OS CONTRABANDISTAS

31/10/17

Xosé Manuel Carballo Ferreiro: "O primeiro acto do seu proxecto vital rematou"


PALABRAS DA AFILLADA

Padriño, aquí estamos. Parece imposible que chegase este momento, coa vitalidade que sempre tiveche, pero chegou. Non che deu tempo a despedirte, porque tiñas moito traballo estes días e estabas a cousas máis importantes como organizar festival contra o cancro ou ultimar un libro de memorias duns amigos. Non pasa nada, porque para ti a morte non era o final senón O PRINCIPIO tal e como o repetiche miles de veces dende os altares. Na terra estarás sempre presente, porque o corpo desaparece pero as obras perduran e as túas están por todas as partes e en todos os ámbitos nos que te moviche e o que queira sentir a túa presenza que siga a túa estela porque nunca abandonache a ninguén e tampouco agora nos vas deixar sós.

*.*

Todos os que estamos aquí, sabemos que meu padriño foi cura, ANTE TODO, pero non só iso -ou, mellor dito, precisamente por iso-, foi tamén ilusionista, dinamizador cultural, locutor de radio, político, escritor, director teatral e moito máis.
O primeiro acto do seu proxecto vital rematou, así que pídovos un aplauso -deses que tanto desfrutou- para el e para a persoa que sempre estivo entre bastidores, porque nunca xamais quixo roubarlle un ápice de protagonismo. Ela foi a verdadeira responsable de que a obra se puidese representar. A súa irmá: FE CARBALLO FERREIRO.
Dende a túa chaira querida: ADEUS, PADRIÑO. ATA SEMPRE.

PALABRAS DE FRANCISCO PIÑEIRO
(Dramaturgo, actor e director teatral)

O ADEUS BALURO A XOSÉ MANUEL CARBALLO FERREIRO

Chegada a hora da despedida, no nome do grupo de teatro OS BALUROS, quero adicarche unhas palabras:
Non é fácil, X. Manuel, definir a túa presenza nin será fácil encher o teu baleiro.
Queremos agradecerche a túa faceta teatral, pois grazas a esta actividade coñecemos moitos recunchos de Galicia e outros do resto de España; de todos gardamos anécdotas e moi gratos recordos.
Coñecías perfectamente a cada membro do grupo. Aínda nos últimos días estabas pendente de todo e de todos, wasapeabas para dar ánimo e consellos tanto á hora dos ensaios como das actuacións.
Grazas, X. Manuel, pola túa forza, a túa constancia, a túa ensinanza e o teu compromiso con nós.
Sabíamos que eras un bo mago e un bo ilusionista, pero este truco, amigo, non nolo explicaras; esquenceuche falar co teu MENCIÑEIRO que se cadra che tiña unha pócima reservada.

Grazas, mestre, por ensinarnos a ser un grupo de amigas e amigos. D.E.P.


PALABRAS DE XULIO XIZ RAMIL 
(Tomadas de Galiciadigital.com

Xosé Manuel Carballo Ferreiro

Medio século de amizade da para moito, e máis se sabes que ese amigo di sempre o que sinte, e cumpre o que fala. Carballo Ferreiro facía honra aos seus apelidos, á súa familia, ao seu concello, á súa terra, e á súa vocación.

Sempre foi por cura por riba de todo… Por riba de ser xornalista na escrita, falador pola radio, presentador na televisión, humorista sempre, ilusionista ilusionante, predicador co exemplo, educador e amigo. Por riba de todo, cura. Cura de Goberno, de Castro de Rei, e algunhas parroquias máis.

Cando o coñecín, no final dos sesenta, era formador do seminario de Mondoñedo, e viña de verquer ao galego “Le medecín malgre lui”, de Moliere, a súa "ópera prima". Despois pediu o traslado para ser crego rural e vir a Goberno a axudar aos seus veciños e coidar de súa nai e súa irmá, enfermas.

Logo fíxose aínda máis grande na escrita e na palabra; entendeu e atendeu a todas as formas de comunicación, técnicas ou directas; conquistou milleiros de amigos e amigas; encantou a numerosos rapaces; foi mentor de magos, conselleiro de mozos, formador de almas… era un xigante nun corpo aparentemente flebe, todo cerna cun samo aparentemente floxo; todo ollos para ver e comprender; todo palabra para atender e consolar. Xosé Manuel Carballo era un todo, un valor absoluto, un elemento que non cabía na Taboa de elementos imprescindibles para entender este mundo convulso no que el sempre mantiña o sentidiño preciso para comprender e decidir.

Na hora en que o Señor decidiu que xa estaba ben de aproveitarnos de Carballo e quixo ter consigo (“Vide, benditos do meu pai, ao ceo que vos teño preparado…”) a este home aparentemente fráxil, cerna pura de carballo chairego, corazón grande e mente clara, que presumía de ser o que mellor coxeaba na provincia de Lugo por mor dun encontro desafortunado cun tractor no pasado sécuo, tócanos decirlle “Ata logo” a Xosé Manuel de Goberno, célibe dedicado a todos nós, ao que nunca dixemos “Grazas”, porque ao mellor non o comprendía nin lle gustaría, pero ao que si temos que chamar con maiúsculas AMIGO, e erguer a man e decirlle como quen non quere a cousa: Para onde ti xa estás agora, gustaríanos ir cando nos toque. Así que, se podes botarnos unha man, xa sabes… que seguro vas ter aí un posto de honra e gostaríanos estar preto de ti, tamen aí, cando chegue o momento.

Apertas, amigo.


MAGO ANTÓN


No ano 1973, hai agora 44 anos, vin actuar por primeira vez no desaparecido Gran Teatro de Lugo a Xosé Manuel Carballo. Ese día de primavera soñei con facerme mago.
Onte recibín a noticia de que o home que transformou a miña vida un día de primavera, pasou á outra banda do rio como diría o poeta.
Non sei que dicir pero teño que dicilo:

Hoxe non se foi un amigo. Foise o AMIGO, e foise para sempre. Foise o meu mestre, o home que me ensinou a facer e a falar a maxia en Galego.
Miles de pombas están tristes pero grazas á túa maxia elas poderán voar ata o infinito.
Unha fonda aperta Xosé Manuel e dálle recordos da miña parte a D. Alvaro Cunqueiro.


REFERENCIAS TOMADAS DA REDE
Xosé Manuel Carballo, IN MEMORIAM
Ben tristes quedamos, querido amigo. Fuches dos bos e xenerosos, pero de verdade. O Deus no que criches e serviches achegándoo ao pobo na lingua que inda fala e parecéndote á túa xente, acollerate no seu colo. Descansa en paz.

MÁIS INFORMACIÓN

Modelo Burela

Crónica de El Progreso

Sem comentários:

Enviar um comentário