OS CONTRABANDISTAS

13/09/19

CASAMENTO "MODELO BURELA"... en BUENOS AIRES (1967)

Neste momento en que a iniciativa Modelo Burela foi recoñecida co premio Mil Primaveras, queremos ofrecer como presente a toda a nosa audiencia o resultado dun dos moitos traballos de campo que facemos. Trátase do convite do casamento de Pilar Jeremías Cela e José Martínez-Romero Gandos, cerimonia celebrada en Buenos aires no mes de xuño do ano 1967.  



En conversa sobre as circunstancias en que se redactou o convite, o profesor Martínez-Romero díxonos: "fixemos a invitación en galego e tamén en castelán, obviamente porque tiñamos que convidar a xente non galega. Polo camiño de a localizar nos arquivos, atopei tamén un telegrama que mandaran Rodolfo Prada e a súa dona. A particularidade deste telegrama é que, como observarán, xunto ao enderezo di IDIOMA. Isto é porque, segundo as normas do Correo arxentino, para envíos en idiomas non oficiais (Franco e o goberno arxentino tiñan relacións afins e non permitían o uso do galego, euskera ou catalán) os remitentes debían depositar  xunto ao o texto unha declaración xurada coa tradución en castelán. Cousas das ditaduras".


Xuntamente coas copias destes documentos, o profesor Gandos fíxonos chegar fotos de momentos especiais da cerimonia celebrada hai agora máis de corenta anos: "o cura que nos casou era un xesuíta Lois Villamarín, de Lugo. Anos máis tarde casou tamén a prima de Pilar, Doris, filla de Dorinda Cela e Luís Seco".


Cóntannos os protagonistas que na preparación das traducións do culto botaron man da Gramática de Ricardo Carvalho Calero, editada un ano antes (en 1966) por Galaxia, con quen a Asociación de Fillos de Galegos mantiña estreita relación.


Os contraentes bailan a muiñeira en Buenos Aires inmediatamente despois de celebraren o casamento

Sem comentários:

Enviar um comentário