24/05/13

Visita de Nicola Bermingham

A INTEGRACIÓN SOCIAL NA MARIÑA TEMA CENTRAL DUNHA TESE DE DOUTORAMENTO FEITA POR UNHA PROFESORA IRLANDESA

A investigadora xa fixo a súa tese de licenciatura sobre a obra de Rosalía de Castro

No inicio do período democrático (1978), fíxose máis fluída a circulación de traballadores procedentes doutros países. Deixamos de exportar man de obra para pasar a reter persoas con boa formación profesional e incluso para demandar cadros técnicos moi necesarios para a implantación de novas empresas. Nese proceso, á nosa terra chegaron persoas procedentes dos Estados Unidos, de Francia, Alemaña, Holanda e os países británicos. Viñeron para Alúmina, para Citröen e tamén para empresas pequenas e medianas que necesitaban persoal cualificado para botar a andar a mecanización.

En moitos casos, eran xente moi nova, que aínda non tiña un traballo estábel no seu país. Chegaron aquí, gañaron diñeiro, gozaron dun bon nivel de vida, tiveron os primeiros fillos... e, tan pronto como puideron, retornaron á súa terra para asentárense en traballos fixos.

Quen sabe moito disto é a irlandesa Nicola Bermingham (Vigo; 1988), está estes días na Mariña en pleno proceso de investigación para a súa tese de doutoramento. Esta moza -con tan só 24 anos profesora da máis prestixiosa universidade escocesa- retorna á comunidade en que naceu e da que marchou hai 15 anos, cando seus pais conseguiron praza laboral no seu país de orixe.

Despois deste tempo, que quedou nela do período que pasou na escola infantil de Vigo? Algo si. Desde logo, quedaron máis vivencias das aulas e do patio do Colexio Público García Barbón, onde estivo entre os 6 e os 10 anos. A nosa terra deixou pegada suficiente como para que, xa licenciada, decidise dedicar a súa tese de licenciatura ao estudo da obra de Rosalía de Castro, traballo que realizou en Dublín baixo a dirección dunha profesora orixinaria de Cataluña.

Mais ese mergullo na obra de Rosalía, de quen celebramos o 150º aniversario da publicación da súa primeira obra en galego, foi só un comezo. Agora prepara a tese de doutoramento sobre a nosa terra como lugar de acollida, con boas condicións para a integración. Faino en Burela, onde traballa da mañá á noite. Quere aproveitar ben as dúas semanas que estará entre nós (do día 18 ao 30 de maio).

Nicola érguese pola mañá e asiste en calidade de observadora a algunhas sesións docentes, onde haxa alumnado de procedencias diversas. Nas horas libres fala coa profesora Rosa Febrero, especialista en abrir a porta aos nenos e nenas procedentes doutros países e especialista tamén en buscar oportunidades para os autóctonos que presentan riscos de exclusión social. Son conversas case unilaterais: Nicola pregunta e Rosa responde.

Nos recreos a profesora irlandesa pasea polo patio na compaña dos estudantes. Fixo especial amizade en 4º de ESO. Os músicos acompáñana moi contentos, porque ela é integrante da Orquestra da Universidade en que traballa. Toca a viola. Mais nos recreos pasea e observa. Non quere profesorado consigo.

Despois das 11 visita Burela coa compaña da súa cámara de fotos, que utiliza frecuentemente para recoller textos escritos (anuncios, letreiros comerciais, bandos, publicidades, cartaces de feiras e festas...). Nalgunhas ocasións solicita a colaboración de Matías Nicieza, quen lle fixo de Cicerone no cemiterio parroquial para mostrarlle unha panorámica dos textos das lápidas xustamente cando se cumpre o centenario do recinto (1912-2013). De novo Nicola pregunta e, neste caso, Nicieza responde: cal foi a primeira que se redactou en galego, cales foron as seguintes e que ano, quen son as familias que as encargaron e en que obradoiro foron feitas.

En momentos perdidos Nicola redacta no seu caderno e polas tardes pasa a limpo no ordenador. De cando en cando, pregunta pola colocación do pronome átono, pide palabras específicas para plasmar determinados contidos ou confirma se son acertadas as súas reflexións sobre os paralelismos e as diverxencias das gramáticas galega e castelá.

Que sabemos dela? Que é máis de lingua que de literatura; que lle gusta a obra de Rosalía; que explica moi ben a cultura do seu país... Mais estamos seguros de que no seu caderno de notas hai percepcións gorentosas.

20/05/13

Comeza unha nova investigación sobre o Modelo Burela - artigo en Crónica 3


Nicola Bermingham, profesora do Departamento de Linguas e Estudos Interculturais da Heriot-Watt University de Edimburgo (Escocia), estará entre os días 18 e 30 do presente mes de maio en Burela para coñecer de xeito directo o Modelo de Planificación Lingüística aplicado na localidade. A investigadora irlandesa prepara a súa tese de doutoramento baixo a dirección da profesora Bernadette O’Rourke, que xa estivo en Burela para tomar contacto coa realidade a investigar.
Ademais de visitar o Instituto Perdouro, Nicola Berminghan coñecerá a realidade social de Burela, á que dedicará un capítulo da súa investigación, e farao coa colaboración de Matías Nicieza.

04/05/13

Son de Nós nun concerto a 7 voces - No camiño da Lingua

No Camiño da Lingua - Concerto Modelo Burela


O sábado día 4, ás 9 da noite, a Igrexa da Vila do Medio de Burela convertíuse nun auténtico paraíso para melómanos. O Grupo Vocal Son de Nós ofreceu, coas pinturas medievais como privilexiado tapiz de ambientación, un concerto que leva por título "Os camiños da Lingua" e co subtítulo "Concerto Modelo Burela". Unha vez máis, coa interculturalidade como fío condutor, o Modelo Burela continúa fomentando a comunicación entre escola e sociedade, e neste caso faino a través do labor de músicos profesionais. Son de Nós, un septeto vocal dirixido polo Maestro viveirés Plácido Travieso Fernández (Viveiro, 1972), preséntouse en Burela despois dos éxitos recollidos en diversas actuacións, entre elas tres na Mariña: na Igrexa do Vicedo, no Conservatorio de Música de Viveiro -con motivo da presentación dun novo libro do escritor Séchu Sende- e na Semana Santa da parroquia de San Martiño.

Concerto SondeNós - Modelo Burela

No Camiño da lingua - Concerto Modelo Burela

Recóllese o texto informativo do tríptico entregado ao asistente ao acto musical. 

Neste día 4 de maio de 2013 encóntrase vostede nunha igrexa medieval de beiramar e disponse a participar nun concerto educativo "Modelo Burela".
Tratáse dun acto cultural con caracter divulgativo co que pretendemos -coa interculturalidade como fío conductor- fomentar a comunicación entre escola e sociedade, a través do labor de músicos profesionais.
Baixo a batuta do Maestro Plácido Travieso (Viveiro, 1972) faremos unha viaxe que nos levará ata lugares e tempos nos que atoparemos a emoción directa que proporciona a eterna unión de palabra e música.
Coa música ao seu servizo, a poesía culta, as palabras da terra e as letras populares son as perfectas protagonistas desta irmandade cultural que desde a nosa terra se abre ao resto do mundo. Pasaremos polo Reino Unido, Italia e Alemaña; saltaremos o charco para chegar ao Chile de Pablo Neruda; e recalaremos nas augas mansas de Nova Zelandia para nos recrear na sonoridade de lingua maorí.
Tras unha primeira parte clásica (Mendelssohn, Elgar, ...) degustaremos a riqueza do folclore popular e vibraremos cos ritmos modernos de Jimmy Fontana ou Antonio Vega.
"SondeNós" é un septeto vocal formado por homes e mulleres de moi diversa procedencia -da Mariña, da Coruña, de Santiago e incluso de Asturias e Euskadi-, mais todos eles teñen unha patria común que comparten con nós: a música.

Gozen con ela.
Burela, 4 de maio de 2013

SondeNós, Grupo Vocal a cappella, son :

Julia Cea, soprano
Rocío Fernández, mezzo
Plácido Travieso, tenor
Txemi Jiménez, tenor
Lucas Iglesias, barítono
Santi Fernández, barítono
Javier Díaz, baixo

03/05/13

Matías Escalera entrevístase co alumnado de 1º de Bach.

Baixo a coordinación de Bernardo Penabade, o alumnado de 1º de Bach. asistiu a un coloquio con profesor e escritor madrileño, Matías Escalera. Faloulle da súa formación académica, da súa experiencia en modelos de plurilingüismo e do seu compromiso coa sociedade. É dos implusores da Marea Verde por unha escola pública e, é activista pola recuperación histórica.

Matías Escalera presenta libro en Burela

O venres, ás 20:00 horas, Julia María Labrador Ben moderou unha amena discusión co autor do libro Historias de este mundo, Matías Escalera na Libraría Nobel (Espazo Lector) de Burela.