OS CONTRABANDISTAS

11/06/12

Acto de recoñecemnto a CRÓNICA3 - Discurso da coordinadora do PIL

Sras. e Sres. convidados, compañeiras e compañeiros:

A piques de rematar este curso, rematamos tamén unha fase máis do noso Proxecto de Innovación en Dinamización Lingüística, longa e oficial etiqueta tras a que se agocha o noso benquerido Modelo Burela de integración intercultural e normalización lingüística. Un Proxecto que naceu neste Instituto aló polo curso 2005-2006 e que conseguiu, nesta súa andaina de sete anos, ser premiado cinco veces consecutivas pola Consellería de Educación a través de Política Lingüística.
Se ben naceu no ámbito educativo, axiña o traspasou para aniñar no eido político e servir de base motivadora para o Modelo Burela de Planificación Lingüística. Pasiño a pasiño, foi adentrándose  nos distintos ámbitos da sociedade tendo sempre como punto de saída o noso Centro educativo. Así, chegou a ámbitos como o relixioso, o deporte, a música, a sanidade, o comercio ou os medios de comunicación.
Ao tratarse dun Proxecto cun claro carácter continuador, ao longo destes sete cursos, a comunidade educativa deste Instituto foi ampliando cada curso o seu ámbito de traballo pero sen abandoar os anteriores. Todas e cada unha das persoas representantes destes sectores tiveron e seguen tendo un papel clave no desenvolvemento e no éxito do noso Proxecto. Entre eles, como xa dixemos, están os medios de comunicación e este curso dunha forma especial, xa que a colaboración entre o I.E.S. Perdouro e Radio Burela deu como resultado o programa Proxecto Neo, a través do cal os neofalantes da nosa lingua dan a coñecer á sociedade o seu sentir e a súa experiencia neste senso.
Os medios de comunicación foron e seguen sendo, sen dúbida, os que nos permitiron e permiten que o noso traballo chegue cada vez a máis xente. Coa súa axuda, o Modelo Burela espallouse por toda a comarca de A Mariña, polas catro provincias galegas, por diversos puntos da xeografía española e incluso por varios países europeos e hispanoamericanos.
Un destes medios que nos permite, como se soe dicir, "traspasar fronteiras" é, sen dúbida, Crónica3.com.
A este xornal dixital mandamos a redacción das nosas novas co convencemento de que:
1º.- van ser publicadas.
2º.- van ser publicadas con rapidez e
3º.- van ser publicadas con rapidez e sen manipular a forma e o contido.
Por iso, vemos obrigatorio este acto de agradecemento e de recoñecemento a todas as persoas que fan posible o exemplar funcionamento de Crónica3.com.
Ese bon facer diario fai que este xornal dixital nos inspire confianza xa sexa como lectores ou como informadores e por iso o temos no primeiro posto á hora de enviar as novas referentes ao noso Proxecto.
Reitero, pois, en nome de todos os que formamos parte deste Proxecto de Innovación en Dinamización Lingüística do I.E.S. Perdouro, o noso sincero agradecemento pola vosa sempre boa acollida das nosas novas, pola rapidez coa que as publicades e pola fidelidade á información enviada.
Moitísimas grazas por permitirnos -a nós e á nosa lingua- camiñar con vós e parabéns polo traballo destes cinco anos na rede!

Mª José Andión Fontela

Sem comentários:

Enviar um comentário