OS CONTRABANDISTAS

29/07/12

Exposición "Palabra e Memoria" en Sargadelos

A mostra "Palabra e memoria" abre no Museo Histórico de Sargadelos con fotos de Burela, O Vicedo e O Valadouro

"PALABRA E MEMORIA"EXPÓN FOTOGRAFÍA DO PATRIMONIO DOCUMENTAL DE BURELA, O VICEDO E O VALADOURO

A mostra estará aberta entre de 2 de agosto a 14 de setembro no Museo Histórico de Sargadelos.
Baixo a coordinación de Elisa Pérez e Alba García Pico, en Sargadelos ultímanse os preparativos da exposición fotográfica Palabra e Memoria, que estará aberta ao público entre os días 2 de agosto e 14 de setembro no Museo Histórico da Casa da Administración.
A exposición recolle en 60 fotografías unha antoloxía dos mellores epitafios dos cemiterios de Burela así como dos existentes nas diferentes parroquias dos concellos do Vicedo (Santo Estevo, San Román, Negradas, Riobarba e Cabanas) e do Valadouro (Moucide, Budián, A Laxe, Ferreira, Santa Cruz, Recaré, Santo Tomé, O Cadramón e Vilacampa). As fotografías, realizadas por Pepa Losada, Aida López Vale e María Mon Geada, están acompañadas de textos explicativos e de ilustracións realizadas para a ocasión polo artista plástico Xosé Blanco.
Esta iniciativa cultural do Instituto Perdouro é un complemento divulgativo a unha extensa investigación de campo realizada desde 2005 á actualidade (sete anos consecutivos) pola área de innovación do propio centro educativo. A primeira intervención realizouse en Burela, en cuxa igrexa parroquial se celebrou unha exposición que recollía 7 fotografías da fotoxornalista Pepa Losada. Posteriormente, no Vicedo a encargada de coordinar os traballos de identificación, catalogación e exposición foi a profesora Aida López Vale; os resultados foron expostos na igrexa de Santo Estevo en febreiro de 2010. No Valadouro a coordinación estivo a cargo de Alba García Pico (Ferreira; 1984). Esta licenciada en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, coñeceu o documental do mesmo título (Palabra e Memoria) realizado polo burelés Matías Nicieza e dispúxose a localizar, catalogar e estudar as máis relevantes inscricións funerarias dos cemiterios do termo municipal e, posteriormente, completou a súa documentación con entrevistas personalizadas a cada unha das vinte familias implicadas.
A exposición será inaugurada ás 12:30 horas do próximo día 2 de agosto nun acto que contará con intervencións de Bernardo Penabade, Aida López Vale, Alba García Pico e José Carlos Rodríguez Andina. Ademais do servizo de visita guiada de luns a venres, terá un acto complementario previsto para as 18:00 horas do próximo día 9 coa proxección de documentais e a celebración dunha mesa-redonda na que os responsables destas iniciativas oferecerán unha panorámica dos resultados conseguidos nestes anos de traballo.

Sem comentários:

Enviar um comentário