OS CONTRABANDISTAS

28/12/20

CLAUSURADA A MOSTRA "DON RICARDO DE FINGOI" NO MUSEO ÁLVARO CUNQUEIRO DE MONDOÑEDO

O proxecto DON RICARDO DE FINGOI foi promovido polo Colectivo Egeria co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración da Real Academia Galega, o Colexio Fingoi e  familia do escritor.

Participantes no acto de clausura da exposición en "foto de familia" na praza da catedral de Mondoñedo, xusto diante da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro.

Mondoñedo (Lugo), 27 de decembro de 2020.- A exposición  Don Ricardo de Fingoi foi clausurada na Casa Museo Álvaro Cunqueiro, de Mondoñedo, coa asistencia do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o escritor Xulio Xiz, en representación do colectivo organizador Egeria; a deputada autonómica Elena Candia, e o alcalde do Concello de Mondoñedo, Manuel Otero, así como de outros membros da corporación. No acto participaron os netos do homenaxeado Faustino e Margarita Cela, acompañados das súas familias, o especialista no escritor e amigo da familia Bernardo Penabade e o Presidente da Asociación do Camiño Norte, José Luis Fernández Ansedes.

A exposición forma parte do proxecto do mesmo título que comprende a web www.carballocaleroenlugo.org, o catálogo cos contidos íntegros da Mostra, e o libro CARBALLO CALERO EN LUGO-DON RICARDO DE FINGOI, no que participan unha trintena de antigos/as alumnos/as de Carballo no Colexio Fingoi de Lugo.

A mostra sobre o autor, a quen este ano se dedicou o Día das Letras Galegas, reflicte a través de 13 paneis, os quince anos de Carvalho Calero en Lugo, de 1950 a 1965, á fronte do Colexio Fingoi. Trátase dunha exposición itinerante que trala súa inauguración en Lugo, no Colexio Fingoi, o pasado 15 de  xaneiro, co obrigado descanso pola pandemia, foi visitando vinteoito cidades (Ferrol, Santiago, Ourense, Lugo...) e capitais de concello e centros educativos da provincia, nun proxecto do Colectivo Egeria, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Sem comentários:

Enviar um comentário