26/06/10

Clausura das actividades do proxecto de innovación lingüística do IES Perdouro de Burela

A biblioteca do Instituto Perdouro acolleu o acto académico de clausura das actividades do Proxecto de Innovación Educativa destinado ao fomento dos usos da lingua galega no termo municipal de Burela. Coa intervención de Cristina Rubal, Vicedirectora Xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, finalizou un acto moi emotivo no que se homenaxeou a tres colectivos moi destacados no compromiso co noso idioma propio: Sofía P. Lestao (da hostelaría), Albano González Cancio (director da Banda de Música Dambara) e Rosana Carballés (en representación do Burela F.S.). Previamente tiñan intervido a coordinadora do proxecto de innovación educativa, a profesora María José Andión; o director do Instituto, Juan G. Sama; o cronista oficial da localidade, Benjamín González; e o alcalde de Burela, Alfredo Llano.



O programa de actividades comezou ás 6 da tarde, coa visita á Escola Infantil de Burela, unha das máis antigas de Galicia e que leva aplicando o Modelo Burela dende os seus inicios, agora feito realidade e dado a coñecer polo noso Proxecto. Cristina Rubal visitou as instalacións por espazo de media hora, acompañada por Teresa Quelle, directora da Escola, e comprobou “ in situ” os métodos de traballo do equipo docente.

Media hora máis tarde, a representante do goberno galego desprazouse ao cemiterio parroquial, onde visualizou os textos de diversas lápidas e mostrou a súa admiración polo labor de dinamización do Proxecto de Innovación do Instituto Perdouro.

Ás sete da tarde, celebrouse o Encontro Letra Viva no IES Perdouro, un acto que contou coa participación de representantes da vida social da localidade. Entre outras personalidades, estiveron presentes a presidenta da Asociación de Veciños “O Vencello”, os presidentes da Sociedade Deportiva Burela e do Clube de Baloncesto Burela e da Asociación de Sendeirismo “Pasada das Cabras”.

Tras a exposición da memoria de actividades, realizada pola profesora María José Andión (coordinadora do Proxecto), os participantes visualizaron a proxección da participación do lingüista hindú Anik Nandi nunha das actividades do Modelo Burela e tributaron unha merecida homenaxe aos promotores do uso lingüístico normalizado nas áreas do deporte, a música e as actividades comerciais. O público acolleu moi vivamente as intervencións de Sofía Prieto, Albano González e Rosana Carballés.

No mesmo acto, en representación do Cronista Oficial de Foz, os integrantes do Proxecto Educativo entregaron a Neves Cando (Concelleira de Cultura), Alfredo Llano (Alcalde) e Benjamín González (Cronista Oficial de Burela) a copia do pregón das Festas Patronais da localidade escrito e pronunciado en 1986 polo poeta Manuel María.

Finalizado o acto académico, os responsables do Proxecto de Innovación convidaron a unha Cea “Modelo Burela” á representante da administración autonómica. O acto gastronómico celebrouse no Restaurante Miranda, do porto de Burela, onde puideron visualizar un novo xeito de comunicación posto en práctica polo deseñador local Xosé Miranda.

TEXTO DO DISCURSO DA COORDINADORA DO PROXECTO

Subdirectora Xeral de Política Lingüística, Alcalde, Concelleiros e Concelleiras, Equipo directivo, representantes das entidades colaboradoras, compañeiros e compañeiras, reunímonos hoxe aquí cun obxectivo común: A LETRA VIVA, A LETRA GALEGA VIVA XUNTO COAS DAS OUTRAS LINGUAS.

Isto é o que pretendemos día a día os compoñentes do Proxecto de Innovación Lingüística elaborado xa dende hai catro anos e que hoxe continúa coa súa proposta firme de dar a coñecer tanto á comunidade educativa como á sociedade en xeral e, en particular, aos habitantes deste pobo burelés, cómo se vai afianzando a nosa lingua nos distintos sectores da vida cotiá: na administración, no audiovisual, no ensino, na relixión, no deporte, nas artes, no comercio, na hostalaría,… Todo isto veu demostrándose co traballo destes anos. Neste último, no curso 2009-2010, continuamos o percorrido, con novas etapas: levamos o audivisual Modelo Burela por Galiza e alén das nosas fronteiras.

Dende que a mediados de decembro do 2009 Política Lingüística concedeu ao noso Proxecto un accésit o Modelo Burela non fixo máis que percorrer quilómetros e quilómetros para difundir a realidade plurilingüe coa que convivimos sen ter que renunciar ao galego.

Comezou viaxando a Madrid o 26 de xaneiro de 2010 da man de Bernardo Penabade e Matías Nicieza para inaugurar o ciclo “Documentales sobre la memoria” coa presenza do rector da Universidade Complutense.

Ao día seguinte, recibíamos en Burela a tres representantes do Concello de Vigo, encargadas dos departamentos de nomalización lingüística e de inmigración. Aquí puideron coñecer de primeira man o noso Proxecto e as actividades levadas a cabo ata daquela, interesándose principalmente no método empregado para a integración dos inmigrantes.

O día 30 do mesmo mes asistíamos en Santiago de Compostela catro membros do PIL a presentar o noso Proxecto nas

XORNADAS DE FORMACIÓN PARA O PROFESORADO QUE PARTICIPA NOS PROXECTOS DE INNOVACIÓN LINGÜÍSTICA DOS CENTROS DE ENSINO PREMIADOS POLA SECRETARÍA XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA (2009-2010)

Xa no propio Centro, en febreiro, comezamos novas actividades para continuar co proceso de dinamización do galego. A profesora de informática, Esperanza Pernas, fixo co seu alumnado un blog que se irá completando cos integrantes do proxecto, colaboradores especiais e con vínculos ás páxinas das entidades coas que colaboramos (Concello de Burela, IES Monte Castelo, Instituto Sanxillao de Lugo, Consellaría de Educación e Secretaría Xeral de Política Lingüística, Universidade de Santiago, en concreto, coa Facultade de Ciencias da Educación, Deputación da Coruña, Concello de Vigo, AMESDE, Centro Social O Pichel de Santiago, Centro Social A Esmorga de Ourense, A. C. Foucelhas de Ordes ou a A. C. de Trabada, entre outros).

Ademais, demos as pautas para a Xornada de dinamización. En grupos de dous ou tres integrantes do PIL conseguimos ter datos actuais sobre o emprego do galego en distintos ámbitos (necrolóxicas, música, centro de saúde, deporte, comuñóns, casamentos civís e relixiosos) cos que faremos unha publirreportaxe para dar a coñecer os datos á sociedade.

O 2 de marzo, co obxectivo do Modelo Burela de difundir as linguas estranxeiras, contamos coa presenza de Mª Helena Fidalgo de Lemos, profesora de Artes no IES Monte Castelo, natural de Mozambique, dun pequeno pobo onde se fala galego-portugués.

Neste punto do desenvolvemento do Proxecto, os integrantes do PIL están investigando e buscando os interlocutores axeitados para que lles den a información sobre o emprego do galego nos últimos tempos nos distintos campos.

E o Modelo Burela achégase a centros de ensino de concellos veciños, como é o caso de Xove ou Viveiro.

Todo este traballo vese recompensado unha vez máis por un novo premio ao Modelo Burela, o que a Fundación Lois Peña Novo outorga ao Concello de Burela pola integración lingüística a través do Proxecto cuxo berce é o IES Perdouro. O día 30 deste mes de xuño, representantes do Concello, deste Centro e doutros colectivos acudiremos para recoller o premio ao Castelo de Soutomaior.

E para dar testemuño da implicación dos nosos colaboradores na difusión do Proxecto contamos aquí e agora cunha moi boa representación da sociedade á que nos diriximos:

- ROSANA CARBALLÉS FERNÁNDEZ, xogadora do C.D. Burela Fútbol Sala feminino. Nada en Caracas (Venezuela), pertenceu aos equipos de Fútbol Sala de Foz, Xove e Funeraria Apóstol. O seu palmarés é de envidiar: Subcampiona galega infantil (1998), Campiona de España coa selección cadete (2002), Campiona e subcampiona da liga autonómica (2005 e 2006 respectivamente) e na tempada 2008-2009 conseguiu con C.D. Burela F.S.F. o ascenso á División de Honra na que este ano quedaron en sexta posición. Ela e todos os compoñentes do equipo levan o Modelo Burela por España adiante semana tras semana.

- SOFÍA PRIETO LESTAO, rexenta a cafetería-bar A Fazenda aquí en Burela, especializado en cafés e petiscos creativos. Barista profesional, Campiona galega no 2008, terceira clasificada no campionato nacional de baristas 2008-2009 e, por fin, Campiona de España de Catas de café 2009. Agora mesmo estará xa en Londres onde competirá cuns 55 países polo título Mundial.

Desexámoslle moita, moita sorte e mostrámoslles a conversa que con mantivemos con ela o martes no seu lugar de traballo onde o galego rezuma por todas partes.

- ALBANO GONZÁLEZ CANCIO, director da Banda Dambara de Burela. Bo coñecedor do que o Modelo Burela significa, sempre disposto a colaborar nas actividades do Proxecto, este ano ten que estar moi contento por cumprirse dez anos da creación da Banda. Coa súa presenza aquí queremos darlle as grazas por camiñar con pezas musicais representativas de distintas linguas por Burela e fóra de aquí. Esta é só unha moi pequeniña homenaxe que terá continuación a principios do curso que ven.

Deste xeito, damos por rematado o II Encontro Letra Viva. Grazas a todos pola vosa colaboración, grazas polo apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, do Concello, do Equipo directivo, dos colaboradores e de todos os compañeiros e compañeiras que ano tras ano axudades a que este Proxecto siga adiante. Esta fin de semana redactaremos o Proxecto para o próximo curso, do que vos informaremos no Claustro do martes 29 de xuño para ser levado posteriormente ao Consello Escolar contando co respaldo do Equipo de Normalización Lingüística do Centro.

DISCURSO DE ALBANO GONZÁLEZ

Sra. subdirectora xeral de política lingüística, señor Alcalde, señoras concelleiras e concelleiros, equipo directivo, compañeiras e compañeiros educadores, veciñas e veciños, amigos todos na música…

Fálolles no nome da asociación á que pertenzo.

A asociación cultural musical DAMBARA naceu como un grupo de amigas e amigos aos que lles gustaba a música. Hoxe, somos máis de medio cento de socios, e contamos cunha escola de música propia. O que nós facemos é música de todo o Mundo vista dende o noroeste penínsular, con instrumentos galegos. Así, entendemos a música como unha língua universal, máis representativa de cada xeografía na que naceu e na que vive.

No noso repertorio, asemade de muiñeiras, jotas ou alboradas, podemos atopar pezas senlleiras da historia da música universal, coma yesterday de John Lennon e Paul McCartney, Aida de Verdi, “Yo te quiero dar” de La Mosca, ou La Saeta de Joan Manuel Serrat., asemdade do repertorio de compositores galegos e universais coma Gustavo Freire (Airiños Aires), ou Pascual Veiga. Tamén temos un nutrido número de obras portuguesas e da Raia, froito dos contactos que temos con bandas de Setúbal, Sines (famfarra dos bombeiros voluntarios), Almada, Évora,…

Na actualidade, a banda, compartindo na esencia os principios do noso benquerido “Modelo Burela”, e entendendo que a música é un excelente elemento de relación e unión dos pobos e de integración, temos programadas diferentes actuacións para os seguintes meses e para o ano que ven: na cidade de Córdoba, en Sines (posible actuación no Festival Músicas do Mundo), en Asturias (Festival Intercéltico de Cangas de Onís e de Luarca), etc.

E é que a multinacionalidade está tamén presente nas fileiras da nosa asociación, pois temos ou tivemos integrantes chegados de Andalucía, Castela, Perú, Portugal,…

A banda podemos dicir que imita con exactitude o Modelo Burel asa dende o noso nome: DAMBARA significa percusión en persa, e quixemos que así se chamase porque pensamos que non é necesario nomear cun nome galego á arte que nós facemos. Temos claro que facemos música universal, máis sempre cunha afinación e cun pouso galegos.

Outra particularidade da nosa banda é que está formada por integrantes moi heteroxéneos, e cun amplo espectro de idades, que van dende os 2 anos ata os 75 anos; e é tamén importante destacar que tanto a directiva coma máis da metade dos membros son mulleres. Mulleres traballadoras, que despois de atender ao seu labor diario ou á casa e aos fillos, sempre sacan tempo para vir ensaiar, para logo poder levar a cultura do noso país, e a nosa forma de entender a música polo Mundo adiante.

Sen máis que dicirlles conclúo felicitando ás miñas compañeiras e compañeiros da banda felicitándoos porque penso que a agrupación nosa tamén podemos dicir que é netamente 100% MODELO BURELA, e tamén quería felicitarvos a vós, compañeiros que creastes este modelo de planificación lingüística pola grandísima labor de divulgación da nosa lingua que están a facer. Pois se é certo que todas as linguas son importantes, a nosa, a que nos ensinaron os nosos avós, a que falaban os nosos gaiteiros, tamén o é… para falar na festa, na feira, na casa, e en moitos sitios máis…

22/06/10

Burela recibirá en Soutomaior o premio da Fundación Lois Peña Novo pola difusión do idioma galego

O vindeiro 30 de xuño ás 20 horas en Soutomaior o Concello recibirá o premio que lle outorgou a Fundación Lois Peña Novo pola súa difusión do galego a través do denominado Modelo Burela.

O alcalde lembra que “o Concello foi galardoado pola divulgación do galego a través do Modelo Burela. Como calou forte na Fundación Lois Peña Novo otorgáronnos ese premio e alí iremos os membros da comisión de seguimento do Modelo Burela, ademáis de asociacións e veciños para que nos acompañen ata o Castelo de Soutomaior”.

No acto participarán o presidente da Real Academia Galega, o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o rector da Universidade de Vigo, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, o secretario xeral de Política Lingüística, o presidente da Fundación Lois Peña Novo e o alcalde de Soutomaior.

Alfredo Llano sinalou que “agora acabamos de recibir 25 invitacións para asistir a ese acto e para distribuir en Burela. O premio é moi importante e é unha homenaxe á xente que deseñou e desenvolveu o Modelo Burela de difusión e divulgación do galego entre os nosos veciños”.