22/07/16

NOVAS VOCES EN ASTURIANO





Por un feliz acaso, chega ás nosas mans o 14º exemplar dunha revista literaria asturiana, feita co esforzo persoal e económico dun numeroso grupo de persoas que cren no futuro da súa terra e da súa cultura. A publicación periódica ten nome ben bonito, moi ilusionante: é Formientu (Revista de lliteratura mui moza).
Editada por Xareos! Xestión Cultural, a publicación está dirixida polo xornalista Inaciu Galán y González, quen toma a palabra no inicio para celebrar os dez anos nas rúas e para reiterar o compromiso coas letras escritas no idioma asturiano. Con grande satisfacción, anuncia que: ·"por vez primeira contamos cun autor dos territorios portugueses da Terra de Miranda, cos que compartimos lingua, completando deste xeito o compromiso integrador da revista desde o primeiro número, do que fomos dando mostra ao londos desde dez anos, con autores do Cabo Peñas até Estremadura, incluíndo tamén autores en galego-asturiano -a outra lingua das Asturias-  e de terras cántabras".
Reconforta ler a prosa de Inaciu Galán cando nos explica que a literatura asturiana está nun momento emerxente, que cada ano aparecen novas voces, que publican e que aproximan as creacións ao público a través de recitais e outros eventos, entre os que destaca as "Timbes Poétikes". Mais aínda reconforta moito máis dar a volta á páxina e percibir en primeiro plano que esas palabras son moi acertadas, o que comprobamos a través das creacións dunha vintena de autores e autoras de entre vinte e trinta anos.
No mesmo momento en que nos aproximamos a esta literatura nova, presentada en positivo, tamén nos chega a noticia de que a Delegación do Goberno de España perpetra unha nova agresión contra a pluralidade lingüística enviando un escrito amezante ao Concello de Noreña ao que dá un prazo dun mes para anular a ordenanza municipal de recoñecemento do asturiano como lingua oficial. Nada novo. Son os mesmos de sempre, co seu talante de sempre, mais afortunadamente non poden impedir que aflore a forza da cultura:
"Pero yo llévote conmigo au quieras
llévote a ver el mundu,
que te sientan falar con arguyu
que pa  mi tas más viva que nunca."

A poeta Claudia Elena Menéndez (Güeria Carrocera, 1994) falou tamén por nós. As súas palabras son formento. E o formento fai levedar o pan. E o pan é fartura.

09/07/16

OS FOLKGAZAIS DE NOVO AO VIVO



INDIANO

"El poder tocar no Ribadeo Indiano -nel Quiosque da Música- para un grupo como el noso, que está concibido para tocar nos antigos quiosques da música, para recrear as formaciois que actuaron nos quiosques da música cuando as festas eran festas e non había os medios tecnolóxicos de hoxe, nin había os recursos económicos para traer certos espectáculos que se manexan agora... El que nos chamen para tocar nun escenario como ese, con ese ambiente, fíxonos pensar nel volver, el buscar a certa xente que está afincada pola zona. Miramos algún tema novo, refrescamos temas do primeiro e segundo disco e aí estamos".

HAIGA

"Foi el disco que mellor funcionou. É el disco que mellor identifica o son que pretendía facer Folkgazais: cumbia, bolero, chachachá... pasodobres, músicas bailables. Niso estamos agora. Do primeiro recuperamos un tema, do segundo cinco ou seis... e despois facemos algún tema novo. Así xuntamos quince temas, dous deles tradicionais".

RECOMENDACIOIS

O grupo que me marcou á hora de seguir formándome, con linguaxe ecléctica, foi Marful. Galiza non o debería deixar irse, porque abriu un campo. Pedro e Ugia marcáronnos a nós e a moita outra xente.
Outro grupo que abriu linguaxe en Galiza foi Berrogüetto. Ás veces, as linguaxes novas, as novas vías, acaban tendo unha loita continua por abrir mercado. Os medios de comunicación centran o interese no máis comercial...
Escoito calquera tipo de música: pop, folk, jazz... Os Modernos encántannos. Tamén o proxecto que ten Caxade...