OS CONTRABANDISTAS

03/01/18

VISITA Á TVG E ACTUACIÓN NO LUAR

Bernardo Penabade

Durante a xornada do 29 de decembro de 2017 unha expedición Modelo Burela realizou unha visita de estudo á TVG con motivo da presentación musical das Moreninhas no Luar

Facer unha intervención educativa Modelo Burela implica que se traballa dentro e fóra do recinto escolar e que se propicia unha relación directa entre o alumnado e a sociedade en que vive. Esta educación para a vida reconforta -porque lle dá pleno sentido ao traballo-, mais tamén implica moitos sacrificios (non só polo tempo e o esforzo particular, senón polo tempo e o esforzo doutras persoas a quen se pide colaboración).
Facer unha intervención educativa Modelo Burela implica motivar o alumnado para conseguir a participación, implica o contacto coas familias -non todas predispostas á colaboración-, cos diferentes órgaos educativos (directivas, claustros e consellos escolares) e implica facer a mediación con persoas e entidades alleas á comunidade educativa. Todo un risco, porque, se falla un dos axentes implicados, o proceso xa non sae ben, os obxectivos non se conseguen e xérase frustración colectiva. Por iso, cando se completa con éxito cada unha das actividades, sentimos un grande alivio e mesmo temos forzas para voltar a vista atrás e contar unha historia bonita como esta.

Esta historia bonita ten o seu comezo durante a segunda semana do mes de decembro, en pleno período de avaliacións escolares. Unha redactora do Luar pídenos colaboración para poñerse en contacto con Eliane, Érica e Raquel.
 "Encántannos! Podedes pasarnos algunha información sobre elas?".
Durante o proceso de documentación soubemos que a nosa interlocutora era Elena Mareque e descubrimos nela unha extraordinaria profesional. Grazas ás súas xestións, o que ía ser unha actuación no Luar pasou a ser unha intervención educativa en toda regra, primeiro na sede da TVG en San Marcos e despois no Plató 1000 de Montouto (en Teo).

A expedición Modelo Burela con Sebi Martínez no plató da Revista

O equipo da Revista deunos todas as facilidades para que puidésemos aprender. Uns minutos antes de entrar en antena, Sebi Martínez saudounos con grande amabilidade e accedeu a facer unha fotografía para o recordo. Despois vimos desde dentro a engranaxe do programa: as indicacións dos momentos previos, a sintonía, a presentación dos contidos e a posterior combinación de condución desde o estudio cos contactos en directo cos diferentes puntos en que estaba a actualidade informativa (Ferrol, Pontevedra, Ribeira...) e coa emisión de contidos recollidos en diferentes vídeos. Comprobamos "in situ" o traballo de realización, iluminación, manexo das cámaras e mesmo o discreto papel do persoal de relacións públicas como ponte de comunicación entre o equipo técnico do programa e as persoas que ían chegando para seren entrevistadas.
Érica, Raquel, Eliane -Moreninhas- e Marco Pereira Oliveira -director do programa radiofónico Grandes Voces do Noso Mundo- no momento en que finalizaba a visita de estudo á sede central da TVG en San Marcos
Despois da comida, era o momento de que Érica e Eliane tomasen contacto coas pedras de Compostela, a capital galega que só coñecían a través dos libros e das proxeccións audiovisuais. O paseo pola Rúa Nova desembocou primeiro nas Pratarías e despois na Praza do Obradoiro. En pleno proceso de recoñecemento da Catedral, do Palacio de Raxoi, do Hostal dos Reis Católicos e do Pazo de San Xerome, tivemos a fortuna do encontro con Miguel R. Penas, que nos presentou as persoas que o acompañaban e compartiu uns momentos con nós.
A expedición Modelo Burela na Praza do Obradoiro cunha representación do Concello de Santiago. No centro da imaxe: Miguel R. Penas (responsábel de comunicación) e María Rozas (Tenente da Alcaldía e Concelleira de Economía)

Feito o saúdo a Valle Inclán no paseo da Ferradura, chegou o momento da clásica fotografía coa catedral e a cortina de chuvia como fondo
A recepción no Plató 1000 foi inmellorable. Tomando emprestada a expresión de Séchu Sende, poderíamos dicir que foi "unha recepción Made in Elena Mareque", cun cálido saúdo, coas presentacións do equipo e cunhas explicacións que nos fixeron sentir como na casa.
Unha mostra do ambiente de alegría que se creou durante as presentacións. Elena Mareque tiña preparadas moitas sorpresas.

Fermosa casualidade: as Moreninhas tiñan o seu camerino xusto frente ao dos integrantes de El Consorcio. A ilusión e a veteranía convivían no mesmo corredor. 

As artistas familiarízanse co programa. Xosé Ramón Gaioso acolleunas con moitísimo cariño.

Grazas ás xestións de Elena Mareque, Marco Pereira (director do programa musical Grandes Voces do Noso Mundo) e as Moreninhas coñeceron e conversaron durante uns minutos con Xabier Díaz
Aínda que o ensaio acabou ás cinco da tarde -e aínda que faltaban cinco horas para que dese comezo a realización e emisión do programa-, ninguén quería abandonar aquel lugar máxico. Aprendíase vendo o resto dos ensaios, aprendíase vendo o traballo de guionistas, presentadores, relacións públicas, cámaras, persoal técnico de luz e son... Aprendíase minuto a minuto en contacto directo con todas as persoas implicadas no programa.
Tras ese período de aprendizaxe continuada, chegou o momento clave: a actuación. Superando a limitación dos nervos, Eliane elevou a voz para facer un agradecemento a Rubén Riós, Emilio Rúa e Tania Fuegho. Era de xustiza que o fixese, porque do programa Ruralizarte saíu a súa primeira formación artística.
Despois da entrevista, o vento soou e díxonos que no seu niño novo había unha pomba dourada e que afortunado sería quen puidese namorala. As Moreninhas  tomaban alento de novo e o vento volvía a susurrar acompasado coa guitarra de Gaioso, que non se vía descontento. Cando cantaba o luar ao mencer en frauta de verde olivo, a pombiña dourada xa case tiña un ar de flor recente, como recén casada; era unha sombra de sombra, un andar primeiro de río...

Mentres tanto, no plató e nas casas primeiro foi a sorpresa, despois a complicidade e finalmente o aplauso. Por que? Xustamente, porque estaban vendo algo novidoso: o resultado da interculturalidade tomado na base, ao natural.
Así, deste xeito, a intervención educativa Modelo Burela transcendeu os muros do centro escolar e a través das ondas chegou a millares de fogares galegos concentrados na nosa terra ou distribuídos polo mundo. Magnífica xornada para o director do Grandes Voces, para as tres Moreninhas e magnífico para a audiencia que puido gozar da dimensión internacional da nosa música sen ter saído da casa.
Tania Fuegho con Eliane Tavares Mendes. Mestra e discípula reencontráronse no Plato 1000 da TVG


Finalizado o programa, Xosé Ramón Gaioso despídese de Marco Pereira e das Moreninhas. As vinte horas de intervención educativa entraban xa na recta final, a do retorno á casa.

Sem comentários:

Enviar um comentário