OS CONTRABANDISTAS

29/05/18

VISITA DA PROFESORA LUZ ZAS, DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO

A profesora Luz Zas na biblioteca do IES Perdouro e no momento en que, a través de videoconferencia, se establecía comunicación con María Martínez, de Acción Magistral. Nilda Borges e Marco Pereira tamén tiveron participación moi activa no encontro.

A profesora Luz Zas coñeceu "in situ" o Modelo Burela. A visita produciuse o pasado día 25 de maio e prolongouse en xornada completa de mañá e tarde. Pouco despois das 11:00 da mañá, a profesora visitante foi recibida na biblioteca do instituto e coñeceu diversos axentes sociais implicados na iniciativa educativa impulsada desde o IES Perdouro.
Inmediatamente despois dos saúdos iniciais, a xornada foi presentada como "punto de encontro entre escola e sociedade; e como actividade de cohesión entre os diferentes niveis educativos". Un dos obxectivos centrais era propiciar o coñecemento de dúas experiencias escolares que tentan dar resposta ás demandas da sociedade actual, ambas promovidas en localidades en expansión demográfica (Arteixo e Burela) resultado da chegada de poboación tanto doutras localidades da xeografía galega como do resto do Estado ou mesmo doutros países.
A profesora da área de Lingüística xeral da USC presentou en Burela o traballo de campo que realiza en Arteixo desde 2009, nunha situación de contacto masivo de linguas (como ocorre en Burela). Unha das actuacións céntrase nun grupo de Atención á Diversidade de adolescentes en situación de exclusión social ou con risco de entrar nela. 
Dado que actualmente forma parte dun equipo de investigación dun proxecto coordinado pola doutora Gabriela Prego e financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade (“Superdiversidade lingüística en áreas periurbanas. Análise escalar de procesos sociolingüísticos e desenvolvemento da conciencia metalingüística en aulas multilingües”), a profesora Zas Varela estaba interesada en coñecer os puntos de vista de persoas implicadas en procesos educativos que relacionan os centros escolares co seu ámbito social máis inmediato. En Burela tivo a oportunidade de escoitar as intervencións de  Nilda Borges, experta en Identidade Persoal que axuda a mulleres que padecen situacións de exclusión; de Marco Pereira, director do programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo; Lucía Rivas, unha das integrantes de Proxecto Neo, o programa educativo que promove a comunicación entre persoas de culturas diferentes; e de Pablo Álvarez Ramos, o avogado que actúa como portavoz da comisión veciñal que reivindica a concesión da Medalla Castelao para Antonina Semedo, en representación da comunidade caboverdiana que cumpre agora 40 anos asentada na Mariña. 


MÁIS INFORMACIÓN






1 comentário:

  1. Unha información completa. En nome de todo o equipo do proxecto, moi agradecidos por ter a oportunidade de coñecer o voso centro e o voso equipo de traballo. Seguiremos mantendo contacto e intercambiando experienzas. Grazas a tod@s.

    ResponderEliminar