OS CONTRABANDISTAS

02/01/18

MORENINHAS

Marco Pereira Oliveira

Érica Gomes Mendes, Raquel Lopes Ramos e Eliane Tavares Mendes son Moreninhas, tres raparigas de Cabo Verde que onte pasaron un dos mellores días da súa vida.
Ás nove da mañá, elas, Bernardo Penabade e eu saímos de expedición en dirección a Compostela. Durante o traxecto houbo breves momentos de silencio intercalados entre outros de risos e cánticos.
Arredor do mediodía chegamos a Santiago e o primeiro que fixemos foi visitar a TVG. Estivemos no plató dos Servizos Informativos, mentres estaban facendo os preparativos técnicos de luces e son para novas emisións e despois asistimos á realización en directo do programa A Revista.
Durante a comida, que fixemos no casco histórico de Santiago -xusto entre a Rúa do Franco e a Praza Doutoral- puidemos conversar tranquilamente con Cristina Montgomery, afillada do "xefe" da expedición. Falamos dos nosos respectivos estudos, das perspectivas laborais e tamén do que as Moreninhas ían cantar no Luar.
Érica, Eliane, Marco e Raquel na praza das Pratarías durante o percorrido
que serviu para que Érica e Eliane coñecesen o casco histórico da capital galega.

Despois dun breve percorrido pola Rúa Nova, as Pratarías e o Obradoiro -onde coincidimos con Miguel Penas (coordinador do gabinete da Alcaldía de Santiago de Compostela)-, dirixímonos ao Plató 1000, lugar no que se realiza e desde o que se emite o programa Luar. Alí nos recibiu cos brazos abertos Elena Mareque e despois presentounos a Xosé Ramón Gaioso, a Xavier Díaz e a unha longa lista de artistas de diversos lugares.
A continuación chegou o momento do ensaio. As Moreninhas prepararon dous temas: nun estiveron acompañadas por Gaioso coa guitarra e noutro cantaron "a capela".
Para pasarmos o tempo, antes da cea e do comezo do programa, aprendemos un xogo de mesa que resultou ben divertido.
A expedición "Modelo Burela" con X. Ramón Albo e Manuel de Andrade.

Mentres Eliane, Érica e Raquel se preparaban no camerino, Bernardo e eu estivemos observando como un grupo de xente ensaiaba un número moi simpático e moi participativo.
Finalmente, chegou o momento! Gaioso tomou a palabra e presentounas as cantoras polo seu nome artístico -Moreninhas-, mais quixo dar a coñecer ao público o nome de cada unha. A entrevista seguímola con moitos nervos e acabamos moi contentos porque responderon moi ben.
Ao finalizar o programa, aínda fixemos fotos con Xosé Ramón Albo, con Manuel de Andrade, con Tania Fuegho... e de novo con Gaioso.
Foi unha experiencia moi gratificante. Espero e desexo que as Moreninhas continúen aprendendo e que nos ofrezan máis actuacións. Eu estarei encantado de acompañalas.

Sem comentários:

Enviar um comentário