OS CONTRABANDISTAS

24/05/24

JENNIFER BALSEIRO FERNÁNDEZ: A FORZA DA PEDAGOXÍA NA BASE


A profesora Jennifer Balseiro durante a entrevista en Proxecto Neo



A profesora Jennifer Balseiro foi protagonista da edición 421 de Proxecto Neo, onde foi entrevistada por Sara Villarquide e polos seus alumnos Nicolás Amorín e Omar Veiga, coa colaboración de Tristán Gómez, Iago Rodríguez e Hugo F. Galdo.
Despois de ubicarnos en San Claudio -equidistante entre Ortigueira e Cariño-. a entrevistada falou da súa experiencia como alumna no IES de Ortigueira e tivo un especial recordo para dúas docentes -unha de Matemáticas e outra de Lingua Francesa-, a quen considerou como "moi relevantes" na súa vida. Tras unha breve referencia á Escola de Imaxe e Son da Coruña falounos de dous prestixiosos intelectuais a quen tratou durante a súa experiencia laboral: Manuel Lourenzo e Gustavo Pernas Cora. Durante a entrevista referiuse tamén aos estudos de Linguas Modernas e á experiencia docente.

Biografía da entrevistada

Jennifer Balseiro Fernández (San Claudio - Ortigueira; 1995), estudou o ensino básico e secundario na súa localidade de orixe e entre os anos 2013 e 2015 cursou un ciclo superior de Realización de proxectos audiovisuais e espectáculos na Escola de Imaxe e Son da Coruña; e fixo a formación en centros de traballo na compañía Voz Audiovisual, durante a gravación da segunda tempada da serie Serramoura.
Para alén de dirixir varias curtametraxes documentais e de ficción, foi auxiliar de dirección e produción de videoclips. Coa dirección de Gustavo Pernas Cora, colaborou na escrita da peza teatral Medos e demos (2015) e foi unha das actrices que representaron o espectáculo. 
Posteriormente, estudou o Grao de Linguas e Literaturas Modernas na USC, especializándose na lingua francesa. Tras rematar o mestrado de formación do profesorado en Lugo, comezou a exercer a docencia. Desde setembro de 2023 é profesora de francés no IES Perdouro.



No centro da imaxe, a profesora Jenifer Balseiro compartiu con toda a Masa Coral Modelo Burela esta fotografía de recordo.


A actual profesora do IES Perdouro con Sheila Fariña durante a gravación dun dos capítulos de Serramoura.

Sem comentários:

Enviar um comentário