OS CONTRABANDISTAS

27/11/22

A GRANDE VOZ DE MARCO PEREIRA

Marco Pereira entre Roberto Catoira (A Fume de Carozo) e Bernardo Penabade (Proxecto Neo)
FOTOS: Fernando Losada


Vinte cursos académicos de experiencia -con outras tantas promocións de estudantes- son suficientes para deixar ben patente que a iniciativa pedagóxica Modelo Burela combina con éxito a acción educativa dentro e fora do recinto escolar.

Marco Pereira foi durante dous anos alumno da primeira institución en que se promoveu o Modelo: o Instituto Perdouro. Nos seus estudos estudos de Administración e Finanzas recibiu este tipo de ensino a través do reforzo educativo da Pedagoxía Terapéutica e nalgunhas das materias curriculares. Aínda que estudase "dentro", a súa incorporación ao Modelo Burela realizouse desde "fóra" (desde o que se chama "extra-escolar"). Foi un proceso de ritmo pausado. Pouco despois de comezado o seu primeiro curso no Ciclo Superior de Formación Profesional, manifestou o seu desexo de incorporarse á equipa da radio escolar. Era o mes de outubro e a masa coral de Proxecto Neo estaba xa en funcionamento, con novas incorporacións aínda en proceso de adaptación. Non era aquel o mellor contexto para que Marco, xa con experiencia na radiodifusión, puidese continuar a súa progresión.

Así naceu o Grandes Vozes. Primeiro en conversas sosegadas. Despois no deseño do programa e na elaboración do guión dun primeiro programa experimental, o que serviu para asentar as bases do que se pretendía programa con estabilidade e de proxección internacional. En xaneiro de 2016 chegou á fase esperada: a do lanzamento ás ondas. Nese momento, a aventura discorría xa libre no exterior dos muros.

Sirvan estas liñas para deixar ben claro que Marco Pereira Oliveira é un magnífico exemplo do que se pode conseguir a través da pedagoxía da aprendizaxe-servizo. Moito aprendeu e moito se empoderou a través do Modelo Burela, mais ao mesmo tempo moitos servizos lle leva dado en compensación: en programas de radio, en obradoiros escolares, en actividades de atención á diversidade e na divulgación desta iniciativa en diversos foros académicos.

Cando o Grandes Vozes está a un pasiño de chegar ás 300 semanas en antena e no momento en que é emitido desde varias emisoras galegas e desde Braga e São Paulo, Marco participou activamente no Iº Congreso Internacional de Alfabetización Mediática celebrado na Coruña entre os días 24 e 26 de novembro, coa organización de CUAC FM. Alí estivo cos colegas da Ponte nas Ondas, das Aulas Senior da UdC e con Roberto Catoira, a máxima autoridade na dinamización cultural galega a través das voces do alumnado de ensino primario e secundario.

Hai fotos con moito significado. Estas téñeno.

 

Momento da presentación da Ponte nas Ondas (realizada por Roberto Noguerol) e das Aulas Senior da UdC (realizada por Julio Carballada e Manuel Méndez)

Sem comentários:

Enviar um comentário