O Grupo Vocal SondeNós, dirixido por Plácido Travieso (do Conservatorio de Música de Viveiro) ofrecerá este domingo, día 22 de xuño, unha nova edición do concerto No camiño da lingua. A cita será na igrexa da Vila do Medio en Burela ás 19.30 horas e terá entrada libre.
Nesta ocasión SondeNós contará coa colaboración do escritor Séchu Sende (Premio Blanco Amor, 2003) e da profesora Teresa López. Textos de poetas do Rexurdimento como Rosalía de Castro ou Curros Enríquez, de poetas da vangarda como Manuel Antonio ou o mesmo Séchu Sende, convivirán en harmonía con composicións de L. E. Batallán, Julio Domínguez e Plácido Travieso.
No camiño da lingua está enmarcado no Proxecto de intervención educativa Modelo Burela, que este ano celebra o seu Xº aniversario (2004-2014) e servirá como especial recoñecemento ao grupo de mozos e mozas (Simón Rodríguez Rouco, Maca Ledo, Helena Valle e Serxio Rivas) que protagonizaron a terceira etapa do programa radiofónico Proxecto Neo, que está a punto de chegar ás cen semanas en antena.