OS CONTRABANDISTAS

20/05/17

ALBA GEADA BERNAL, GAÑADORA DO CERTAME LITERARIO DE TRASBAR


Alba Geada no momento de recoller o premio e o diploma acreditativo de mans dun integrante da directiva da asociación convocante.

Alba Geada Bernal (Burela, 2004) foi a gañadora do IVº Certame de Narración convocado pola A.V. de Trasbar (Cervo) para conmemorar o Día das Letras Galegas. A alumna do IES Perdouro fíxose co primeiro premio da categoría xuvenil co relato titulado "Un conto para Xela", ambientado na emigración galega a outras comunidades do Estado.
O xurado composto pola escritora Rita Morrigan, polo dramaturgo Francisco Piñeiro e pola directora teatral María Paz Rodríguez Silva reuniuse durante a mañá do día 17 de maio e resolveu outorgar os premios aos relatos presentados por Andrea Eixo Rodríguez (en categoría infantil), Alba Geada Bernal (en categoría xuvenil) e Irene Rega Jul (en categoría de persoas adultas).

19/05/17

"O amor é o único que move o mundo"



Finalizado o concerto, Guadi compartiu uns minutos coa Masa Coral Modelo Burela. De esquerda a dereita: Karina Parga, s/i, Matías Nicieza, Serxio Alonso, Guadi, Catalina Sánchez e Noé F. Quelle
Matías Nicieza

Se hai algo do que goste máis que de disfrutar da música de grandes artistas da nosa terra, é facelo na compaña de centos ou ata miles de persoas. Así foi neste pasado mércores 17 de maio, un dos días das Letras Galegas (o que aparece marcado en vermello no calendario, mais no ano hai outros 364) nunha Casa da Cultura de San Cibrao ateigada de público, con todos os asentos ocupados e xente de pé, a onde me despracei na compaña dunha delegación da Masa Coral Modelo Burela radiofónica para asistir ao concerto dunha Grande Voz do Noso Mundo: Guadi Galego.
Tras dunha fermosa presentación a cargo doutra masa coral, a das nenas e nenos do colexio de Primaria da localidade, Guadi regalounos unha fermosa escolma dos temas do seu novo disco e do anterior. Non faltaron os himnos: Chea de Vida, Amar a Mares, Matriarcas (que arrincou un grande aplauso do público nada máis tocar as primeiras notas)... 
Guadi, brillante como artista e excepcional no seu declarado compromiso coa lingua, conseguiu meter no peto a cada unha das persoas, que fomos centos, congregadas alí. Quedo coas palabras coas que presentou o último tema da noite: "O amor é o único que move o mundo. E outra cousa: o amor romántico é moi chungo. É moito mellor o outro".
En nome da Masa Coral Modelo Burela: grazas a millóns, Guadi!

Ivandro Soares: rapeiro crítico, con espírito reivindicativo

Ivandro Soares -no centro da imaxe- no momento posterior ao acto de presentación d'A Candidata (Premio García Barros, 2016), obra narrativa de Miguel Sande. De esquerda a dereita: Matías Nicieza, Bernardo Penabade, Artur Penabade, Luís García, Julia Labrador, Karina Parga, Arturo (Libraría Nobel),  Ivandro Soares, Miguel Sande e Alfredo Llano (alcalde de Burela)




Miruca Parga Valiña
(Coord. ENL)


Recordo perfectamente o primeiro día que Ivandro entrou na aula, xa avanzado o curso. Recordo os seus ollos curiosos en primeira fila, xusto diante de min. Como calquera rapaz que chega novo a unha clase, era tímido. Mais tiña tantas, tantas ganas de aprender... Mostrouse sempre moi interesado en facer todo o que lle propuña, traballaba arreo para familiarizarse cos novos contidos, pero o que máis lle gustaba era ir á aula de Informática.
Alí comezamos a elaborar un vídeo cun poema, unha música e unhas imaxes alusivas aos distintos versos. Sorprendeume o que xa sabía. Comentoume que lle gustaba crear vídeos con cancións, que xa o facía na casa. E vaia se o facía... El puxo todo o que puido da súa parte para adaptarse e sacar algún partido do sistema que o incluíu nunha clase de vinte alumnos en medio do curso, por falta xa de prazas en grupos máis reducidos e cunha atención máis individualizada. Espero que o sistema tamén faga todo o que poida por sacar adiante a un rapaz traballador, e a un rapeiro crítico, con espírito reivindicativo e con competencias sobradas nas TIC.

16/05/17

A RECOMPENSA

A profesora María José Andión intervén, en calidade de Xefa de Estudos, nun acto público destinado a promover a inclusión educativa


María José Andión
(Xefa de Estudos. IES Perdouro)


Cando asumín a responsabilidade da Xefatura de Estudos do IES Perdouro, a miña principal preocupación era a atención á diversidade no que atinxe ao alumnado estranxeiro. O meu primeiro obxectivo era  darlle a este alumnado unha atención "digna" e "integral". 
Agora, ao visionar a gravación do acto de inauguración da exposición de fotografías dunha nosa ex-alumna, síntome emocionada e satisfeita ao escoitar a música e comprobar que un dos gaiteiros é un rapaz que chegou ao instituto un 7 de xaneiro de 2016. Un ano e catro meses de esforzo, traballo e dedicación, foron suficientes para que este alumno sexa un modelo de inclusión nos ámbitos académico, social, cultural e lingüístico. Sen dúbida, a mellor e maior recompensa que pode ter o traballo que desde Xefatura de Estudos se levou a cabo nestes dous anos coa finalidade de ofrecer ao alumnado estranxeiro recén chegado a atención persoal e académica que merecen.


14/05/17

Amar pelos dois, de Salvador Sobral

Se um dia alguém perguntar por mim,
diz que vivi p’ra te amar.
Antes de ti, só existi
Cansado e sem nada p’ra dar.
Meu bem, ouve as minhas preces.
Peço que regresses, que me voltes a querer.
Eu sei que não se ama sozinho.
Talvez devagarinho possas voltar a aprender.
Meu bem, ouve as minhas preces.
Peço que regresses, que me voltes a querer.
Eu sei que não se ama sozinho.
Talvez devagarinho possas voltar a aprender.
Se o teu coração não quiser ceder,
não sentir paixão, não quiser sofrer,
sem fazer planos do que virá depois,
o meu coração pode amar pelos dois.

Perfil biográfico de Salvador Sobral (tomado da Wikipédia)

Salvador Sobral (Salvador Vilar Braamcamp Sobral, Lisboa, 28 de dezembro de 1989) é um cantor português. Venceu o Festival RTP da Canção 2017 e o Festival Eurovisão da Canção 2017, com a música Amar Pelos Dois, da autoria de sua irmã Luísa Sobral.
Salvador Sobral habituou-se a ouvir música desde criança e, segundo revelou em entrevistas, cantar surgiu como entretém durante as viagens de automóvel em família. Por volta dos dez anos participou no concurso Bravo, Bravíssimo, transmitido pela SIC. Em 2009 voltou a participar num concurso televisivo, ao concorrer na terceira edição de Ídolos, da mesma estação, onde foi finalista. O vencedor dessa edição foi Filipe Pinto.
Estudante de Psicologia, viajou para Maiorca, ao abrigo do Programa Erasmus, onde começou a cantar em bares. De novo em Lisboa, decidiu abandonar os estudos de Psicologia e inscrever-se na prestigiada escola Taller de Músics, em Barcelona. Ainda em Barcelona, no início de 2014, colaborou com a banda de pop-indie Noko Woi, formada por venezuelanos radicados naquela cidade, com a qual atuou no festival Sónar.
Em 2015 foi incluído na programação do Vodafone Mexefest e do EDP Cool Jazz. Em março de 2016 foi editado o seu disco de estreia, Excuse Me, com coprodução musical do pianista Júlio Resende, do venezuelano Leonardo Aldrey e do próprio Salvador Sobral.
Trabalha também em cooperação artística com a sua irmã Luísa Sobral. Em 2017 Salvador Sobral é o vencedor do Festival RTP da Canção 2017, com o tema Amar pelos Dois, com letra e música de Luísa Sobral.
Em Kiev, na final do Festival Eurovisão 2017, atingiu a votação histórica de 785 pontos, liderando tanto o televoto como a votação de júri dos 42 países votantes. Deste modo, Portugal conquistou a sua primeira vitória neste festival, batendo em quase 200 votos o recorde de votação de uma canção ganhadora da Eurovisão.

11/05/17

ANTONINA SEMEDO: A INTERCULTURALIDADE É POSIBLE



María Dolores Chas
(Prof. Orientación Educativa)

No final da tertulia, a entrevistada participou nunha sesión fotográfica co profesorado e o alumnado do centro. Na dereita da imaxe (de pé) está María Dolores Chas (Orientadora)

Eu nunca tiña escoitado falar a Antonina Semedo. Só coñecía o seu grupo musical, Batuko Tabanka, e algo da súa historia persoal a través de comentarios dos compañeiros e compañeiras de traballo e a través das información publicadas nos medios de comunicación.

Cando escoitei as palabras que Antonina lle dedicou a Alex Landín, no acto de recoñecemento ao seu esforzo académico, quixen saber máis sobre esta muller fascinante. Non me foi nada difícil, porque na rede hai moita e boa información sobre ela.

Estando en plena organización da conmemoración do Día Escolar pola Paz, pensamos en convidala de novo ao centro e que un grupo de alumnos/as de 2º ESO conducisen unha tertulia centrada no periplo vital da nosa protagonista. 

Todo o auditorio, en especial os rapaces e rapazas de 12 a 14 anos, estábamos fascinados escoitando as anécdotas que ía relatando Antonina sobre os seu primeiros días en Burela. Agora para nós é totalmente normal ver unha persoa coa pel negra, mais daquela (1978) era toda unha novidade.

Impresionoume a fortaleza mostrada por esta muller ao longo da súa vida. Antonina e o seu marido foron dos primeiros en abandonar o seu país e establecerse nun pequeno pobo mariñeiro do que apenas tiñan información. Unha vez aquí, ela dedicouse a recoller algas para axudar a manter a súa familia, fixo plantacións forestais, ocupouse dos traballos domésticos por conta propia e por conta allea e mesmo participou na formación dun grupo de música tradicional caboverdiana co que manter viva a súa cultura.

Eu vexo en Antonina unha muller independente. Unha veciña da Mariña, que está a estudar para conseguir a nacionalidade española e que non para de recordar ás novas xeracións a importancia de conseguir unha boa formación para ter un futuro mellor.

Antonina Semedo é unha muller admirable, un modelo de superación persoal e un exemplo de integración plena no seu país de acollida. Para todos aqueles e aquelas que pensen que a interculturalidade é unha utopía, aquí teñen unha realidade ben tanxible: esta caboverdiana da Mariña ou esta mariñá con orixe caboverdiana.

Antonina Semedo no momento da súa intervención. Detrás dela está o mapa de Cabo Verde elaborado por alumnas e alumnos do IES Perdouro

09/05/17

DE MIÑO Á MARIÑA, NA PROCURA DA IDENTIDADE

A expedición do CPI Castro Baxoi en Sargadelos con Castelao


Na primeira semana de maio, unha expedición do CPI Castro Baxoi de Miño realizou unha viaxe educativa á Mariña. Dous eran os obxectivos fundamentais: viaxar pola nosa terra para coñecela mellor e querela máis; e ter uns momentos de convivencia coa Masa Coral Modelo Burela, que se ocupa semanalmente da realización do programa Proxecto Neo.
A delegación de Miño, coordinada pola profesora e escritora Begoña Martín Acero e polo xornalista Anxo Varela, foi recibida polo guía en Cervo, onde realizaron un paseo á beira do río Xunco co obxectivo de coñecerse e de visualizar a rica botánica da zona. Inmediatamente despois, subiron á fábrica de Sargadelos para coñecer "in situ" o perfil biográfico de Antonio Raimundo Ibáñez, Afonso D. Castelao, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. As posteriores visitas ao proceso de produción, á sala de exposición e á sección museística serviron de complemento informativo para ofrecer a estudantes e profesorado unha visión global sobre a fábrica.
Xa en Burela, o grupo escolar visitou o cemiterio parroquial, onde recibiron unha breve explicación sobre o paradoxo dos usos lingüísticos da poboación da localidade. 
A seguir, os grupos de produción de Radio Miñoca e de Proxecto Neo reuníronse na área recreativa do Cantiño, onde comeron na compaña dun terceiro grupo de mozas e mozos de procedencia inmigrante.
Con posterioridade á comida, a trintena de participantes na actividade fixo unha visita á praia e ao paseo, seguindo os comentarios de Cristian Gómez Mesa. Pouco antes das catro da tarde, a comitiva encamiñouse polo paseo do Perdouro para dirixirse á Casa da Xuventude, onde anfitrións e visitantes compartiron o programa 194.6 de Proxecto Neo.
Mediada a tarde, a expedición de Miño desprazouse a Barreiros para coñecer a Praia das Augas Santas.
Imaxe da comida na área recreativa do Cantiño. Inmediatamente despois realizouse a visita guiada por Cristian Gómez Mesa


05/05/17

A VOZ DE QUIQUE DE ROXÍOS EN ONDARROA

O escritor Quique de Roxíos (Bual, 1964) estivo presente no encontro músico-literario dedicado á regueifa e o bertso celebrado nas localidades vascas de Igorre, Zeanuri, Areatza e Ondarroa entre os días 27 de abril e 1 de maio.
Convidado pola expedición galega formada por alumnado e profesorado dos institutos de Baio, Vila de Cruces e Burela, o escritor eonaviego achegouse a Ondarroa para participar nas actividades do domingo, día 30 de abril. Durante o momento da acollida, na Confraría Vella do porto pesqueiro vasco, o poeta de Roxíos fixo de ponte entre as dúas comunidades co recitado dun poema (A nosa fala). Posteriormente, recitou de novo no adro da impresionante Igrexa de Santa María, elevada sobre o río Artibai.
Por xentileza do propio escritor, reproducimos aquí o poema e acompañámolo dun vídeo gravado pola expedición do instituto de Vila de Cruces e que está recollido no seu blogue.



MUNDO DE HERBAS

Habitei nun mundo de herbas,
nun mundo sen horizontes,
el mundo da herba nas paredes.

El imperio das herbas del aire,
el continente das herbas del mar.

Enfermei
coa herba das feridas,
herbas del cego.

Unteime
con herbas salgadas,
herbas del demo.

Cureime
con herbas das bruxas,
herbas de San Llourenzo.

,
Busquei
remedios nas herbas dos amores,
herbas das nubres, herbas da maldición.

Albeitrei ciridonias, rudas, herbas del cuco, herbas dos ensalmos,
herbas das xunqueiras, herbas das rosas...
herbas de herbar.

Afortunado de min, habitei nun mundo de herbas.


(O poema está recollido do blogue do escritor)


04/05/17

A MOCIDADE GALEGA EN MARCHA



Bernardo Penabade

Durante catro intensas xornadas estivemos en Euskadi como integrantes dunha expedición escolar galega que participaba nun encontro poético-musical de improvisación. Tratábase de facer convivio apoiándonos na música como privilexiado vehículo de comunicación, o que non nos resultou nada difícil. Só vinte minutos despois de se coñeceren, mozas e mozos da nosa expedición e do instituto anfitrión -o de Igorre, no Vale de Arratia- xa estaban interactuando: cantaban dun lado, cantaban do outro... e todo o conxunto batía palmas seguindo o mesmo compás. Vendo aquel panorama, era moi reconfortante estar alí.
Xusto no comezo das actividades, decatámonos de que do lado galego tíñamos un privilexio. Entre nós estaban os Vintenbaio, unha agrupación musical formada por alumnos e alumnas do InstitutoMaximino Romero de Lema. A maneira en que animaban o encontro era impresionante: o mesmo tocaban unha peza instrumental -con gaita, acordeón, percusións e pandeiretas- que lle botaban unha cantada e incluso se atrevían tamén coa danza tradicional. Unha delicia.
En plena actuación, os nosos ollos repararon nun dos integrantes, un rapaz de dezaseis ou dezasete anos, que era o modelo de versatilidade porque cantaba e tocaba o acordeón ou a pandeireta, segundo fixese falta. Cando o vimos tamén danzar, puxémolo no punto de mira para falarmos demoradamente con el.

Xandro Calvo Rojo acompañado por María Pilar Rodríguez Villar, a presidenta da Irmandade de Centros Galegos en  Euskadi. Durante a recepción que a Casa de Galicia de Ondárroa brindou á expedición regueifeira ambos tiveron ocasión de poñer en común os seus respectivos vínculos coas terras de Guitiriz.


Abordámolo o domingo pola mañá. Mentres un autobús dos Fondo da Ponte do Porto -tamén familia de músicos- nos levaba de Areatza a Ondárroa, aproveitamos o tempo para conversar con Xandro Calvo Rojo (Baio, 2000), en presenza da Masa Coral Modelo Burela, que quería facer o seguimento dunha entrevista desde a fase da conversa á da publicación nun medio escrito.
E tu de quen vés sendo?” -pregúntolle. E a resposta non se fai esperar: “Sonche fillo dunha perruqueira de Baio Pequeno, case porta con porta coa casa de Henrique Labarta Posse”. Entón sigo tirando do fío: “Teu pai tamén é desa zona?”. E teño resposta rápida e ben simpática: “Non; el é dos Vilares, en Guitiriz. Foi exercer a veterinaria a Baio e un día foi cortar o cabelo e acabou saíndo coa permanente”.
Mentres a conversa avanza, os radiofonistas de Proxecto Neo non queren perder o mínino pormenor e é normal que así o fagan, porque están diante dun verdadeiro paradigma da mocidade en marcha do século XXI.
Á vista de como se expresa, é evidente que as vivencias escolares de Xandro foron moi positivas. Vese nel unha esponxa para recoller e gardar o mellor. “Teño moi bos recordos de Preescolar na Casa. Fíxate: cinco dos nenos e nenas que compartimos aquela escola aínda continuamos xuntos e xuntos estamos hoxe nesta viaxe educativa. Aquela foi a base da nosa convivencia. Encántame recordala a través das moitas fotos que nos fixo miña nai”.
-E que nos dis do Labarta Pose?
Nese momento, o Xandro respira fondo, pensa... e rapidamente verbaliza aquilo que xa se lle lía na expresión facial: “Tamén alí fun moi afortunado”. Faise o silencio. Mais o noso interlocutor tamén sabe ler nos nosos ollos e dáse conta de que queremos casos concretos. Entón fálanos da súa primeira experiencia teatral, baixo a dirección da profesora Sinda Cundíns Caamaño que lle deu “en 2º, 5º e 6º”.
Mentres o autobús avanza entre montañas direccionadas para o mar, nós tamén progresamos na conversa e falamos do Instituto Maximino Romero de Lema. Un punto e seguido. “Estou contento co que aprendemos dos libros, mais o fundamental é que nos estamos educando nunha extraordinaria escola de valores. Recibimos visitas. Viaxamos. Estamos en permanente contacto co mundo”.
Loxicamente, podíamos deixalo así, porque sería unha fermosa maneira de acabar. Mais, se falamos de visitas e de contacto co mundo, estamos entrando no extraescolar, a realidade á que chegamos fortalecidos desde a escola. A fermosa navegación que lle dá sentido á formación teórica. Na medida en que nos adentramos na combinación do escolar co extraescolar, constatamos que o Xandro é un auténtico experto no aproveitamento dos tempos libres. Das súas palabras despréndese que é capaz de asimilar o mellor das múltiples escolas da vida en que participa. Na Asociación Músico-Cultural Pepe Valiña aprende piano coa profesora Tatiana Pakrátova e participa na coral Xan Mella. E con Jacinto Paredes dálle ao acordeón.
Como se o tivésemos programado, no reprodutor musical do autobús comeza a soar a canción das Matriarcas. Xandro coñécea e a voz de Guadi aínda lle dá máis azos para falar de como se organiza para afrontar as xornadas dos venres. Ademais de ser o día do acordeón, tamén é o día do Inglés (para conseguir o título do nivel C1), de cantar no coro e de botarlle un ollo ao Luar, en familia.
-E os sábados?
Os sábados toca continuar coa vivencia en positivo dos tempos libres. As mañás son para o grupo de música e danza tradicionais na Asociación Cultural Adro, con David Canto (en conxunto), Miguel Abad (en baile) e Álex Insua (en pandeireta). As tardes son para dar unha volta coas amizades e á noite aínda lle restan folgos para practicar o teatro na Asociación Badius. Canta riqueza e que fermoso escoitalo de viva voz!
Cando ao autobús aínda lle falta a carreiriña dun can para chegar ao porto de Ondárroa, nós poñémoslle remate á conversa. Mentres Xandro camiña polo corredor para incorporarse ao seu grupo, nós sentimos admiración. Toda a Masa Coral Modelo Burela era partícipe dunha intensa sesión didáctica de tres cuartos de hora. Todo iso antes de chegarmos ao porto pesqueiro das anchoas. Todo iso antes de sermos recibidos cos brazos abertos na confraría vella.

Unha auténtica fartura, xa antes de comer. Unha xornada completa en só corenta e cinco minutos. Así foi a nosa conversa con Xandro Calvo Rojo, o paradigma da mocidade galega en marcha.