OS CONTRABANDISTAS

13/01/20

O CINEMA DE MATÍAS NICIEZA NA INAUGURACIÓN DO CICLO "21 días co galego"


A curtametraxe "Instrucciones para empezar a hablar gallego" de Matías Nicieza, inspirada nun relato do mesmo título do libro Made in Galiza do escritor Séchu Sende, serviu de referencia na primeira xornada do ciclo 21 días co galego. Esta iniciativa da profesora Pilar Ponte Patiño no IES do Caramiñal celébrase desde 2013 e estendeuse a outros centros desde edición de 2019 a través da intervención da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Os 21 días co galego é unha intervención educativa inspirada nas propostas de dinamización lingüística feitas polo profesor José María Sánchez Carrión. Entre os pioneiros na aplicación para a revitalización dos usos do idioma galego figura o escritor Séchu Sende, autor do relato que serviu de base ao guión cinematográfico de Matías Nicieza.
Segundo aparece reflectido no blog da intervención educativa, "este é un programa que pretende aumentar e perfeccionar o emprego oral do galego, así como a reflexión persoal sobre a relación que cada quen ten co galego e co resto das linguas que coñece".
Na edición de 2020, alén do IES do Caramiñal, os centros participantes serán os seguintes:

– IES Afonso X O Sabio (Cambre)

– IES Antón Alonso Ríos (Tomiño)

– IES Ánxel Fole (Lugo)

– IES Arcebispo Xelmírez I (Santiago de Compostela)

– IES Eduardo Blanco Amor (Ourense)

– CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña)

– IES Illa de Ons (Bueu)

– IES As Lagoas (Ourense)

– IES de Poio (Poio)

– IES de Vilalonga (Sanxenxo)

Esta é a curtametraxe dirixida por Matías Nieciza e protagonizada por actores e actrices da Mariña, algúns deles estudantes no IES Perdouro:


A comunidade educativa implicada nesta curtametraxe, recollendo tamén o sentir do director e do equipo técnico, queremos transmitir o agradecemento para todas as entidades implicadas no "21 días co galego" por contar co noso traballo.

1 comentário:

  1. Os parabéns son para vós polo voso magnífico traballo, é unha honra poder contribuír á súa difusión a través dos 21 dias co galego e +.

    ResponderEliminar