31/12/15

SABELA LABRAÑA

A educación intercultural está de loito. En Barcelona, onde exercía a profesión docente, faleceu a profesora Sabela Labraña -unha das referencias fundamentais para o Modelo Burela- e desde o día 30 de decembro de 2015 o seu corpo repousa no cemiterio de Cedeira, a súa localidade natal.
Segundo recolle a páxina web da área de Estudos Galegos da Universidade de BarcelonaSabela Labraña Barrero, titulada Mestra de Ensino Primario pola Universidade de Santiago de Compostela (1974) e licenciada en Filoloxía Románica (Galego-Portugués) pola Universidade de Barcelona (1988), fixo o doutoramento en Lingüística nesa universidade coa tese Estudio acústico das consoantes fricativas do galego (2005). Desde a perspectiva sociolingüística orientou os traballos en dúas direccións que conflúen nun obxectivo común: a convivencia das culturas nun mesmo territorio. Así, por unha banda investiga sobre a lingua e a percepción da identidade dos cataláns de orixe galega, e por outra coordina o proxecto Galauda (Ensino da lingua e cultura galegas na Secundaria catalá), no marco do cal dirixiu o libro Vencello. Lingua e cultura galegas para estudiantes de fóra de Galicia (2001). No tocante á fonética, contribúe, desde unha perspectiva acústica, á descrición da materia sonora da lingua galega. Adaptou ao galego o manual Introducción á fonética. O son na comunicación humana, de E. Martínez Celdrán (2002). Entre os seus traballos máis recentes no eido da fonética sobrancea An acoustic approach to the Galician gheada (15th ICPS, 2003).
A cultura galega expresou a súa dor pola perda de Sabela Labraña e destacou a súa contribución á pedagoxía, ao fomento da interculturalidade e aos estudos de lingüística galega. A información está nas páxinas do Sermos Galiza, do Olláparo de Cedeira, El Correo Gallego e Cultura Galega, entre outras publicacións. As liñas de loito da comunidade educativa do centro de ensino en que traballaba están nesta ligazón.
De entre as súas numersas publicacións, salientamos aquelas moi directamente relacionadas coa nosa intervención educativa:


(2012). "Usos lingüísticos dels gallecs a Catalunya", in VILA I MORENO, F. (ed.): Posar-hi la base: usos i aprenentatge lingüístics en el domini català. Barcelona: Institut d'Estudis Catalans / Xarxa CRUSCAT. pp. 57-63.
(2012). "Transmisión interxeracional do galego no contexto multilingüe catalán", in RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, O.; CARBALLO PIÑEIRO, L.; BALTRUSCH, B. (eds.): Novas achegas ao estudo da cultura galega. II. Enfoques socio-históricos e lingüístico-literarios. A Coruña: Universidade da Coruña / Asociación Internacional de Estudos Galegos. [DVD] pp. 59-76.
(2009). EuroComRom - As sete peneiras: Saber ler axiña todas as linguas románicas. Aachen: Shaker Verlag. (Amb I. Vázquez; H.G. Klein; T.D. Stegmann)

(2008). "Crea identitat la llengua gallega?", in MASSIP, À. (coord.): Llengua i identitat. Barcelona: Publicacions de la Universitat de Barcelona, pp. 83-95.

(2007). "O galego na secundaria de Catalunya. Cara a unha educación multicultural", in GONZÁLEZ, H.; LAMA, M.X. (eds.): Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Mulleres en Galicia. Galicia e os outros pobos da Península. Barcelona 28 ó 31 de maio de 2003. Sada-A Coruña: Ediciós do Castro / Asociación Internacional de Estudos Galegos / Filoloxía Galega (Universitat de Barcelona). [DVD] pp. 803-816. (Amb Concha Castroviejo Bolívar, Alexandre Fernández Nerín i Joaquín Mindán Navarro) 
(2007). "Catalán e galego. Do coñecemento das linguas á convivencia das culturas", in GONZÁLEZ, H.; LAMA, M.X. (eds.): Actas do VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Mulleres en Galicia. Galicia e os outros pobos da Península. Barcelona 28 ó 31 de maio de 2003. Sada-A Coruña: Ediciós do Castro / Asociación Internacional de Estudos Galegos / Filoloxía Galega (Universitat de Barcelona). [DVD] pp. 817-830. (Amb E. del Castillo Velasco) 
(2007). Vencello. Lingua e cultura galegas para estudiantes de fóra de Galicia. Ensino secundario e adultos. Dir. Sabela Labraña Barrero. Cabrera de Mar: Galerada. 2a. ed. act. e corr.
(2003). "Ampliació de la consciència lingüística plural en els alumnes a través de l'educació multicultural", in PERERA, J. (ed.): Plurilingüisme i educació: els reptes del segle XXI. Ensenyar llengües en la diversitat i per a la diversitat. Barcelona: Institut de Ciències de l'Educació. pp. 251-258.
(2001). Vencello. Lingua e cultura galegas para estudiantes de fóra de Galicia. Ensino secundario e adultos. Dir. Sabela Labraña Barrero. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia.
(2000). "Identidade e usos lingüísticos. Segunda xeración de inmigrantes galegos en Cataluña", in RIQUER, I.; LOSADA, E.; GONZÁLEZ, H. (eds.): Ensinar a pensar con liberdade e risco. Homenaxe a Basilio Losada.Barcelona: Universitat de Barcelona. pp. 463-471. 
(1999). "Prexuízos lingüísticos e identificación social", in ÁLVAREZ BLANCO, R.; VILAVEDRA, D. (coords.): Cinguidos por unha arela común. Homenaxe a Xesús Alonso Montero. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. pp. 519-532.

28/12/15

ANACOS DUNHA CONVERSA CON VIVIANE FURTADO BRITO

Viviane Furtado Brito no plató do TX da TVG


Baixo a coordinación da escritora Marga do Val, o destacábel "A Fondo" do semanario Sermos Galiza correspondente ao 24 de decembro de 2015 estivo dedicado monograficamente en homenaxe ao escritor Xosé Neira Vilas (a quen o Modelo Burela lembra neste mesmo blogue). Tres das páxinas -entre elas as dúas centrais- de lembranza ao autor das Memorias dun neno labrego están protagonizadas por unha delegación intercultural que visitou a Fundación Neira Vilas na primeira semana do mes de marzo deste mesmo ano.
Nas páxinas centrais, a propia escritora Marga do Val publica os "Anacos dunha conversa con Viviane Furtado Brito" e dá así a coñecer en primicia os traballos da primeira tradución da máis importante obra de Neiras Vilas a unha lingua africana, responsabilidade que asumiu a moza entrevistada.
O destacábel A Fondo está disponíbel en dous formatos: no clásico en papel e na edición dixital.

Capa da publicación
Páxinas centrais


30/11/15

NÓS CON D. XOSÉ NEIRA VILAS E D. XOSÉ NEIRA VILAS CONNOSCO

Delegación "Modelo Burela" recibida por Neira Vilas (Gres, 3/03/2015). De esquerda a dereita da imaxe: Lavilson R. Monteiro, Xosé Neira Vilas, Kátia da Veiga Gomes, Álex Ladim Correia (sentados); Babacar Sakho, Carla da Veiga Gomes, Silvera Vicente de Oliveira, Viviane Furtado Brito, Imerce da Silva Alves, Macarena Ledo Vázquez e Helena Valle García (De pé); Mouhamed Sakho, Simón Rodríguez Rouco, Carolina Arcila Arenas, Noelia Parga Gaitica, Laura Semedo Brito, Sofu Housni e Sergio Rivas Valiña (De pé, na segunda fila)


Na tarde do día 28 de novembro de 2015 unha representación do Modelo Burela desprazouse a Gres (Vila de Cruces) para asistir aos actos de sepelio do escritor Xosé Neira Vilas e para acompañar a súa familia e amizades moi achegadas como Marga do Val e Marica Campo, Cándido Pazó (o intérprete de Balbino nos escenarios), Vítor Freixanes, David Otero, Valentín García Gómez (Secretario Xeral de Política Lingüistica), Beatriz Corral (da Área de Normalización da Deputación da Coruña), entre outras moitas personalidades.
Cando o Concello de Burela aprobou por unanimidade o Modelo de Planificación Lingüística, D. Xosé Neira Vilas foi un dos primeiros intelectuais que aplaudiu a iniciativa desde a columna que mantiña no xornal da capital de Galiza. Posteriormente, en 2011 estivo en Burela e Cervo para participar activamene na xornada "Neira Vilas, escritor Modelo Burela por un día".
Así se anunciaba o evento no boletín informativo do Instituto Perdouro

   O autor das Memorias dun neno labrego manterá encontros co alumnado de centros educativos de Burela e Cervo

O escritor Xosé Neira Vilas coñeceu a existencia do Modelo Burela de Planificacion Lingüística ao visionar o audiovisual do mesmo título, do que é autor Matías Nicieza. O escritor recibiu unha copia do documental no transcurso da última Feira do Libro de Foz e posteriormente tomou a iniciativa de localizar o seu director para transmitirlle persoalmente os parabéns.

Agora, grazas a Asociación Cultural “Os Matos” do IES Perdouro -de quen partiu a iniciativa-, Xosé Neira Vilas e Matías Nicieza coñeceranse persoalmente, e o escritor compartirá unha xornada co alumnado de Burela e Cervo.

O conxunto das actividades celebrarase durante a mañá e a tarde do próximo martes, día 3 de maio, cunha axenda moi apretada. O autor das Memorias dun neno labrego chegará a Burela ás 11 da mañá e será recibido no IES Perdouro pola directiva da Asociación Cultural “OS Matos”, así como por delegacións do Concello de Burela e dos centros educativos participantes nos encontros.

Seguidamente, manterá un encontro co alumnado do IES Monte Castelo, actividade que está coordinada polo profesor Fernando Gavín Bouso.

Ás 12:30, na Biblioteca do IES Perdouro, Neira Vilas disertará sobre a súa traxectoria literaria e asinará exemplares das súas obras ao alumnado de 2º de bacharelato, participando tamén nesta actividade alumando do IES Monte Castelo. Neste acto o escritor estará acompañado por unha representación da área de Innovación Educativa coordinada pola profesora María Xosé Andión Fontela.

Para as 14:15 h. está previsto un xantar de confraternidade entre o alumnado, o profesorado e o escritor. Celebrarase no “Mesón do Poeta”, onde Neira Vilas saudará o seu fundador -un dos protagonistas do documental “Modelo Burela”.

Ás 15:30 h. o escritor visitará o CEIP de Cervo e asinará exemplares das súas obras aos seus lectores máis novos.

EXPOSICIÓN

Con motivo da visita de Xosé Neira Vilas, a Biblioteca Pública de Burela ten aberta unha exposición bibliográfica da obra do escritor de Vila de Cruces. Esta exposición está situada na planta baixa do local e pode ser visitada libremente durante o horario de abertura da biblioteca.

E así recollía a crónica a delegación da Mariña do xornal La Voz de Galicia:

Tras a recente celebración do Día do Libro, o escritor Xosé Neira Vilas realizou onte unha serie de visitas a alumnos mariñáns. No IES Perdouro, organizada pola Asociación Cultural Os Matos, coñeceu en persoa a Matías Nicieza, autor do audiovisual do Modelo Burela que o autor descubriu na Feira do Libro de Foz, e mantivo un encontro co alumnado do centro e, máis tarde, unha comida de confraternidade con estudantes e profesores. No IES Monte Castelo inaugurou, como explicaron desde o centro, «cun primeiro parágrafo a historia aberta» deste instituto.
Despois tamén tiña previsto recalar no Ceip de Cervo, asinando exemplares das súas obras ás súas máis novos lectores. Debido á súa visita, a Biblioteca Pública de Burela abriu unha exposición sobre a súa obra.


 Nos primeiros días de marzo de 2015, foi unha delegación Modelo Burela de Interculturalidade quen se deslocou á sede da fundación que leva o nome do escritor para acompañalo e recibir a súa atención directa. Desa visita demos cumprida conta nas nosas redes sociais e no blogue de Proxecto Neo.


29/11/15

O MODELO BURELA ESTIVO REPRESENTADO NA HOMENAXE Á PEDAGOGA ANTÍA CAL

A intervención educativa Modelo Burela estivo representada na homenaxe popular que, baixo a coorganización do Concello de Muras e do Observatorio da Mariña pola Igualdade, se celebrou naquela localidade durante toda a xornada do 28 de novembro.
Alén das autoridades locais, cunha representación de todos os partidos políticos con representación municipal, co primeiro edil Manuel Requeijo e a tenente da alcaldía Belén Chao, participaron activamente no evento a Dra. Aurora Marco e o Dr. Antón Costa (Ambos da USC), a investigadora Alba García Pico e a profesora Mariluz Guerreiro.
 Un momento do acto académico celebrado no Centro Social de Muras.
 O alcalde e a profa. Marilu Guerreiro escoitan a conversa entre Antía Cal 
e a súa veciña Genoveva Guerreiro.


Un dos momentos máis importantes do encontro académico estivo protagonizado por unha estreita colaboradora do Modelo Burela, Alba García Pico, a pedagoga, tradutora e intérprete que coordinou a intervención Palabra e Memoria no concello do Valadouro. Nesta ocasión, en calidade de pedagoga intercultural, presentou publicamente unha unidade didáctica destinada a dar a coñecer a persoa e a obra de Antía Cal entre o alumnado de Ensino Secundario e Bacharelato.
Alba G. Pico presenta a unidade didáctica "arroupada" por dúas das grandes referencias
da pedagoxía galega: Aurora Marco e Antón Costa.

O evento reuniu numeroso público chegado de todo o termo municipal de Muras, dos concellos da Mariña e aínda de diversos puntos da xeografía galega. O lugar de encontro foi precisamente o colexio que desde esa xornada leva o nome da homenaxeada Antía Cal.
Vista do público asistente aos actos
Modelo Burela contribuiu á homenaxe a unha das nosas pedagogas de referencia -á súa vez discípula de Rosa Sensat- con dous programa de radio, un deles realizado practicamente no concello de Muras e que contou coa participación de Belén Chao (Tenente da Alcaldía), da directora e o alumnado do Colexio Antía Cal e do alcalde Manuel Requeijo.

PROGRAMA 141

PROGRAMA 142

01/05/15

PREMIO DE INNOVACIÓN EDUCATIVA

A intervención educativa Modelo Burela que leva por título "Neofalantes iniciais: da alfabetización á fluidez comunicativa" acaba de conseguir un dos cinco premios de innovación educativa convocados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para programas de actividades a desenvolver no curso 2014-2015. Os outros catro centros con proxectos galardoados son o CPI de Navia de Suarna (con longa traxectoria de innovación educativa); os CEIP de Frións e Heroínas de Sálvora, de Ribeira (compartido); e os IES da Póboa do Caramiñal (impulsor de múltiples iniciativas, entre elas a de 21 días co galego) e o de Rodeira, en Cangas do Morrazo (unha das máximas referencias en materia de motivación e renovación pedagóxica en Galiza).

Aínda que o fío condutor desta iniciativa que acaba de obter o recoñecemento institucional é a alfabetización de adolescentes en risco de exclusión social e o reforzo en materia de comprensión e expresión oral e escrita, outros dos obxectivos pedagóxicos contemplados son: 1) a mellora da convivencia no centro educativo; 2) a atención á diversidade en todas as súas vertentes; 3) o uso innovador das tecnoloxías da información e a comunicación; 4) o desenvolvemento das competencias básicas; e 5) a integración social de mozos e mozas chegados nos últimos anos á nosa terra desde moi diversas procedencias.

O repertorio de actividades incluídas nesta nova entrega da intervención educativa Modelo Burela -en aplicación desde 2004- continúa apostando pola interculturalidade e pola relación fluída entre o centro de ensino e o contexto social a que este dá servizo. Neste sentido, co premio vese tamén recoñecido o traballo e a disponibilidade de Radio Burela e da Asociación Cultural e Musical Dambara.

Albano González Cancio, Rodrígo López Gómez e Matías Nicieza García

Á vista dos limitadísimos recursos económicos con que conta a intervención educativa Modelo Burela -desde 2004, a única fonte de financiación foron os premios de innovación, de contía meramente testemuñal-, a única alternativa de viabilidade era solicitar a axuda desinteresada de particulares e entidades sociais. Así foi como se incorporou a colaborar Matías Nicieza, que leva realizado de xeito altruísta traballos audiovisuais valorados en varios millares de euros. Así naceu a colaboración con Radio Burela, que nos acolle semana a semana desde o 4 de xaneiro de 2012 e que nos permite manter unha escola de comunicación de características semellantes á impulsada no IES Alfoz-Valadouro polo profesor Pepe Peinó, a quen tamén moito debemos.

Para que a programación de 2015 puidese apostar polas actividades musicais como instrumento de integración social, foi determinante a colaboración da ACM Dambara mercé á mediación de Albano González Cancio. Esta xestión dunha das persoas máis implicadas na integración social na Mariña permitiu tentar a aproximación do alumnado inmigrante á música tradicional cando aínda se carecía da mínima dotación económica para esta actividade.

Mais, alén das xestións coa xunta directiva da ACM Dambara, o maior dos méritos de Albano González Cancio e Rodrigo López Gómez (Director da Escola de Gaitas de Ortigueira) está na calurosa acollida dispensada ao noso alumnado e no interese con que tentaron motivar a súa formación musical.

O equipo educativo

Obviamente, o desenvolvemento deste proxecto académico nace do impulso e da constancia do equipo educativo do IES Perdouro. No proxecto que nos ocupa, teñen especial relevo os traballos de José Ramón Leiva (coordinador do recén creado grupo de traballo dedicado monograficamente á atención á diversidade e á integración do alumnado inmigrante);  de Josefa Rodríguez Chao (da área de Tecnoloxía, que propiciou a realización do audiovisual titulado "O Modelo de Nación do Século XXI"); de Ana Vázquez Sesmonde (da área de Física e Química); e de Manuel Carreira (de Formación e Orientación Laboral).

Os premios

Este premio de innovación educativa é o oitavo que consegue o Instituto Perdouro desde a primeira convocatoria en 2006. Súmase a outras distincións como o Premio Peña Novo (outorgado pola AFNL), o Ondas Radiofónicas (pola modesta participación na Ponte nas Ondas), o de Educación sen Fronteiras e O Galego na Onda.

21/04/15

Premio curso 2014-2015

IES Perdouro premiado co seu proxecto de innovación en dinamización lingüística "Neofalantes iniciais: da alfabetización á fluidez comunicativa"

Parabéns para os promotores!!! Bernardo e Mª José !!!
O IES Perdouro felicita aos demáis centros premiados así como aos seus respectivos docentes impulsores :
  • CPI de Navia de Suarna - Lugo
  • CEIP de Frións, CEIP Heroínas de Sálvora de Ribeira - A Coruña
  • IES Rodeira de Cangas - Pontevedra
  • IES da Pobra do Caramiñal - A Coruña 
Parabéns compañeir@s!!!