OS CONTRABANDISTAS

15/08/17

Cando unha persoa chega a un país que non é o seu, necesita atención

Miruca Parga e Santiago Pérez na sede de El Progreso durante o acto de entrega dos premios Escola de Prensa, unha iniciativa do grupo de comunicación lugués e da empresa Leyma. O equipo formado por Zaira, Laura, Yaiza, Andrea e Damaris foi o gañador na categoría de Ensino Secundario coa redacción, o deseño e a maquetación da revista Maruxía.





Miruca Parga*

Cando unha é docente, non só ensina senón que aprende, porque para ensinar, antes hai que aprender, e na vida dun mestre é necesario estar aprendendo sempre.

O recoñecemento dos Premios á Acción Maxistral supón un valioso apoio ao labor que se vén desenvolvendo no IES Perdouro desde o proxecto Modelo Burela de atención á diversidade. Esta iniciativa é un xeito de recoñecer a propia realidade social do concello de Burela, no que conviven 42 nacionalidades. Pois diso, os docentes aprendemos.

Aprendemos que cando un chega a un país que non é o seu necesita atención, como tamén a necesita o alumnado autóctono, mais non do mesmo tipo. Cando os alumnos inmigrantes chegan a un centro a calquera altura do curso cómpre incluílos no sistema educativo, mais se se integran nunha clase de máis de 20 alumnos e sen profesores que lles poidan dedicar tempo dentro do seu horario de traballo, as posibilidades de éxito son remotas. Veñen con moitas ganas de traballar. Esfórzanse, prestan atención, fan as tarefas dentro das súas posibilidades, mais, tristemente, soen fracasar...

A raíz disto, os docentes aprendemos curso tras curso que esta non é a maneira adecuada de integrar nin o xeito correcto de ensinar. Nos últimos anos, o cadro de profesorado deste instituto e o seu equipo directivo co consentimento da inspección educativa fixo un meritorio esforzo por reunir horas suficientes dalgúns docentes para que puidesen atender a este tipo de alumnado na maior parte do seu horario de clase. Deste xeito, pódese partir do que realmente saben e pódese dedicar tempo ao primordial: a adquisición da lingua e de conceptos básicos que lles faciliten a integración na sociedade da que agora forman parte.

Para conseguir isto, é precisa a colaboración e o compromiso do equipo docente e moitos proxectos que resulten motivadores e ilusionantes para o alumnado. E con isto, o profesorado aprende que se propós un traballo motivador, os rapaces son aínda máis entusiastas ca ti á hora de levalo a cabo.

Un exemplo disto é o programa de radio Proxecto Neo, con xa máis de 200 programas semanais nas ondas emitindo desde Radio Burela. Eles mesmos son os locutores, entrevistadoras, presentadoras, divulgadores musicais, etc. Van encantados cada mércores á radio para realizar o seu programa. Sénteno tan seu como o pode sentir calquera dos docentes que participa con eles na emisión. Esa é aprendizaxe significativa, iso é traballar por proxectos, iso é ensinar para enfrontarse coa realidade porque o que fan é realidade mesma.

Coma o exemplo de Proxecto Neo podería poñer outros que se viñeron desenvolvendo no IES Perdouro, en Radio Burela e na asociación Dambara durante estes anos, porque comparto labor con compañeiras e compañeiros sumamente traballadores e animosos dos que aprendo día a día.

En resumo, esta é a miña aprendizaxe desde que comecei a impartir docencia: traballar en colaboración co alumnado para construír realidade, que a escola forme realmente parte da realidade social e que as aprendizaxes sexan valiosas para a súa integración en calquera ámbito.
Moitas grazas aos Premios á Acción Maxistral polo recoñecemento á nosa aprendizaxe durante estes anos; unha aprendizaxe que ten como fin a atención á diversidade, a inclusión integral e a consecución dunha convivencia intercultural pacífica e fecunda.


*Miruca Parga é profesora de Lingua e Literatura no IES Perduro. Coordina o funcionamento do Equipo de Normalización Lingüística e dirixe a revista Maruxía. Co seu apoio, diversos grupos de alumnado en risco de exclusión conseguiron superar situacións de fracaso escolar e mesmo alcanzaron diversos premios destinados a promover a innovación educativa.

Sem comentários:

Enviar um comentário