12/11/16

Máis felices resultados do dobre esforzo

Marco Pereira e Silvera V. de Oliveira durante a realización do nº 31 do programa dedicado ás Grandes Voces do Noso Mundo




O programa dedicado ás Grandes Voces do Noso Mundo, de Marco Pereira, chegou ao seu número 31 xustamente no día 11 de novembro (11 do 11) de 2016, a mesma data en que tivemos noticia da morte de Leonard Cohen.
Pois xustamente nun programa tan sinalado produciuse unha novidade moi importante: a incorporación dunha nova voz na locución. Introducida por Karina Parga e co programa en marcha, Silvera Vicente de Oliveira asumiu as tarefas de colaboración na locución e de axuda persoal a Marco.
Chegada á nosa terra no tránsito na etapa final da infancia, Silvera Vicente de Oliveira é o paradigma do esforzo para a superación persoal. Combinando os estudos co traballo extraescolar, superou a etapa do Ensino Secundario Obrigatorio, posteriormente implicouse no voluntariado a través do Concello de Burela e agora continúa estudos de bacharelato.
Non é esta a primeira colaboración de Silvera Vicente con Marco. No mesmo momento de chegada do alumno cego ao Instituto Perdouro (en setembro de 2015), Silvera Vicente -xunto con Álex Landim e Lavilson R. Monteiro- ofrecéronse para o acompañar nos tempos de recreo, nun momento en que aínda carecía de amizades entre o alumnado e tiña moi reducida a capacidade de movemento polo recinto escolar.
Alén da incorporación da nova locutora, o programa 31 tivo outros momentos moi destacados. Antes da entrevista do Deixe Falar, puidemos escoitar unha intervención de Sara Gil, responsábel de comunicación do programa, que fixo unha chamada en directo para suxerir unha canción en recordo de Leonard Cohen: o "Aleluia" interpretado en versión galega por Xoán Eiriz.
Entre canción e canción tamén se estrearon novas cuñas promocionais con diversas voces, desta vez as de Cristian Gómez Mesa, Serxio Alonso  Mon e Alba Geada.
Son os felices resultados dun dobre esforzo: o da escola de comunicación e o de cada unha das persoas que nela participan.