OS CONTRABANDISTAS

02/10/16

Rosalía de Castro, Silvia Ferre, Roi Casal e Marco Pereira




Un caso único. Unha lección maxistral. Un antídoto contra o desánimo. Moi fácil de localizar. Só hai poñerse en sintonía con Radio Burela todos os venres ás sete da tarde.
Explicamos desde o comezo. 
O protagonista chámase Marco Pereira Oliveira. De familia orixinaria de Ribeira de Pena, en Trás-os-Montes, el naceu en Xove -na Mariña- e vive nun lugar de nome ben bonito: a Ponte do Carro. Por un golpe de fortuna para nós, en setembro de 2015 apareceu no Instituto Perdouro para estudar Administración e Finanzas.
Rapaz con moitísima iniciativa, diríxese a nós e di que quere implicarse no Modelo Burela e que quere facelo a través dun programa de radio. Magnífico!, mais a responsabilidade que nos transmite é grande, porque o novo colaborador é cego e necesitamos unha persoa que lle axude en cada programa, alguén que se poña a pé de obra todas as semanas.
Felizmente, non aparece unha persoa. Aparecen dúas. Son dúas mozas, Helena Valle García e Mónica Palacios. Helena está disposta a acompañalo na locución e Mónica mostra disposición para dar á luz pública e manter semanalmente o blogue do programa.
Un 22 de xaneiro de 2016 comezan a andaina para, nuns casos, dar a coñecer as Grandes Voces do Noso Mundo; e, noutros, para tributar homenaxe ás voces xa clásicas. O primeiro colaborador que puxo o ombro foi Manolo Maseda, acordeonista, voz e referencia inequívoca da máis moderna didáctica galega (aplicada no IES Maximino Romero de Lema, en Baio).
En seis meses, entre xaneiro e xullo, emitíronse outros 23 programas con xenerosas colaboracións de Miro Casabella, Maria do Ceo, João Afonso, Uxía Senlle, Uxía Pedreira, Balbina e a súa banda, Dous na Fronteira... Nada máis e nada menos!
O programa número 25 chegou un venres, día 30 de setembro de 2016. Como Helena e Mónica xa estaban en Vigo e Santiago para completar a formación universitaria, Marco estivo acompañado pola profesora Karina Parga. E ambos entraron forte. Con ritmo fluído. E con ritmo fluído recolleron a colaboración doutra estrela, Silvia Ferre, filla adoptiva de Rianxo.
Impresionante. Un trasmontano da Mariña montou unha factoría de soños convertidos en realidade e conseguiu reunir, man con man, unha galega da Mariña nacida na Borgoña; unha asturiana feita galega na terra de Castelao; un músico fillo de músico, ambos arousáns; e o espírito da nosa Poeta Universal.
Todo nunha horiña. Con quince minutos antolóxicos. Ao estilo Marco Pereira, esa voz que moi ben podería dicir:

O meu corazón vos mando
cunha chave para o abrir.
Nin eu teño máis que darvos
nin vós máis que me pedir.

Realmente, non é que o podería dicir. Moito máis: temos a fortuna de que nolo diga todos os días.

Sem comentários:

Enviar um comentário