Rosana Posada Expósito
Afincada en Burela, son rinlega de pro, con moito apego e paixón polo meu povo de Rinlo. A lingua galega é o meu idioma; non teño outro na identidade. Non se podería entender a miña existencia sen o idioma galego: nacín falándoo e así finarei. Gosto moito de ler, aínda que non o fago todo o que me gostaría. Non teño un autor ou xénero preferido, mais recoñezo que novelas e narracións vanme mellor. Leo indistintamente galego ou castelán.
A Carvalho Calero coñecino no confinamento. Moito tardei!! Ao dedicárenlle o ano das Nosas Letras vin o Scórpio no andel e pensei: “Vou ler este libro; malo será que non entenda o que dí”. E alá fun! En cousa de 5 días xa acabei. Non era capaz de parar de ler e aínda me custou algún enfado (pequeniño). Sorprendeume moi gratamente. Foi tanto, que ao xurdir a creación do clube de lectura non dubidei en unirme para o volver a ler de forma diferente: con xente de diversos lugares -unhas que o leran e outras non- e con diversos puntos de vista e posta en común.
Nunca tivera relación coa norma internacional do galego, mais ese descoñecemento non me supuxo ningún esforzo maior á hora de ler o Scórpio. Aínda máis: gústame!! Por todo iso, a experiencia está a resultarme moi grata, moi enriquecedora. As descricións e os recursos que Carvalho emprega son dunha maxestuosidade que enganchan desde a primeira páxina dunha forma que non son capaz de parar de ler, É tal o dinamismo e mesmo a cor que transmite que a imaxinación xoga libre e visualizo como real todo canto leo.
Reitero: non me resultou difícil a lectura do Scórpio”, máis ben debo dicir que me entristeceu ter que pechar a derradeira folla sabendo que non ten continuación nun segundo libro. Á vista da miña experiencia, animo a todas as persoas -mozas e adultas- a entrar en contacto co mundo desta magnífica obra.
Tomade a iniciativa e desconfinade o Scórpio vós tamén.