OS CONTRABANDISTAS

26/06/12

IVº Encontro "Letra Viva”

BURELA CELEBRA O IVº ENCONTRO “LETRA VIVA” EN RECORDO DE CELSO EMILIO FERREIRO E DO ARMADOR LOCAL JOSÉ ANTONIO LESTAO

No evento, que clausura as actividades da área de innovación educativa do Instituto Perdouro, participa Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia

A biblioteca do Instituto Perdouro acollerá o primeiro dos actos académicos de clausura das actividades do Proxecto de Innovación Educativa programados para a xornada do día 27 de xuño. Ás 11:00 horas está prevista a recepción das autoridades, entre as que figuran o alcalde de Burela, Xosé González Barcia, e o Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo. Tras unhas palabras de benvida pronunciadas por Juan Sama Díez (director do centro) e por María José Andión Fontela (coordinadora da área de Innovación Educativa), procederase á proxección de tres vídeo-poemas realizados por alumnos e alumnas de 4º de ESO sobre textos de Celso Emilio Ferreiro, unha actividade que estivo coordinada pola profesora Miruca Parga Valiña. Seguidamente, cerrarán o acto as intervencións de Anxo Lorenzo e de Xosé González Barcia.
Ás 11:30 unha comitiva formada polas autoridades, acompañadas polo alumnado e por representantes do profesorado, fará un paseo urbano entre o Instituto Perdouro e a Praza do Concello, con parada na Rúa Celso Emilio Ferreiro. Ao mediodía, diante do consistorio procederase á presentación da campaña “Eu Vivo na rúa Celso Emilio Ferreiro” impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A citada campaña é unha actividade programada polo departamento do goberno galego “para favorecer, desde un ton sinxelo e vinculado ao lecer, un maior coñecemento do autor entre  os residentes nas rúas Celso Emilio Ferreiro das 28 localidades de Galicia que a incorporan no seu rueiro. A campaña consiste na distribución nas casas dun folleto con información detallada sobre o autor e sobre a súa obra”.
Ás 12:00 horas tomará a palabra o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, para presentar a campaña a desenvolver en diversas localidades da provincia de Lugo. Seguidamente, realizarase un recital de poesía no que interveñen persoas estreitamente vinculadas ao desenvolvemento do Modelo Burela de Planificación Lingüística. A estudante de Medicina Lucía Barrera, o cineasta Matías Nicieza, o estudante paquistaní Umer Mohammad, a intérprete Alba García Pico e os profesores Karina Parga e Juan G. Sama recitarán diversos poemas de Celso Emilio Ferreiro.
A xornada cultural finalizará ás 20:30 horas, coa descuberta dunha placa de homenaxe a José Antonio Lestao Manzano (1893-1974), un veciño de Burela moi implicado na consecución de infraestruturas portuarias, educativas e de servizos sociais para a localidade. Este acto celebrarase no xardín da vivenda familiar construída por iniciativa de Lestao Manzano en 1937 e que está situada na intersección da rúa das Flores coa de Celso Emilio Ferreiro.

Sem comentários:

Enviar um comentário