreas de Plástica, Educación Física e Tecnoloxía), no presente curso tivemos o privilexio de contar coa axuda do profesor en prácticas Gabriel André, que se implicou profundamente no noso proxecto educativo durante todo o horario marcado oficialmente e durante horas e horas de colaboración altruísta que redundaron nun enorme beneficio para o noso alumnado máis necesitado de estímulo persoal e de reforzo académico.
As aulas de xadrez convertéronse nun extraordinario recurso de inclusión social. A iniciativa do profesor Manuel Vilariño foi acollida con entusiasmo por toda a comunidade educativa.

Baixo a coordinación da vicedirección do centro, a Asociación de Nais e Pais (ANPA) está totalmente implicada na nosa acción educativa, con apoio económico, bibliográfico e humano. Igualmente, mantenemos estreita colaboración coa Asociación de Tempo Libre “Chao de Castro” (con sedes en Santiago, Burela e Mindelo - Cabo Verde) e a Asociación Cultural “Os Matos”. Esporadicamente, colaboramos con otras entidades: os centros de ensino da localidade; os clubes deportivos; as asociacións culturais (como Batuco Tabanka e Rabentolas, de inmigrantes caboverdianos); e a Asociación Ambiental Vagalume. En calquera caso, as dúas colaboracións externas máis importantes son as de Lucía RivasRadio Burela, a Asociación Cultural e Musical Dambara e, moi particularmente, as de Matías Nicieza, Arantxa Trobo Funes e Albano González Cancio.
Marco Pereira acompañou a "Masa Coral Modelo Burela" no Proxecto Neo dedicado á profesora Virginia Lama.

Sen dúbida, o éxito deste novo capítulo da nosa iniciativa educativa débese ao bon facer, á implicación e responsabilidade do alumnado, dinamizado "desde dentro" por dúas persoas concretas: Marco Pereira Oliveira (do Ciclo Superior de Administración e Finanzas) e Alba Geada (do 1º curso de ESO).
Coa experiencia adquirida en cursos anteriores, Marco Pereira capitaneou o programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo e aglutinou un grupo específico de traballo que contou coa colaboración do profesorado en materia de produción e coa intensa implicación de Silvera Vicente de Oliveira (do 1º curso de Bacharelato) e Edilson Sanches Tavares (alumno de 4º de ESO no IES Monte Castelo) na realización do programa.

Igualmente, a experiencia adquirida por Alba Geada no grupo de traballo "Modelo Burela" no curso 2015-2016 (cando estaba en 6º de Ensino Primario) foi determinante para a acollida e integración dunha nova promoción de axentes de dinamización educativa que se mantiveron activos de setembro a xuño. Deste xeito, a evolución experimentada por Alejandra Alonso Fernández, Sergio Alonso Mon, Noé Fernández Quelle, Cristian Gómez Mesa, Andrés Pardo Parra e Luís Pernas Maseda (todas e todos de 2º de ESO) foi moi positiva, como tamén o foi a de Noel G. Edrosa (do Ciclo Medio de Mecanizado), de Flávio Varela (de 1º de Bacharelato) e de Ivandro Soares (alumno de 4º de ESO, na sección de Persoas Adultas, no IES Monte Castelo).
Unha expedición intercultural "Modelo Burela" estivo con Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo e recibiu estímulo para alcanzar a meta das mil primaveras máis. Na mesma viaxe de estudos, coordinada pola profesora Maribel Crecente e polo profesor Antón Niñe, visitamos un castro de beiramar (Fazouro) e outro de interior (Pastoriza).
O alumnado de procedencia inmigrante e de recente incorporación visitou a exposición "Humor do País", que recollía unha antoloxía da obra gráfica de Luís Davila. A profesora Virginia Lama actuou como guía.



Non menos importante é a resposta comunitaria á intervención educativa. Un exemplo desa implicación altruísta témolo na estudante de Ciencias da Comunicación Sara Gil, que se xestionou semanalmente as nosas plataformas divulgativas do programa musical Grandes Voces do Noso Mundo e que apoiou a intervención xeral sempre que foi necesaria a súa contribución. Coa comunidade cultural da comarca eo-naviega estivemos en comunicación durante varios meses, grazas ás xestións realizadas polos escritores Moisés Cima e Quique de Roxíos. Especialmente gratificante foi poñer en comunicación os estudantes de orixe caboverdiana cos referentes literarios do seu país. As xestións de Joaquim Arena, estreito colaborador do Presidente da República (Jorge Carlos Fonseca), contribuíron a que un modesto programa de radio escolar se convertese en foro de comunicación intercontinental.