Bernardo Penabade
Guadi durante o concerto de presentación de "O mundo está parado" (o seu terceiro disco en solitario) no auditorio de Cedeira |
"Ei, xentiña: O mundo está parado", alertou Guadi. Mais lonxe de o dicir con ton derrotista. xunto coa chamada de atención para que nos puxésemos en movemento, tamén nos marcou un par de citas de encontro: unha en Vigo e outra en Cedeira.
A Guadi (Fonte de dinamismo) chegou á cita de Cedeira acompañada dunha constelación de artistas e alí, no seu berce, constatou que a xentiña tivera moi en conta a súa chamada e que o mundo non está tan parado, aínda que lle veñan moi ben estas chamadas de atención.
En Cedeira había cita dobre. Primeiro ás oito da tarde e despois ás dez da noite. Mais non era unha primeira e unha segunda convocatorias. Eran chamadas independentes e tiveron idéntico resultado: cheo total ás oito e lotación completa ás dez. Amigas e amigos de Ares e Mugardos, de Ferrol e Narón, de Cedeira, de Cerdido, do Ortegal, da Terra Faladora... e incluso de máis lonxe.
Un ambiente magnífico merecía un espectáculo magnífico. E o espectáculo comezou. E, no lado esquerdo, Antón Cortizas quedou caladiño. E, no lado dereito, o Maestro Pichi contiña o alento á espera de que aparecese a súa discípula gaiteira. E, no centro, Marco Pereira, que pedía detalles sobre a configuración do escenario ("cóntame o que hai. Quero velo"), quedou caladiño, como caladiñas estaban a Silvera V. de Oliveira e a ex-profesora de Literatura de Guadi, que entrara entre as primeiras para coller sitio privilexiado.
E Guadi entrou e foi directa ao grande piano negro que ocupaba o centro do escenario. Parecía como se se refuxiase no teclado mentres loitaba por facer saír un tenue fío de voz, case silenciado por cordas e ventos (seis a un lado e outros tantos ao outro). O público respondeu cun aplausiño morno, porque a noite estaba fresca (fóra chovía).
Mais a Guadi non lle facía falta leña para aquecer o ambiente. Chegáballe coa súa voz, que nos cantaba unha canción tras outra. Case sen presentacións. E con Guadi estaban os violinos e os violonchelos, e Pablo Pascual, e as cordas de Guillerme Fernández e Carlos Abal, e os ventos de Cedeira e de Viveiro, e a percusión de Isaac Palacín. Por se todo isto fose pouco, por veces tamén aparecían Abe Rábade e Santi Cribeiro e o escenario facíase aínda máis máxico.
"Que delicia! Que ben está soando todo", dicía Marco Pereira, que se alegraba de ter saído ás oito en punto de Burela, xusto despois da emisión do seu programa Grandes Voces do Noso Mundo, que unhas semanas antes dedicara ao novo disco de Guadi. "Sempre a quixen escoitar en directo e hoxe, por fin, chegou o momento. Estou feliz aquí". Notábase ben que era así. E tanto se notaba que o público púxose en pé e comezou a moverse ao ritmo do mundo (que non estaba parado). Foi así como centenares de voces cantaron ás Matriarcas.
Así foi como a tribo se manifestou chea de vida. Da vida que nos dá a música que sae de dentro.
Enorme, Guadi!
Sem comentários:
Enviar um comentário