OS CONTRABANDISTAS

02/06/17

MODELO TWIN PEAKS





Se seguides o noso proxecto, sabedes contextualizar perfectamente. Cando alá polo ano 2008 estabamos a compoñer o documental “Modelo Burela”, gravando os planos de recurso que servirían para combinar coas 52 entrevistas que desenvolven o factor humano do corazón da Mariña, ocorréuseme facerlle unha homenaxe visual á miña serie de televisión favorita de sempre, “Twin Peaks”. 
Pensei en reproducir coa maior exactitude posíbel un dos seus planos máis icónicos, o da estrada co rótulo de benvida á poboación que da nome á serie, facendo o mesmo coa entrada á nosa vila, dunha xeografía vagamente similar. 
Foi unicamente unha pequena brincadeira que ninguén pareceu notar até que hai unhas semanas se me ocorreu celebrar o retorno de “Twin Peaks” ás pantallas subindo ao meu perfil persoal de Facebook unha imaxe comparativa do plano orixinal e a miña reprodución.
Uns días despois, descubrín por casualidade que a imaxe estaba a ser amplamente difundida desde unha páxina da mesma rede social que trata con humor sobre o cinema internacional dobrado á nosa lingua.
Parece que a miña ocorrencia atopou o seu público en forma de meme e eu non podo estar máis contento. Reitero: o proxecto non vai diso. Mais o Modelo Burela, como un personaxe máis de Twin Peaks, ás veces muda de apariencia e lugar dos xeitos máis sorprendentes.




Sem comentários:

Enviar um comentário