OS CONTRABANDISTAS

24/06/21

CARTA DE AMÉRICA

 Bos Aires, Xaneiro de 1952 e día 23

Ao Señor D. Xulio Cachafeiro

Meira -Galicia-

            Ben querido amigo:

         Chegou a min, por man de Xosé Benito, a túa carta con palabras de amizade e lembranzas de xuventude que, para min, xa é fuxida. Respondo a ela na linguaxe da terra nai, que leva o meu agarimo e os saúdos e respectos para os teus familiares e para ti.

         Compráceme que teñan chegado a ti os meus libros, que -se non son moi boa cousa- teñen ao menos a virtude de sinxeleza e son expresión do meu amor á patria galega; eles levaron consigo unha lembranza para ti co desexo de que esperten na túa alma o sentimento racial e fagan xerminar no teu espírito as nobres inquietudes para ben da nosa terra, desa terra á que eu quizais non voltarei xamais, mais que teño -e terei sempre- presente no pensamento.

            A outras persoas de Meira remeseilles esta miña mensaxe poética -os dous libros-, mais somente ti me respondiche. Penso que é certo aquilo do Evanxello: „Ninguén é profeta na terra súa“. No entanto, a xente doutras comarcas -e descoñecidas de min- tiveron palabras de agarimo para a miña modesta obra, (palabras) que deron ledicia ao meu espírito, abondo amargurado certamente, por cousas que ti poderás supoñer.

           Sigo escribindo e quizais logo chegue a publicar outros tres ou catro libros de poemas galegos. A Academia nomeoume membro correspondente; un dicionario bio-bibliográfico fai mención do meu nome e agora penso que teño de merecer eses honores e para iso farei o posíbel.

           Por hoxe nada máis. Os meus saúdos para os teus seres queridos, lembranzas aos amigos de aí e unha aperta longa e forte para ti do teu amigo dos tempos felices e de sempre.

Avelino Díaz

P.D. Non te esquezas de facer que os „peques“ aprendan e falen sempre a nosa fala.

Sem comentários:

Enviar um comentário