OS CONTRABANDISTAS

07/10/22

O presidente da Real Academia Galega coñecerá "in situ" o Modelo Burela o día 11 de outubro

Víctor F. Freixanes fará unha visita ás instalacións do IES Perdouro, no que manterá un encontro co alumnado, Equipo de Dinamización da Lingua Galega e dirección do centro. Posteriormente será recibido pola Corporación Municipal.



O Presidente da Academia Galega, Víctor F. Freixanes, visitará Burela o vindeiro martes 11 de outubro co obxectivo de coñecer a iniciativa educativa Modelo Burela e compartir unha xornada coa comunidade neofalante, moi especialmente coa Masa Coral do programa radiofónico Proxecto Neo.

Á súa chegada, arredor das 11:30 da mañá, será recibido polo equipo directivo e por profesorado do centro. Logo, celebrarase un acto ao que asistirá alumnado de 2º de Bacharelato do IES Perdouro. O encontro estará coordinado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do propio centro e presentado por Natalia Irimia, a súa coordinadora. Dará a benvida a directora, María José Pardiñas e intervirá Karina Parga, profesora de francés. A continuación, proxectarase un vídeo sobre os neofalantes en Burela e as alumnas e alumnos farán unha breve actuación. O presidente da RAG tamén dedicará unhas palabras aos presentes.

A continuación, aproximadamente ás 13 horas, realizarase unha recepción institucional no Concello de Burela. O alcalde, Alfredo Llano, recibirá ao presidente, Víctor Freixanes, no salón de plenos da casa consistorial, acompañados da corporación municipal e unha representación do tecido asociativo. Neste acto tamén intervirá a cronista oficial do concello, Herminia Pernas Oroza, finalizando coa sinatura por parte do presidente da RAG do libro de ouro do Concello.



Sem comentários:

Enviar um comentário