OS CONTRABANDISTAS

24/06/21

DISCURSO DE AVELINO DÍAZ NO ACTO INAUGURAL DA EXPOSICIÓN DE DOMINGO MAZA

Donas, irmáns e amigos presentes:

Xomo primeiro acto, como inicial desta Semana Galega que, en homenaxe ao espírito inmorente da patria, organizaron o Centro Ourensano e a Irmandade Galega, realizouse hoxe a abertura desta exposición de obras escultóricas dun grande artista galego, dun predilecto irmán noso que, sendo  como quen di un morgado dos deuses, ten a virtude sublime de dar vida ás cousas inanimadas e facer que elas sexan expresión acabada da arte e tamén do espírito racialmente galego, que latexa no ser do artista que, desde a lonxanía do tempo e espazo, ten presente sempre a terra en que viu a primeira raiola de luz. Nada máis xusto e ningunha enerxía mellor empregada que a xustiza e a enerxía postas de manifesto neste acto polas entidades nomeadas, ao levar a cabo esta exposición porque ela significa, ademais de benquerenza, que se lle ten ao artista, o recoñecemento dos seus méritos como tal, o desexo de que sexa gustada polos estraños e pola nosa xente a obra magnífica que sae das súas mans feita vida e verdade deslumbrante, con proxeccións de eternidade. Nada máis xusto nin erecente de louvanza que o patrocinio desta exposición, nestas horas plenas de sentimento galego en que a nosa colectividade, afervoada de patrióticas inquietudes, fai refruir a súa espiritualidade e o seu amor desde aquí á Galiza inmorrente, en lembranza das súas derradeiras virtudes.

Non entra nos meus desexos deste momento -nin é o propósito das entidades organizadoras- o facer aquí unha presentación do noso grande artista, pois iso sería tanto como presentarvos un home xa está presentado, porque onde queira que el vaia, onde queira que se mostre a súa obra, Domingo Maza é ben coñecido, xa que no ambiente artístico deste país e no seo da nosa colectividade foi sempre -e segue sendo- considerado como un dos máis destacados escultores, como artífice da beleza, como un señor dono da graza, desa graza que a Natureza somente pon nas mans duns poucos escolleitos, pra que eles a transmitan aos demais seres, arrumada polo don divino e feita raiola de luz.

Domingo Maza xa fixo ducias e ducias de exposicións das súas obras e xa ten conquistada sona e fama de grande artista. Neste sentido, unha exposición máis pouco pode representar para el. Mais neste acto, neste abrente da Semana Galega hai algo máis que o feito de expor unha obra artística: hai o feito de que, sendo Maza un artista tan noso, tan galego, un novo ensino das súas obras dónalles xerarquía aos demais actos a realizar pola nosa colectividade. Domingo Maza, como home e como artista, exprésase en galego, con fondo sentido racial, con extraordinaria sensibilidade patriana, cunha obra que xa atinxiu o meirande crédito e que claramente que o artista -sen deixar de ser universal- é fondamente galego, que a súa obra expresa rotundamente a existencia dunha arte galega e, polo tanto, que existindo unha arte galega, existe un pobo, unha raza, unha nacionalidade diferenciada, unha personalidade ben definida, no concerto das comunidades humanas. Eis a obra de Domingo Maza, eis unha arte nosa e nela unha manifestación de existencia de todo aquilo que acabo de nomear, porque Maza, coa súa dedicación artística, dá fe da realidade vivente en todas as virtudes galegas que el ten dentro de si, como unha graza dos deuses e tamén como unha graza da terra en que foi nado.

El sabe de todos os segredos para dar vida latexante a unha madeira ou bronce ou mármore e a todas as materias susceptíbeis de ser convertidos en obra de arte, perenne, duradeira, endereitada na consecución das alturas próximas aos solios das divindades inspiradoras. Non é cousa miña o xulgar as obras de Maza desde un punto de vista artístico pola miña falta de capacidade para iso; fique iso para persoas de máis claro entendimento, mais eu son un profano; mais, si, como profano quixera eu facer unha eséxese da obra de Maza, diría tan só que abonda a simple contemplación desas tallas para que os espíritos se sintan en posesión dun ledizoso acougo e para que as almas voen plenas de felicidade, satisfeitas de ter gozado a presenza da sublime beleza, que trasunta a espiritualidade do artista e a concepción que el ten da arte, en fondura e en expresividade.

Domingo Maza entra pola porta ancha de todos os centros artísticos deste país, el dialoga con todos os grandes artífices da escultura e da pintura; el é ben querido por todos os seus colegas arxentinos; ten un nome ben acreditado nos ámbitos que con xustiza poden chamarse templos das artes aquí na Arxentina. Na Galiza ténselle considerado como un fillo predilecto e un escultor de altísima xerarquía. E Domingo Maza percibe sempre, nesta nosa colectividade, o latexar do noso fraterno amor e da consideración que se lle ten, como persoa, como artista e como galego; el entra sempre pola porta grande dos nosos corazóns.

Aquí, onde aletexa o espírito do inmorrente Castelao, neste casal do Centro Ourensano, que é un casal galego no que convivimos millares de galegos; aquí nesta nova exposición das súas obras, poderemos nós preguntar primeiro e regustar despois a beleza maxestosa das súas esculturas que nos traen reminiscencias antigas, sentimento de patria e de raza, con voces ancestrais e telúricas que, xurdindo da terra matria, chegan a nós ao traveso do espírito luminoso do artista, deste artista tan noso e tan querido por nós, que case poderíamos dicir que, alen de o ser en espírito, tamén é, materialmente, carne da nosa carne e sangue do noso sangue. Aí están as efixies dos nosos patrianos, aí temos todo ese tesouro de grazas e de beleza para alegrarnos con el. Aí temos as criaturas e o seu creador. Gocemos con presenza daquelas e coa proximidade do artista, morgado de Deus e predilecto irmán noso. E que el se goce, sabéndose rodeado da nosa benquerenza e teña a satisfacción de engadir un novo loureiro aos moitos que xa ten colleitados no seu proficuo e longo camiñar polos vieiros da arte.

(A Nosa Terra, nº 480, xullo de 1951)

Sem comentários:

Enviar um comentário