OS CONTRABANDISTAS

16/01/20

DIÁLOGO ENTRE CULTURAS A TRAVÉS DAS ONDAS RADIOFÓNICAS

Fotocomposición feita no CPI Suárez Marquier con imaxes do momento da emisión radiofónica que uniu Burela e O Rosal
durante a tarde do día 15 de xaneiro de 2020

Como resultado da colaboración entre o Colexio Público Manuel Suárez Marquier do Rosal e o IES Perdouro de Burela, na tarde do día 15 de xaneiro de 2020 alumnado e profesorado dos dous centros educativos estableceron unha ponte de comunicación intercultural a través das ondas radiofónicas.
A primeira toma de contacto realizouse na semana inmediatamente seguinte ao período vacacional. Unha simple comunicación de correo electrónico serviu de documentación básica para a preparación do guión e para a planificación da emisión. Foi unha actividade práctica que contou coa implicación directa de dez alumnos e alumnas, cinco de cada centro educativo. Cos traballos previos xa feitos, entrou en acción o grupo que prepara semanalmente o Proxecto Neo.



Da biografía da alumna Rosario Barra Simpson, de 11 anos, que estuda 6º de Primaria no CPI Suárez Marquier, orixinaria de Namibia, ocupouse a súa colega Ádila Pereira Lopes, chegada a Burela desde a Illa de Santiago, en Cabo Verde. Pola súa parte, Lidiana de Pina (do IES Perdouro) informouse sobre a súa colega Emily Anne Otero Robinson, que chegou do Reino Unido á área metropolitana de Vigo e que agora participa no programa radiofónico "The Famous five" emitido desde o centro educativo do Rosal. Outro tanto fixo o alumno Yorel Ladra, que se mostrou admirado cando soubo que Ciara Milandré Van Wyk, de 14 anos e nacida en Namibia, é capaz de se expresar con fluidez en catro linguas (afrikaans, inglés, galego e español) e que, ademais, está comezando coa aprendizaxe do francés. A comunicación intercultural completouse coa participación de Nira Mateos Ambekar, nacida en Toledo, de pai europeo e nai asiática, coa caboverdiana Taísa Gonçalves; e da arxentina Sydney Rose Karszenbaum, de 15 anos, con Gerson Semedo, que chegou do arquipélago africano en 2017 e que leva só dous cursos no noso sistema educativo.
As "The Famous five" no estudio da radio educativa do CPI Suárez Marquier. Emily Anne, Rosario, Ciara, Nira e Sydney están acompañadas polas súas profesoras Lola (Orientación), María (Lingua Castelá) e Bea (Lingua Inglesa)

Xunto con Antón Castro, colaborador habitual do programa, están o compañeiro e as compañeiras que se estrearon
nas ondas con esta emisión: en primeira fila, Gerson Semedo; de pé, Taísa Gonçalves, Ádila Pereira e Lidiana de Pina.

Unha vez feito o traballo de produción, como é habitual, da realización do programa ocupouse a Masa Coral Modelo Burela dirixida tecnicamente por Matías Nicieza. A emisión foi conducida por Alejandra Alonso, coa colaboración de Antón Castro e Serxio Alonso. Fixeron entrevistas Noé Fernández, Cristian Gómez e Alba Geada.
Trío de locutores en acción: Serxio Alonso, Alejandra Alonso e Alba Geada durante a emisión do programa

Sem comentários:

Enviar um comentário